Contra a servidume dos Señores da Nube

O Gran Retroceso é tamén unha volta ao futuro. Non só polo fanatismo tecnolóxico, senón pola apropiación dese tempo do porvir. «Ten futuro a verdade?» foi unha das boas preguntas que se fixo George Steiner. E tamén atopou unha boa resposta, un ferrete que dá que pensar: «Creo que a verdade ten futuro. Que o teñamos nós é algo que está menos claro».

A grande operación de prestidixitación fundacional do tecnofeudalismo, con ese capitalismo máxico que ten sede na Nube, foi cancelar a custosa procura da verdade, mesmo despezar a realidade nunha barbacoa, e substituíla polo máis exitoso menú da historia: a realidade alternativa, a verdade precociñada, unha sobremesa global da posverdade. A industria da desinformación a pleno rendemento. Como dixo Steve Bannon, o gurú que enxergou o novo híbrido reaccionario da dereita e a extrema dereita como un brutalismo compartido, «a verdadeira oposición son os medios (serios)». Como combatelos? «O xeito de lidar con eles é inundar o terreo con merda». E nesas estamos. Elon Musk redobrou a aposta de merda.

A merda é unha materia infalíbel como material informativo porque acapara a atención. Velaí a clave. O maior recurso económico, político e cultural. A atención. O tempo de atención. É unha propiedade preciosa, a atención. Nós pagamos como servos aos Señores da Nube, pagamos por utilizar o móbil, Alexa ou calquera outro chisme omnipresente. Pagamos se queremos existir, non ficar nas verzas, non caer na maior das síndromes contemporáneas: o fear of missing out. O medo a ficar fóra. Fóra de xogo. A versión dixital, moderna, do maior dos medos. O medo ao abandono. Como unha variña máxica e adictiva, o móbil dános a ilusión de poder estar no allo. Mais, por riba, nós entregamos gratis ás plataformas o ben máis prezado: o noso tempo, a nosa atención. Non somos propiamente usuarios. Somos mordomos de Elon Musk, Mark Zuckerberg, Zhang Yiming (TikTok)…

Yanis Varoufakis, o autor de Tecno-Feudalismo. El sigiloso sucesor del capitalismo (Deusto, 2024), razoa unha tese que semella sorprendente: «O capitalismo está morrendo». Home, quen o diría? Ao xeito neoliberal, é hoxe un sistema triunfante, sen apenas resistencias. Quen o está matando? «A resposta é dunha ironía deliciosa: o capitalismo morreu asasinado pola súa man: polo capital».

O capital da Nube que domina a terra. E o paso decisivo foi, como non, unha privatización que cambiou o mundo. A de Internet. Esa privatización converteunos en máis servos. «Resulta difícil aceptar que o capital se nos adiantara e o substituíra (o capitalismo) por algo peor», engade o irónico pensador grego.

Vivimos xa nese futuro futurista, con rancias utopías como o turismo espacial ou a colonización de Marte. É unha ilusión e unha miraxe, como o é a pulsión pueril que anima o campionato das luces de Nadal, pero que máis ten? Os que xa teñen as principais ferramentas de poder e negocio no mundo, os Señores da Nube cos seus mordomos políticos e desinformadores, son os que impoñen tamén esa narrativa estupefaciente. Ese proceso foi alumeado por Michel Nieva no ensaio Ciencia ficción capitalista (Anagrama, 2024). Nel cóntase como Jeff Bezos, o dono de Amazon, de volta da súa viaxe espacial, nunha nave en forma de falo, puxo un sombreiro de cowboy coma se viñese da conquista do Oeste. O fantasma máis rico do mundo.

Aínda así, os extravagantes non son eles, senón os augafestas que buscan o corazón perdido das cousas e alertan que o noso único fogar, o planeta, está feito cachizas e só hai unha maneira de relacionarse co futuro: abrazándoo, facéndolle o amor e non deixándoo en mans de algoritmos histéricos. Detrás dun algoritmo histérico hai sempre machos histéricos. Cantando en presente a canción de Patti Smith, «I don’t fuck much with the past but I fuck plenty with the future». Si, a verdade ten futuro. Pero hai que loitar por ela, por salvar a realidade. Limpar o terreo de medo e de merda.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail