Deus salve o lehendakari!

«Dios salve al Lendakari

que no es un rastafari

el es un txistulari ¡uhouho!»

Derribos Arias. «Dios salve al Lendakari»

Mentres escribo isto, milleiros de paraugas enchen a praza da Quintana. Baixo dos paraugas hai persoas que decidiron pasar o domingo mollándose, textualmente, pola defensa da sanidade pública. O éxito que supuxo a reapertura do paridoiro de Verín –pechado o pasado decembro e non polo bipartito, como repite orwellianamente a propaganda oficial– esporeou unha protesta que vai ser, sen dúbida, un dos eixes da batalla electoral.

Porque neste 2020 hai eleccións. E este artigo é unha demanda, unha petición, un rogo, unha súplica… para que se convoquen. Xa. Sen máis tardar. Por favor (se isto fose un Whatsapp, aquí irían moitos emojis deses coas palmas das mans xuntiñas…).

Quizais, só quizais, o lehendakari o faga mañá mesmo. O martes é a data límite se se quere votar o vindeiro 5 de abril, ese día co que especula a prensa vasca como o favorito do inquilino de Ajuria Enea; este limítase a dicir que só puxo marcos a un prazo que comeza aí, en pleno domingo de Ramos, e remata o 22 de outubro. Un horizonte ao que non estamos en condicións de chegar. Non así.

O martes é a data límite se as eleccións se se quere votar o vindeiro 5 de abril, ese día co que especula a prensa vasca como o favorito do inquilino de Ajuria Enea

Hai consenso en Galicia. Todo o mundo dá por feito que, outra vez, imos votar o día que marque Urkullu. Con el non importa coincidir. A Feijóo nunca lle foi mal cando aconteceu. Igual non existe unha causa-efecto, pero aquí pódese aplicar o método Woody Allen. O cineasta almorza un plátano cortado en sete anacos. Di que o fixo unha vez e non lle pasou nada, así que por que experimentar e cortalo en seis partes? Ou en oito? Para o presidente da Xunta, votar con Catalunya podería ser o seu oitavo anaco de plátano. Por razóns ben distintas, mesmo opostas, nin el nin o lehendakari queren coincidir coa convocatoria de Quim Torra. Votar en abril descartaría xa esa posibilidade. E eu agradeceríao.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. Fonte: Xunta.

Por que tanta teima? Sinxelo: porque isto é xa invivible. Desenganémonos. A lexislatura con menos actividade lexislativa da historia da autonomía xa está amortizada. O goberno está parado e sen ideas, centrado unicamente na súa confrontación constante con Madrid, que é o que lle dá alento nestes últimos meses de mandato. Prográmanse actos de axenda sen sentido para que os conselleiros, ata os que carecen de perfil político –e perdón por usar aquí o masculino inclusivo– teñan un altofalante onde lembrarlle a Pedro Sánchez e Pablo Iglesias todo o que non podemos facer polo «furto» dos 200 millóns do IVE. Improvísanse fotos do presidente en centros educativos. E xa comezaron as viaxes inesperadas á diáspora. Si, estamos en conta atrás…

O titular da Xunta durante a súa viaxe institucional en Uruguai, nun acto homenaxe da Federación de Institucións Españolas dese país, cunha moza de orixe galega.

Cando cheguei a Santiago en 2004 e me tocou facer información parlamentaria, quedaban uns meses para as eleccións nas que Fraga perdería a maioría absoluta. Aínda que daquela a oposición contaba cun aliado que non existe nesta ocasión –a bioloxía está moi lonxe de conspirar contra Feijóo– vivíase un ambiente de efervescencia que apuntaba que o que estaba en xogo non era «un cambio de goberno» senón «un cambio de réxime». Así o dixera Barreiro Rivas nun daqueles actos cívicos pola fin do fraguismo que se multiplicaban como setas. Tras identificarse «co portugués ao que invitabamos aos congresos na Transición para poder dicir que eran internacionais», asumiu que, se todo ía como debía, non volvería a intervir así ante un público de esquerdas. Tamén niso acertou. Hoxe custaría moito imaxinalo criticando sobre un escenario ao candidato do PP.

O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, no Parlamento o pasado 28 de xaneiro.

Dende que se iniciou este período de sesións, se non antes, o ambiente do Pazo do Hórreo lémbrame o daquela época. As sesións de control resólvense a cara de can, co coitelo entre os dentes, cun ambiente máis propio da Cúpula do Trono («dous entran, só un sae») que de dialéctica parlamentaria. Feijóo trata de desacreditar a Caballero como «mascota» de Pedro Sánchez mentres o socialista, como recuperando o clásico «váyase, señor González», lle replica que el «xa non goberna Galicia». Hai catro anos, cando En Marea estaba convencida de que chegara o momento de asaltar os ceos galaicos, non se palpaba esa pulsión de cambio. Ou igual era que, máis aló dos discursos rituais, realmente ninguén cría nela…

O presidente da Xunta nun acto de precampaña o pasado mes de xaneiro. Fonte: PPdeG.

Estratexicamente, é certo que abril non semella a mellor opción para a esquerda. Agás Caballero, que deixou atada a súa candidatura á Xunta case no momento de entrar pola porta da sede do Pino, o resto de forzas da oposición chegarían co pé cambiado. O Bloque tamén fixo os deberes, pero abril pillaría a Ana Pontón en pleno permiso maternal. E a todo o espazo rupturista lonxe de ter atopado algunha solución a tanta ruptura. Cos ritmos da horizontalidade, igual o teñen resolto para 2024…

Pola súa banda, Feijóo nin sequera foi proclamado candidato oficialmente. De xeito oficioso, centos de veces. Esta mesma fin de semana os presidentes provinciais suplicáronllo coa mesma dignidade coa que eu imploro polo adianto electoral. Como os presos daquela peli de Jarmusch: «I scream, you scream, we all scream for an ice cream». E quen di un xeado di un adianto electoral.

Lehendakari, faga os honores. Se ten dúbidas, pida que lle busquen o vídeo ese de Miguel Anxo Bastos Out Of Context no que recita, como quen repasa a carta dos Reis Magos: «Dios, Rey y Leyes Viejas. Diosss, mucho me gusta a mí escuchar esas cosas…».

Se non abonda, escoite a Siniestro Total versionando a Derribos Arias, a Reixa cantando con Negu Gorriak, o Galiza de Kepa Junquera… Faga o que queira. Pero convoque. Se fai falla, pídollo por Sabino Arana.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail