Os cen anos de dona Concha

Hoxe, dona Concha celebra o seu 100 aniversario, unha data que dende hai anos esperamos e comentamos cada vez que temos ocasión. «Vai vir o Faro facerche fotos!». «Chamaremos a Fernando Franco para que veña á festa!». Ata chequeamos as esquelas para comprobar os postos que quedan por subir para ser a máis lonxeva de todo Vigo. Si, todo na vida ten que ter o seu toque macabro. Para dona Concha saír no Faro é existir. Ela, que tivo sorte de aprender a ler e escribir e que fixo que todos os seus fillos fosen á escola de dona Antonia, fai de ler o xornal o seu ritual definitivo. Unha hora na que «só leo as letras grandes e as fotos, porque con este ollo non vexo nada», di. Mais como te pille nunha conversa sobre actualidade, dáche un repaso que só un redactor xefe podería igualar. Dona Concha cumpre 100 anos en medio dunha pandemia global porque, pese a todo, o mundo sempre segue xirando. Para os centenarios, como dona Concha ou o recentemente finado capitán Tom Moore que percorreu o seu xardín 100 veces para recadar cartos para o servizo nacional de saúde británico, a Covid é unha parte máis da súa historia vital. Mentres os demais vivimos atenazados pola incerteza, o aumento de casos ou intentando decidir que máscara levar, eles seguen camiñando. «O meu día hoxe foi bo, pero estou convencido de que mañá será mellor», converteuse no eslogan de Moore e de medio Reino Unido para manter a cabeza no sitio durante os últimos meses; tanto que Tom acabou sendo portada de GQ.

Tom Moore.

Dona Concha acumula un par de guerras, os primeiros pasos da humanidade na lúa, unha ditadura, os 2000 que ían paralizar as conexións dixitais e o mundo que colapsaba segundo os maias. Para o seu 100 aniversario só podía tocar unha pandemia global que nos impida celebrar xuntos. E non, non é viable que intente coller o bicho para estar con nós na rúa. E non, as vacunas para maiores de 80 non van comezar polos que teñen oitenta anos e seguir subindo facendo que a ela lle chegue cando estea a morrer. Dona Concha presume pola praia de pouca movilidade nos seus paseos, supera a ducia de bisnetos e controla a todo xogador de futbol canto hai, aínda que lle cambie a todos os nomes e ás veces ata de década. Experta viaxeira, cando alguén marcha de viaxe sempre ten o mesmo consello: «Se vas a calquera sitio, hai que sentar a tomar algo na mellor praza. Dan igual os cartos. Acaso tes pensado volver?», convéncenos. Esta semana non podemos celebrar o seu aniversario coa festa habitual de tropecentos e unha merenda chea de larpeiradas na que non falten as rosquillas, o chocolate ou as patatillas. E non vai ler este artigo porque non está no seu Kindle, nin no Faro e eu tampouco son Fernando Franco, pero segue sendo día grande para celebrar. Parabéns, abu. You’ve made it ♥

E xa sabedes, a clave para chegar aos 100 é sentarse na Piazza Navona a tomar gelatti. Tomade boa nota, que a vida segue.

A praza Navona de Roma coa barroca Fonte dos catro Ríos, de Bernini, no centro.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail