Celebrouse ao cabo a IV edición do MUFEST (Festival de Cine Feito por Mulleres) en versión on-line (Festhome 17-19/12 2020) porque a edición presencial, inaugurada en Compostela o 10 de marzo, viuse truncada pola Covid 19. Un festival que recibiu 627 filmes de 51 países. De aí seleccionouse un palmarés de 18 obras.
Importan este tipo de festivais para ver e facer ver ás mulleres cineastas, tamén postergadas e preteridas respecto dos varóns do gremio. Seguimos comprobando que, malia os enormes avances na conciencia das mulleres da súa valía e capacidade en todas as ordes da vida, a presenza e visibilidade delas nos postos de dirección segue a ser pequena.
Os datos de CIMA (Asociación de Mujeres Cineastas y de Medios Audiovisuales) de 2018 son elocuentes: só un 23,7 % das longametraxes de produción española contaron cunha muller no seu guión ou dirección. A presenza de varóns: produción 74%, dirección 88%, longametraxes ficción 91%, guión 87%, montaxe 80%, son 93%, efectos especiais 99%. Nos Premios Mestre Mateo 2020, de 16 coguionistas, 4 son mulleres (25%). Ningunha directora de filmes de ficción. En documentais houbo paridade (50%); en produción: de 4 películas, 2 mulleres produtoras e outra máis co-produtora.
Así que a visión das mulleres como guionistas e detrás das cámaras non chega, apenas, ao público. É dicir, que se seguen proxectando visións da realidade, soños ou fantasías moi maioritariamente masculinas, cando elas son, están e teñen cousas que dicir ou teñen que dicir as cousas doutras maneiras. A eito poñendo o foco na vida colectiva, problemas sociais e políticos, os usos dos espazos públicos, a explotación laboral, a violencia específica sobre as mulleres, maternidade, os coidados e como atinxen ás vidas e desde logo á sexualidade e ao desexo.
O xurado do Festival constituído por Laura Gómez, Silvia Modia, Renata Otero, Cora Peña e Marta Piñeiro, acordou os seguintes premios:
Mellor Documental para: Tiempo suspendido (Arxentina-México), de Natalia Bruschtein
Mellor Curtametraxe para: Coffin Décolleté (Exipto), de Nancy Kamal
Mención especial ao Mellor Filme en Galego para: Todas as mulleres que coñezo (Galiza), de Xiana do Teixeiro
Quedou deserto o Premio á Mellor Longametraxe de Ficción por non ter sido seleccionada ningunha polo comité de preselección do festival.
A memoria, xa desmemoriada, de Laura Bonaparte, á que axuda a reconstruír a vida, a loita, a desaparición e asasinatos de fillos na Arxentina de Eva Perón e de Videla a súa neta, Natalia Bruschtein, directora do documental. As migracións, os centos e milleiros de seres humanos que soportan vidas dificilísimas sen perder a coraxe que nos conta Isabel Muradás en De Norte a Sur. Georgina Cisquella fainos saber das camareiras de hotel, dos seus traballos, salarios, enfermidades laborais. As kellis, sobre as que «descansa» tanto goce de turismo e ocio en Hotel Explotación.
En Todas as mulleres que coñezo, escoitamos falar das incomodidades, rabias e medos que viven nos espazos públicos: bares, rúas e outros lugares de ocio por causa de homes que entenden pouco o que é respecto e liberdade. O abuso infantil e a resposta das rapaciñas. A violación dun amigo nunha noite de borracheira. O abuso dun funcionario corrupto que tenta atrapar a unha migrante con «favores sexuais» (vaia conceptito) para darlle o DNI. Unha nai libanesa que todos os días fai a comida favorita do fillo (desaparecido) por se, talvez, el volve hoxe. Sexo limpo na que trunfa o desexo e o sexo por sobre a neurose de limpeza. O casamento da nena que ve os preparativos dunha voda sen saber que ela é a vítima propiciatoria, da exipcia Nancy Kamal. Historias de vaxinismo en Madrinas. A insoportable vida dunha nai e esposa dun impedido ao que coidar. A curiosa historia de Cielito lindo. Nove pasos cun sorprendentísimo final, ou a bela historia de Adondar a lingua, de Celia Parra.
Non colle todo. Aí os máis dos temas, que non o enfoque. Iso quere ver os filmes. Falamos diso. Revelar e desvelar as creación das mulleres, neste e noutros eidos, importa. Seguen todas as inercias deixándoas nunha cativa existencia.
ELAS saben da realidade; teñen soños e fantasías; teñen desexos e a maioría goza do sexo.
Homes e mulleres de calquera clase e condición desenvolveríanse máis e mellor se coñecesen desde crianzas máis obras (e escoitasen máis voces) de mulleres no canto dese exceso de masculinismo que venta desde os catro puntos cardinais.