As Womansplainers demos a nosa primeira volta ao Sol e estamos de parabéns. Quixemos facer un episodio que recollese a nosa esencia e contase coas mellores convidadas, para te agradecer a ti, a ti, todo este tempo connosco. Marilar Aleixandre, Marta Veiga Izaguirre e Antía Yáñez repiten participación e sopran as candeas para destriparmos un dos nosos mitos fundacionais: o matriarcado.
Antes de máis nada, comezamos cunha cuestión técnica nada fútil: cando afirmamos debemos achegar probas. Non son válidos neste episodio argumentos anecdóticos ou impresións. Sendo así, seis señoras e un señoro en vías de rehabilitación tiran de varios fíos neste coloquio. Falamos do que se pode entender hoxe por un matriarcado, a relación das mulleres co poder, coa riqueza e coa familia.
Se nos centramos no caso galego, vemos que este mito foi fortemente asociado a nós. Tentamos desvendar a utilidade desta idea dentro da construción nacional e como ela tamén serviu para desactivar certos avances na loita feminista. Estamos a confundir «matriarcado» con «asunción plena dos coidados»? Ten sentido reivindicar un matriarcado ou falarmos de Matria?
A representación da «matriarca» na pintura, literatura, escultura, cinema e series é igualmente analizada neste programa que, como sabedes, conta co patrocinio de PuntoGal.
En resumo, fixemos unha festa, pero Estrabón non foi convidado.