É unha verdade universalmente recoñecida que toda persoa nacida de galegos se enfrontará algunha vez á diatriba de que facermos coa chousa ou co nabal, coa veiga ou coas cortiñas, co monte aquel que cavou a avoa, descanse en paz, que boa falta lle fai. Se ata o de agora non che pasou é porque tes a fortuna de que os teus proxenitores aínda son quen de se ocupar. Porén, cando a vellez lles chega, a pregunta está aí: «A ti paréceche que venda o monte?»
Sucedeu na Terra do Medio. Poñamos por caso que un home, setenta e poucos, xubilado dalgún emprego industrial nalgún lugar da cornixa cantábrica e que só vive na aldea uns poucos meses ao ano, cansou de achegarse a pé pola congostra da beira do río, a abrirse camiño co fouciño entre as silvas, para poder ter un pouco aseado o monte aquel que herdou dos seus pais. Malia estar nunha ribeira, un cacho do monte en cuestión plantárase unha vez a eucalipto e cortouse hai como trinta anos. Despois, a natureza fixo o seu: volveron rebrotar as follas azuladas e hoxe a propiedade é unha selva coas caducifolias sobreviventes —algún amieiro, bídalos, carballos rebolos e dos outros— e o revoltillo de garabullos esfolados dos eucaliptos inzados polos gurgullos. «Podería encargarlle a alguén o labor de limpeza, pero nin atopas». Foi entón cando xurdiu o pensamento de vender. Primeiro, a madeira; despois, o monte. «Como sabía que por unha parcela do tamaño desta nin se molestan os madeiristas, chamei as dúas primas que teñen as lindeiras». Imaxinemos que unha delas reside desde hai sesenta anos na marxe esquerda da ría de Bilbao e que a outra emigrou con dezasete a Inglaterra e viu nacer alí fillas e netos. Puxéronse os tres de acordo. Isto foi antes da pandemia e aínda están a agardar que lles vaian ver o monte e lles dean un prezo. No transo tiveron mesmo que irlle ao funeral á curmá de Inglaterra, que faleceu prematuramente.
O ideal da Galicia verde correspóndese máis coa actual que coa pretérita. Segundo o Inventario Forestal Continuo de Galicia de 2023, a metade da superficie do país, 1,5 millóns de hectáreas, é arboredo. No século XVIII era unicamente un cinco por cento. Isto non quere dicir, necesariamente, que medren os bosques. Medran, iso si, as masas forestais. O reparto vén ser 30/30/40: un 30% de plantacións de coníferas, un 30% de plantación de eucaliptos e un 40% de frondosas, nas que se inclúen as caducifolias. Os montes galegos a principios do século XX eran máis pardos ca verdes: breña e terreo de labor. Os piñeiros do himno de Pondal ocupaban en 1900 só 20.000 hectáreas no país. En 1966 serían 770.000 hectáreas.
Mapa de resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia de 2023. Este proxecto conta con especialistas das tres universidades galegas, liderados polo profesor da Escola de Enxeñaría Forestal do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo Juan Picos.
O que ocorreu polo camiño desde ese ínfimo 5% de país arborizado ata a foresta dos nosos días é unha historia de migracións, abandonos, autarquías, avaricia e enxeñeiros agrónomos e forestais. A mudanza máis fonda atopámola nos anos corenta do século XX. Responde Ana Cabana Iglesia, profesora de Historia ambiental na USC, no Campus de Lugo, e especialista na Galicia rural contemporánea. Tras o triunfo na guerra civil, o franquismo comeza unha política masiva de repoboacións forestais con especies alóctonas —velaí os piñeiros de Pondal— que converten os montes galegos en forestais para uso industrial. «As repoboacións eran responsabilidade dun organismo estatal, o Patrimonio Forestal del Estado (PFE), refundado en 1941. O PFE demandaba dos concellos terras para repoboar, que no caso galego foron os montes veciñais, a única gran propiedade que existe en Galicia e que ata daquela eran empregados baixo unha lóxica agrosilvopastoral: cultivo de cereais, pasto para o gando, leña e madeira e aproveitamento de toxo e de froitos».
Se había tanto traballo nelas, como é que chegamos á idea de que estar as terras a monte é estar desaproveitadas?
A sensación de que o monte veciñal en Galicia era un espazo «a monte» e non «de monte», é dicir, abandonado e mal traballado, vén de antigo. Contamos con pasaxes escritas por viaxeiros desde o século XI que xa se fan eco de que non saben a razón de que en Galicia moita terra non se traballe, senón que está a toxos, o que identifican con faltos de uso. Non quedaban o tempo suficiente para entender que ese toxo e o resto de usos agrosilvopastorais eran os que soportaban as terras agrícolas. A ciencia forestal iniciouse no século XIX en Alemaña; Johann Heinrich Cotta está considerado o seu pai. Non houbo máis escolas ca as alemás durante moito tempo, polo que todo aquel que quería ser enxeñeiro no século XIX debía ir a Alemaña formarse. Alí os enxeñeiros aprenderon unha noción, a alemá, sobre o monte ideal. E este era forestal; todo o que non producise madeira e non respondese a uns principios de manexos case matemáticos non era «correcto». Os primeiros enxeñeiros españois que se formaron en Alemaña chegaron e viron os montes galegos (e españois) e entenderon que había que convertelos nese espazo forestal que era un ideal na altura.
A selva de Esmelle do Merlín e familia de Cunqueiro —e da Morgana en Esmelle de Caamaño— imaxinámola como un bosque nativo. A publicidade institucional da Xunta sempre é sobre fondo de frondosas. Fraga, ademais de ser unha palabra que ecoa a un tempo información (e turismo) e autonomismo camp, é unha voz que o dicionario da Academia Galega define como «extensión de monte, polo xeral illado e de difícil acceso, poboado de distintas especies caducifolias, de herbas, mofos e liques e na que convive así mesmo unha gran diversidade de fauna». Na segunda acepción faise fincapé en que se trata dunha vexetación que medra «espontaneamente». Como exemplo achega o DRAG as fragas do Eume, que foron noticia hai poucas semanas porque o CSIC constatou unha perda de masa caducifolia e un incremento da eucaliptización malia seren declaradas parque natural desde 1997 e a pesar da moratoria autonómica que paira sobre o eucalipto desde 2021. Consulto con Eduardo Corbelle, profesor de enxeñaría agroforestal no Campus de Lugo da USC, quen infire que Galicia é un territorio antropizado desde moi antigo. «A pervivencia do ecosistema prístino, inalterado pola acción humana, é case inexistente en Europa». Se non ecosistemas prístinos, si que atopamos en Galicia o que Corbelle denomina agrosistemas naturais ou seminaturais que manteñen parte das súas características orixinais e que os fan merecedores de conservación.
Sería correcto dicir que medrou a superficie de bosque en Galicia no último século? De acordo coa definición de ecosistema prístino, probablemente non. As que si parece que medraron son as masas de especies nativas, como consecuencia de procesos espontáneos de revexetación. Moitas son aínda mozas e carecen da complexidade que merecería unha cualificación de bosque, aínda que poderían chegar a tela nun futuro.
«Que un ecosistema mostre indicios de actividade humana non é necesariamente un indicador de baixo interese para a súa conservación. Moitos dos ecosistemas agrícolas en Europa teñen elevados valores ambientais e son resultado dunha coevolución que incorpora a actividade humana». Apunta Corbelle a continuación as nocións de paisaxe cultural e «high value nature farming», que poderiamos traducir como agrosistemas de alto valor natural. «As plantacións forestais, por descontado, non forman parte destes conceptos».
O 40% da foresta de Galicia son frondosas. Aquí, carballos e castiñeiros no Incio. Foto: Isa Romero.
O oxímoro do deserto verde emprégase desde os anos sesenta do século XX no Brasil para se referiren á monocultura de especies —principalmente eucalipto, mais tamén piñeiro ou acacia— para a produción de celulosa. «As masas continuas de eucaliptos teñen efectos sobre os solos e sobre a diversidade das especies», amais de producir «alteración dos ciclos hidrolóxicos» e de acrecentaren os riscos de incendios de quinta e sexta xeración en períodos de seca extrema, segundo indica o informe do Consello da Cultura sobre o proxecto de Altri e Greenalia para crear unha macrocelulosa na mesma Terra do Medio na que os tres curmáns non dan vendido a madeira. Eduardo Corbelle, que coordina este traballo xunto á arquitecta Teresa Nieto, admite que non ten constancia de escoitar a metáfora do deserto verde en aplicación a Galicia. «Probablemente, por un tema de escala: aínda que nós falemos ás veces de monocultivo, o tamaño que alcanzan as extensións continuas de millo ou eucalipto está aínda lonxe do que pode ser o caso brasileiro».
As únicas áreas en expansión nas catro Galicias (divididas en función do uso do solo e cuberta vexetal) son as de edificacións e as plantacións forestais, en detrimento das terras agrícolas e dos bosques nativos
As catro Galicias
Noutra investigación recente, que Corbelle asina co economista Edelmiro López Iglesias, identifícanse para todo o territorio galego catro agrupamentos diferenciados segundo o tipo de capa vexetal máis predominante e os usos que se lle dan ao solo. Distinguen aquí Corbelle e López Iglesias catro Galicias. Trátase dunha urbana (agrupamento 1), integrada por 32 municipios e na que predominan as edificacións, mais onde as plantacións forestais cobren unha cuarta parte do terreo. Comprende as autodenominadas grandes cidades galegas e as súas áreas metropolitanas coa excepción de Lugo e o engadido de Burela. No agrupamento 2 atopamos unha Galicia das plantacións forestais que se estende por 116 municipios, fundamentalmente costeiros (A Mariña, Ortegal, Bergantiños, O Barbanza, Baixo Miño), pero tamén noutras comarcas interiores do norte. Neste caso, as masas de piñeiros e eucaliptos abranguen preto da metade de todo o territorio. A Galicia do agrupamento 3 é a das vacas, os pastos e o maínzo e das patacas. Son en total 54 municipios —a Terra do Medio toda, a Chaira e tamén as terras de Ordes, Santa Comba ou Vimianzo e a Limia— onde o terreo agrogandeiro é superior ao 35% e os bosques seminaturais de árbores nativas, aínda que en lixeiro declive, constitúen o 17% da súa superficie. A cuarta Galicia, a das matogueiras (44%) e as fragas (18%), é a máis extensa de todas. Está empoleirada nas máis altas cotas e abeirada cara ao leste e ao sur do país, aínda que atopamos tamén algunhas masas na Costa da Morte ou no Xistral.
Clasificación en agrupamentos da superficie de Galicia en función dos usos e cuberta vexetal, segundo os datos do período 2005-2017. Do artigo «Farmland Abandonment and Afforestation: Socioeconomic and Biophysical Patterns of Land Use Change at the Municipal Level in Galicia, Northwest Spain», publicado por Eduardo Corbelle Rico e Edelmiro López Iglesias na revista Land neste mesmo 2024.
Os resultados deste traballo indican que as únicas áreas en expansión nas catro Galicias son as de edificacións e as plantacións forestais, en detrimento das terras agrícolas e dos bosques nativos. Con todo, a construción intensificouse no que vai de século XXI especialmente na Galicia urbana, os forestais medraron sobre todo na Galicia forestal e onde máis aumentou a breña foi na Galicia da matogueira e das fragas. Obsérvase, xa que logo, «unha especialización territorial» que se fará máis evidente «os vindeiros anos». Sobre este aspecto, os autores subliñan que a área de terras agrícolas actual é moi inferior á potencialidade que ofrecen cada unha das catro Galicias e isto é debido á competencia tanto de edificacións e de plantacións forestais como de toxo, xestas, carpazas, fentos, uces e silvas.
«O desenvolvemento recente dos grandes problemas ambientais e sociais a nivel global fai que sexa pertinente repensar criticamente o que ata o momento consideramos como a validez do coñecemento científico». Asinan esta frase case unha ducia de persoas, científicas e académicas todas elas. Acudo unha vez máis a Eduardo Corbelle.
No ámbito das enxeñarías forestal e agrícola atopamos literatura científica moi diverxente: hai quen considera que os cultivos forestais só trouxeron progreso e beneficios e que limitalos vai contra as comunidades rurais, pero hai quen vincula precisamente esa reforestación intensiva á sangría demográfica que se produce desde finais dos 50 pola competencia que supón para os usos agrogandeiros. Como podemos interpretar isto as persoas leigas? En xeral, os cambios sociais e de paisaxe tenden a retroalimentarse, de modo que é difícil afirmar se un é consecuencia do outro ou ao revés. En calquera caso, desde a década de 1960 eu diría que primeiro foi a emigración cara ao exterior e logo a forestación de terras xa non utilizadas para a agricultura. A competencia con outros usos existe, pero convén ser cautos: a miúdo, a forestación é parte da estratexia familiar de explotacións que planifican a súa saída do sector (e plantan, polo tanto, aquelas terras que van deixando de usar).
En Galicia, un terzo non do monte, senón do país enteiro, son montes veciñais en man común, de propiedade privada e colectiva
Dúas das comarcas da Galicia das plantacións, A Mariña e Ortegal, son as que presentan na actualidade un maior número de núcleos despoboados, mesmo comestos polos eucaliptos, se facemos a comparación coas fotos fixas do voo americano de 1956. Ana Cabana explica que se aborda a forestación como consecuencia mesmo da despoboación ou da desagrarización, «pero ningún estudo se pregunta se hai a relación contraria, se as reforestacións franquistas botaron a xente». Porén, en Portugal si que deron probado que a repoboación de piñeiros durante o Estado Novo despoboou os baldíos de persoas. Ao igual que andar a monte é algo que asociamos ao abandono, a palabra baldío mudou no galego contemporáneo o seu campo semántico.
Ortigueira, nunha comparativa entre unha imaxe obtida no voo americano do 56 e outra do 2020. Cedida.
Hoxe baldío é sinónimo de inútil, que non dá froito, inculto, mais en Portugal aínda conserva o significado que tivera desta beira do Miño. Un baldío é un terreo posuído e xestionado por unha comunidade veciñal. En Galicia, un terzo non do monte, senón do país enteiro, son montes veciñais en mao común, unha forma de propiedade privada e colectiva de dereito xermánico. Monte veciñal ou procomún hai en máis lugares, pero é de titularidade pública, dos concellos ou das xuntas veciñais. Só en Galicia —tamén en lugares de Zamora, occidente de Asturies ou norte de Portugal— o monte veciñal é privado.
Ao comezaren as repoboacións forestais franquistas, a maioría dos concellos galegos acordaron sen problema «cederen» estes montes veciñais a Patrimonio Forestal del Estado. «Outras corporacións municipais tentaron dilatar o proceso e algunhas, as menos, negáronse a faceren a cesión, o que lles custou os seus cargos», relata Ana Cabana. As repoboacións executáronse a través da fórmula de «consorcios», contratos que podían ser entre a PFE e os concellos, que repartían gastos e beneficios das cortas da madeira, ou nos que entraban as deputacións provinciais.
«A eucaliptización é un fenómeno da democracia»
Ao mito da eucaliptización por suma das vontades individuais dos propietarios da terra, engádeselle o de que se aceptou sen resistencia. As repoboacións primeiras do franquismo foron de piñeiros en toda Galicia, mais a creación en 1939 da Sociedad Nacional Industrias Aplicación Celulosa Española (SNIACE), cunha factoría en Torrelavega (Cantabria), e da Empresa Nacional de Celulosa (ENCE), que abriría a súa primeira planta en Lourizán (Pontevedra) en 1963, supuxeron unha viraxe cara ao eucalipto como especie pasteira nas franxas atlántica e cantábrica. Con todo, Cabana incide en que a eucaliptización tal e como a coñecemos é «un fenómeno da democracia».
O 56% das cortas de madeira son de eucalipto; só o 2% son frondosas. Nove de cada dez fanse no norte de Galicia
As primeiras en cheirar o que se lles viña enriba foron as mariscadoras de a pé do fondo da ría de Pontevedra, que artellaron sabotaxes contra as obras de construción de ENCE e protestas organizadas que non foron escoitadas. Houbo accións legais, con escritos administrativos e recurso á xustiza ordinaria, mais tamén ilegais, como destruír as repoboacións ou o incendio. Os comunais comezaron a serlles devoltos aos seus lexítimos propietarios, vía sentenzas, a partir da Lei de Montes de 1968, pero nin foron reclamados todos os montes nin aqueles eran os mesmos montes nin tampouco en moitos lugares ficaba quen termase deles.
Consideran Corbelle e López Iglesias que, para garantir o éxito da recente Lei de recuperación de terras agrarias de Galicia, cumpriría non só ter en conta as diferenzas das catro Galicias, como unha estratexia económica multifuncional, mais tamén como profilaxe contra os incendios. Poñen o foco en instrumentos como bancos de terras na Galicia das vacas e do millo e reclaman medidas singulares para a Galicia das matogueiras, das montañas do leste e do sur, as de maior declive poboacional e onde son máis habituais os montes veciñais. Por contra, nove de cada dez cortas de madeira fanse no norte de Galicia, por propietarios que viven, as máis das veces, nas cidades de Lugo, A Coruña, Ferrol ou Santiago. Ou en Bilbao e Inglaterra, se é que algún madeirista acode á chamada dos tres curmáns. Hai lugares no septentrión onde o número de propietarios de plantacións multiplica por cinco ou por seis o de residentes. O que vén ser unha xestión absentista. Para os donos, a maioría xubilados, a corta de eucaliptos supón unha media de 10.000 euros cada doce anos, segundo o catedrático Manuel Marey. Tomás Fernández Couto, exdirector xeral de Defensa do Monte da Xunta, que non é sospeitoso de ter ningunha teima persoal contra os eucaliptos, afirmaba en 2017 que os castiñeiros multiplican por seis o retorno eucaliptal, pero cómpre terlles algo máis de paciencia e resulta máis incompatible con vivir na Coruña, en Santiago, en Lugo, en Bilbao ou en Inglaterra: de 15 a 18 anos só as castañas renden de 6.000 a 8.000 euros por hectárea, fronte aos 1.000 ou 2.000 dos eucaliptos.
«No país do minifundio, hai montes veciñais de tres mil hectáreas»
Sostén Mar Pérez Fra, profesora de economía agraria no Campus de Lugo, que o relato dos comunais é tamén unha labazada contra o estereotipo de que a xente de Galicia é, sobre todas as cousas, individualista. É unha narrativa que nos fala de séculos de cooperación e de xestión democrática. «No país do minifundio, hai montes veciñais de tres mil hectáreas. É un recurso marabilloso. Unha ferramenta contra o despoboamento, pero moitos están nunha situación de abandono e de subaproveitamento». Para esta profesora da USC, os comunais representan unha oportunidade para novas incorporacións á actividade agraria, xa que o principal problema adoita ser o acceso á terra. «Ser veciña dunha parroquia con monte veciñal en man común supón un acceso automático a unha propiedade que é indivisible, imprescritible, inalienable e inembargable».
«O forestal actual de Galicia nace co franquismo, pero consolídase na democracia» (Ana Cabana). Algunhas comunidades, como en Mourente ou Froxán, están a revertelo: queren substituír o eucalipto por frondosas
Segundo o clúster da madeira, o sector representa case o 2% do PIB de Galicia e o 12% do emprego industrial. Con todo, case a metade dos 2.700 millóns de facturación proceden da industria da pasta de papel e de taboleiros, cuestionada —tamén— polo seu escaso valor engadido. Obsérvase un desequilibrio nas cortas por tipo de madeira: o 56% é eucalipto e unicamente o 2% son frondosas. «Existe unha ausencia da xestión das masas de frondosas en Galicia», sinala Corbelle, asociada ao abandono. Sobre este aspecto, Pérez Fra argumenta que unha das principais eivas está nos problemas de delimitacións. A Lei de Montes de 1989 estabelecía que debía ser a Administración autonómica quen se encargase dos deslindes. A Xunta, coa Lei de Montes de Galicia de 2012, pásalle a pataca quente ás propias comunidades, «que en moitos casos non teñen nin pulso nin recursos para podelo facer». Por alusións, de novo, pregúntolle a Eduardo Corbelle:
Os enxeñeiros participan no deseño das políticas forestais en Galicia desde hai case un século. Existe algún tipo de reflexión profesional sobre o histórico e a pertinencia dos modelos escollidos? O debate é relativamente escaso. En xeral, diría que a visión dominante é a que ve a expansión do modelo máis produtivista como un éxito. As visións máis críticas hai que atopalas fóra da profesión, aínda que tamén existan dentro.
Foto: Xosé Andrade
«O forestal actual de Galicia nace co franquismo, pero consolídase debido a políticas forestais tomadas xa en democracia, cunha cidadanía con dereitos de protesta e de voto. Nada que ver cos tempos da ditadura, claro. Iso si, tampouco se incentivou a posibilidade doutros aproveitamentos que non fosen piñeiros e eucaliptos», afirma Ana Cabana. A comunidade de montes de Mourente, en Pontevedra, a poucos quilómetros de Ence, acaba de anunciar que quere substituír o eucalipto por frondosas. «Estase a reverter en máis dun sitio. É un exemplo a comunidade de montes de Froxán, en Lousame. En Quiroga, propietarios privados volveron plantar oliveiras en espazos que se viñan dedicando a forestal. O fenómeno das brigadas deseucaliptadoras, que saíron de Verdegaia, é un indicador, ao igual que a aposta pola multifuncionalidade e a economía circular dalgunhas comunidades», enumera a historiadora.
Os distintos verdes e pardos tinguen esta imaxe tomada en Pontedeume e revelan a miscelánea arbórea, con eucaliptos, piñeiros e especies caducifolias nas cada vez máis ameazadas Fragas do Eume. Foto: Xosé Andrade.
Os beneficios das comunidades de montes pagan actuacións da Panorama e do Combo Dominicano nas festas parroquiais, mais tamén bolsas para estudaren as fillas da veciñanza. A fábrica de larva de mosca para alimentación animal que funciona desde hai uns meses en Palas de Rei está construída nunha parcela de 55.000 metros cadrados da parroquia de Berbetouros. Outros procomúns están xa a obter beneficios polos servizos ambientais que prestan grazas aos mercados de carbono, cuns prezos que se marcan en función do CO2 que fixan as árbores.
«Que habemos facer onde non hai comunidades?», preguntábase Mar Pérez Fra nunhas xornadas sobre territorio organizadas pola delegación luguesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia en 2023. Os tres curmáns do principio desta historia tampouco teñen quen lles dea unha resposta.