UnitedHell

Delay, Deny e Depose (demorar, rexeitar e depoñer) son os nomes das balas que rebentaron un home, hai uns días, no centro de Manhattan. As municións levaban estas palabras escritas no chumbo que matou o señor Brian Thompson, un CEO da compañía de seguros de saúde UnitedHealth. En canto lin a noticia, antes de saber que as balas ían bautizadas, pensei que o asasino tiña que ser alguén a quen a aseguradora lle fixera unha boa; é dicir, alguén a quen o United lle atrasara (delay) ou rexeitara (deny) a cobertura médica, ou alguén que fixera ir a xuízo e depoñer (depose) sobre por que rexeitara un servizo médico. Esa é a táctica que, segundo os avogados defensores dos pacientes, usan as aseguradoras de saúde, como UnitedHealth, cando non queren pagar un tratamento. A cousa é que nos Estados Unidos, mesmo se tes un seguro, é posible que este non cubra certo tratamento ou que o faga só parcialmente. Ofrecen calquera razoamento para non cubrir un servizo médico que pode ser cuestión de vida ou morte, pero que para eles é sempre asunto de cartos. Aínda que o seguro che custe máis de mil dólares ao mes. Tanto ten. Dende ese asasinato, gravado polas cámaras, que florecen coma cogomelos por todo Midtown, os executivos de moitas compañías de saúde andan cos nervios de punta, pensando quen será o seguinte.

No TikTok e outras redes, houbo moitas persoas que compartiron as súas experiencias con United. Algunhas son historias para non durmir: unha muller a punto de parir un segundo fillo, cun neno de un ano cun tumor cerebral a quen lle rexeitaban a cobertura médica; xente con pais ou nais que sufriron ictus e ás que só lles cubrían uns meses de asistencia; enfermeiras que tiveron que ver morrer persoas a quen o seguro rexeitara; unha muller con cancro de páncreas a quen lle demoraron e demoraron o servizo ata o punto de que o cancro xa se estendera por todo o corpo cando por fin llo aprobaron… Nesas mesmas redes, moita xente celebrou o asasinato deste home, pero os medios e a prensa máis sisuda do país botaron as mans á cabeza coma se se tratase do Presidente: o morto foi un executivo branco, billonario, asasinado a balazos na rúa, igual ca un narcotraficante do outro lado do río.

Os medios insisten en falar dun culpable varón porque teñen unha foto na que só se ve un sorriso moi bonito. Eu penso que ese sorriso do asasino podería ser tamén o sorriso dunha asasina. Unha amiga que vive en Nova York, onde todo o departamento anda tolo buscando o culpable, díxome onte que lle gustaría que o asasino/a non sexa arrestado/a para que as aseguradoras entendan dunha vez por todas que elas tamén son criminais. Non condona a morte do CEO, pero pensa que oxalá isto sexa o principio dunha guerra aberta contra un sistema no que o diñeiro pesa máis que a saúde da xente.

Do que falan ben pouco eses medios sisudos é da violencia letal da política de denegación e demora de servizos médicos que a maioría de compañías aseguradoras, como UnitedHell (mellor ca UnitedHealth), fan a diario. Esas empresas matan moitísima xente, pero a policía non move un dedo. Cando unha aseguradora rexeita a cobertura dun servizo, ben sexa unha operación cerebral, de corazón ou un transplante, faino porque o custo afecta ás súas expectativas anuais de ganancias.

Parece ser que UnitedHell é unha das empresas que máis casos de cobertura médica rexeita: un de cada sete casos, di The New York Times. Mais o tema non se pode probar con certeza, porque estas compañías nunca publican os datos. O goberno tampouco as obriga a facelo. O que si se sabe é que conta con 50.000 millóns de membros; coma se toda España estivese cuberta por United. As persoas enfermas que non chegan a ter o tratamento acaban morrendo ou, simplemente, non teñen cartos dabondo para presentar unha demanda xudicial contra unha empresa que o ano pasado reportou 281 billóns de euros de beneficios. Iso tamén é un crime. 

Hai un tempo, soubemos por unha reportaxe de Propública como UnitedHell tratou de rexeitar o pagamento dun tratamento a un enfermo crónico de colite ulcerosa. O paciente chámase McNaughton e é un mozo universitario de Penn University. United fixera un negocio redondo ao contratar o sistema de saúde desa universidade. Pensou que as mozas e os mozos non adoitan sufrir enfermidades que necesiten tratamentos custosos. O malo foi que McNaughton enfermou de colite ulcerosa e que, por fin, despois de moito probar, deu cun tratamento biolóxio que custaba un millón de dólares anuais. United fixo todo o que puido, incluído mentir e ocultar cartas de médicos que recomendaban o tratamento, con tal de non ter que pagar polo servizo. McNaughton e os seus pais levaron o caso aos tribunais. Aínda están pelexando, pero mentres tanto United debe pagar.

Cada mes tiña que responder a unha chamada da miña aseguradora preguntándome se xa estaba ben, que xa levaba moitos meses de baixa.

A colite ulcerosa é unha enfermidade do sistema inmunolóxico. É tamén unha das peores enfermidades que se pode sufrir: tes diarreas de sangue non unha vez ao día, senón vinte veces. Levas unha vida pegada ao retrete. A enfermidade causa úlceras no colon, no recto, e vaite debilitando ata provocarche unha anemia galopante. Non podes comer, non podes levantar un vaso de auga, tes que correr ao baño máis dunha ducia de veces cada día, desenvolves artrite, dermatite, problemas oculares… E todo iso vai ocorrendo en cuestión de semanas. Se non tes unha aseguradora de saúde que cubra un tratamento, morres cunha dor propia doutro século. O complexo desta enfermidade é que, ademais de todo o anterior, non hai un remedio asegurado. Cada paciente é un universo. No caso deste mozo, aínda que tivo a sorte de atopar unha fórmula que foi mellorando a súa calidade de vida, o precio foi demasiado alto.

Hai moito tempo, eu pasei un ano cagando sangue en Nova York. Era coma se me pasasen unha folla de afeitar polo recto. Cheguei a pesar 40 quilos, fixéronme dúas transfusións de sangue e outras cousas que é mellor deixar no tinteiro. Ademais, cada mes tiña que responder a unha chamada da miña aseguradora preguntándome se xa estaba ben, que xa levaba moitos meses de baixa. Cando tes unha enfermidade coma esta, que te debilita dunha forma tan drástica, calquera estrés fai que o asunto empeore. Tamén está o peso psicolóxico de ter un problema que é unha vergoña social. Pouco a pouco fun dando coa maneira de coidar o meu colon e, por sorte, resultou máis barata que a de McNaughton e, malia que é unha compañeira crónica, hai anos que non volvín a saber da colite. Non podo imaxinar como ten que ser ter esta enfermidade e non ter tratamento. No meu caso, aínda que si que o tiven, levoulles preto de dous anos atopar unha medicación que funcionase co meu corpo.

Por todo isto, cando hai uns días lin sobre o asasinato deste home, Brian Thompson, que o ano pasado recibiu un bono de máis de dez millóns de dólares, non me alegrei, pero tampouco me estrañou. Cando escoitei que as balas levaban escritas as palabras Delay, Deny e Depose (demorar, rexeitar e depoñer), pensei que non cómpre ser un Colombo para entender o motivo do crime, pero igual si que fai falta coñecer a impotencia de pasar anos co cu encadeado ao retrete ou ver morrer o teu pai, a túa muller ou o teu fillo por mor duns negociantes da saúde para entender perfectamente por que alguén lle pegou catro tiros polas costas a ese home e o deixou tirado na rúa no medio de Manhattan.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail