Algoritmo e precariado

Burgueses e proletarios. Así comeza o máis célebre dos manifestos. Dous bandos antagonistas inscritos no horizonte dunha loita final. Só poderá gañar un. O éxito deste encadre político vai ser tal que anticipará a política dos tempos por vir. Mais onde é que estamos hoxe? Onde quedaron os burgueses e proletarios? Que teñen que ver en termos de clase a vella burguesía dos Rotschild ou Rockefeller con megamillonarios horteras de inmensas fortunas globais amasadas en poucas décadas grazas aos poderosos algoritmos dun capitalismo informacional? Onde quedou a prole que deu nome ao proletariado como clase e que era preciso manter nuns mínimos cando a precariedade fai hoxe unha simple continxencia da vida dos suxeitos produtivos?

Hai case dou séculos, o Socialismo de apelidos científico, histórico e dialéctico, atopou na narrativa de Karl Marx o seu catalizador histórico; a ferramenta literaria coa que producir a maior mobilización social modernizadora ata entón coñecida. A diferenza do seu antecesor de apelido «utópico», o ideado por Marx inscribiu a súa narrativa no metarrelato máis importante dispoñíbel para as masas labregas abocadas á explotación fabril e a se constituíren nunha nova subxectividade emancipadora; a saber: a teleoloxía redentorial do cristianismo.

A diferencia dos utópicos, o éxito mobilizador da narrativa marxiana foi debido á súa formidábel resonancia cultural no grande metarrelato dispoñíbel por un suxeito que naquel tempo aínda estaba por se acabar de constituír. Outro inmenso pensador, Jean Jacques Rousseau, avanzara un paso que inspiraría a Marx: o discurso sobre a orixe da desigualdade. O filósofo xenebrino xa secularizara o relato da cristiandade occidental: nunha paradisíaca sociedade da abundancia, o reparto da terra desencadeou unha desigualdade artificiosa, que xerou o imperativo dun contrato social: «l’homme est nait libre, et partout il est dans les fers». E ollo aquí á precisión que nos permite o galego: nace «ceibo», que aínda non «libre»; pois, ao cabo, a nosa condición de nacemento é zoepolítica —a condición irredutíbel da nosa dignidade animal. Porque é ceibo, vai «encadeado». Velaquí o que fai preciso o «contrato social» e, xa que logo, a república que garanta ese biopoder de nome liberdade.

A partir do labor xenealóxico sobre Rousseau, e conectando cos cambios da revolución industrial, Marx enunciaría a súa formidábel narrativa de liberación. Nos inicios estaba o Paraíso da abundancia autosuficiente: o comunismo primitivo. A humanidade apartouse, porén, daquel harmonioso equilibrio primeiro desencadeando o movemento histórico das sociedades cun pecado orixinal: a acumulación primitiva do capital. En adiante e ata o fin dos tempos, que viría baixo a forma dun apocalíptico xuizo final de nome Revolución, o devir da humanidade consistiría nunha procelosa historia de loitas.

A finais de 1847, cando Marx abre o manifesto con «unha pantasma percorre Europa…», o capítulo da catarse aínda estaba por escribir. Que foi o que aconteceu? Que se fixo na actualidade da extraordinaria resonante potencia mobilizadora da narrativa socialista de Marx? E dos seus protagonistas, a burguesía e o proletariado? Como é que perdeu a súa forza mobilizadora? Pereceu o proletariado na loita? A burguesía? Ou ambos antagonistas mutaron na seguinte etapa do antagonismo?

Segundo como se mire, o capitalismo ten entre dous e cinco séculos, ou mesmo algún máis. Nese tempo sobreviviu amosando unha capacidade de adaptación por momentos sorprendente. E se foi que puido superar as maiores adversidades foi pola súa capacidade para manter estruturas de dominación política por riba mesmo dos imperativos económicos. Perante a capacidade de fuga innata da explotación coa que os suxeitos produtivos reactivaron sempre as distintas formas de dominio, o mando do capital sempre foi quen de readaptar o modo de produción.

Como moi ben ten explicado Giovanni Arrighi, o capitalismo atravesou así ata catro ciclos de acumulación sucesivos antes de chegar ao presente: xenovés, holandés, británico e estadounidense. Con cada ciclo foi mudando a composición de clase en base a desprazamentos xeohistóricos estratexicamente útiles ao mantemento do dominio do capital sobre o traballo. E mesmo se este sempre deu co xeito de seguir fuxindo, o certo é que o capital se foi perfeccionando e foi sofisticando cada vez máis os seus aparellos ideolóxicos ata se incrustar na psique do devir cíborg do precariado.

Así foi, en definitiva, como chegamos á encrucillada actual que pivota arredor de quen dominará a IA. Por dentro desta penúltima mutación tecnolóxica atópase o imperativo de captura da subxectividade antagonista. A lóxica algorítmica na que se insire, subsume e opera o precariado é nestes momentos o equivalente do que foron o taller preindustrial, a fábrica fordista e a metrópole posfordista. Por iso o semiocapital tecnolóxico decidiuse polo asalto da Casa Branca, logo de comprar Twitter. Por iso o aviso chino de Deepseek deixou fóra de xogo a Silicon Valley. Por iso no que acontece xa se anuncia un tempo no que o antagonismo terá que ser pensado de novo desde outras narrativas, outras subxectividades, outras praxes antagonistas que liberen as mentes da heteronomía algorítmica.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail