A Coruña.- O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou un recurso de amparo no Tribunal Constitucional polos vetos do Partido Popular ás comparecencias reclamadas pola oposición na comisión do Parlamento de Galicia que debía investigar os contratos da Xunta con empresas vinculadas a familiares do presidente do partido, Alberto Núñez Feijóo.
Segundo informou a formación nun comunicado de prensa, o BNG considera que a decisión do PP de impedir esas comparecencias –entre elas as do propio Feijóo, a súa irmá, Micaela, e o seu cuñado, Ignacio Cárdenas– é «autoritaria e antidemocrática», e vulnera o dereito constitucional dos seus deputados para exercer o seu labor de control do Goberno autonómico.
O Bloque instou en solitario en setembro pasado a apertura desa comisión, polas evidencias das irregularidades desveladas por Luzes-Público nas contratacións que recibiron da Administración autonómica durante os mandatos de Feijóo as sociedades do Grupo Eulen, cuxa directora para Galicia é a súa irmá, e de Universal Support, adscrita á multinacional de telemarketing Konecta, cuxo director comercial é o seu cuñado. Entre ambas suman preto de 75 millóns de euros, mediante procedementos que desvelan en moitos casos trato de favor e uso de información privilexiada.
Hospital de Vigo
A formación nacionalista quería indagar ademais nas adxudicacións a outras empresas vinculadas á contorna de Feijóo, así como o sobrecusto de máis de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, para o que a Xunta proxectou un modelo de desenvolvemento de colaboración público-privada que lonxe de aforrar diñeiro á administración, resultou moito mais oneroso do que Feijóo prometera.
En novembro pasado, e tras opoñerse en varias ocasións á apertura da comisión, o PP usou a súa maioría absoluta no Parlamento autonómico –40 escanos, por 25 do Bloque, 9 do PSOE e un de Democracia Ourensana– para vetar as comparecencias do propio Feijóo e dos seus familiares, para impedir que se proporcionase á oposición documentación sobre o caso e para impoñer unha axenda de traballo propia cos comparecentes que lle conviñan.
«É coma se nun xuízo só se permitise a unha das partes solicitar comparecencias ou testemuñas», explicou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen acusou ao PP de «cernar o funcionamento da comisión», ocultar documentación «fundamental» para que puidese traballar correctamente, e utilizar un «manexo arbitrario dos tempos» para «liquidala canto antes».
«15 anos de chanchullos»
«Denunciamos diante o Tribunal Constitucional a vulneración do noso dereito fundamental como representantes da cidadanía á participación política e a exercer o control da acción do Goberno», profundou a portavoz nacional, que abundou na intención da súa formación de ir «ata o final» na investigación «por moito que o Partido Popular se empeñe en ocultar 15 anos de chanchullos».
A líder do Bloque explicou que existe unha «xurisprudencia extensa» que avala o seu recurso diante o Constitucional e que confirma que o PP «lesionou de cheo o dereito fundamental dos deputados e deputadas do BNG para acceder en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos», tal e como se recolle no artigo 23.2 da Constitución, ao «limitar arbitrariamente e impedir a nosa función de control ao Goberno», recalcou.