A semana pasada os medios de comunicación fixéronse eco dos resultados do TIMSS 2023. Sorprendeume que tivesen que explicar o que era. É certo que o meu coñecemento sobre o asunto pode deberse á deformación profesional, pois no curso 2020/2021 fixen o mestrado do profesorado, pero cando o cidadán ou cidadá de a pé escoita Informe PISA saben do que se lles está a falar. O TIMSS vén sendo o PISA de Primaria, por facer unha explicación de andar pola casa. En realidade, avalía o alumnado de 4º grao e de 8º grao (4º de primaria e 2º da ESO no noso sistema), pero España só fixo probas nas aulas dos primeiros.
Onde non tiven sorpresa foi nas diferenzas de xénero. O TIMSS só avalía as tendencias en matemáticas e ciencias, pero se imos ao PISA (o último é de 2022) comprobamos que as rapazas obteñen mellor puntuación en lectura, mentres que as diferenzas en ciencias non son significativas (eles están por enriba, pero por moi pouco). En matemáticas, pola contra, son os mozos os que teñen mellor resultado. Non obstante, elas son, en xeral, as que mellores notas acadan se analizamos os expedientes en conxunto, se comprobamos quen continúa os estudos non obrigatorios ou se nos fixamos onde hai menos fracaso escolar. Os datos están aí, pero a pregunta é por que pasa isto. Mellor dito: a pregunta é por que tan pouca xente se fai esta pregunta.
Que «o noso» importa menos porque se dá por feito que non é o universal (somos «as outras») eu xa o sabía. Non é por botarme flores, que tampouco hai que ser moi lista para chegar a esa conclusión. Porén, no meu TFM (Currículo oculto e xénero. Unha revisión feminista das materias STEM e a brecha de xénero) argumentei este punto revisando a bibliografía existente sobre o tema que —oh, sorpresa!— é máis ben escasa.
É cedo de máis para saber os motivos polos que a puntuación do alumnado do Estado Español en matemáticas e ciencias está por debaixo da media da OCDE, sendo unha das máis baixas de todos os países participantes no TIMSS 2023. Se aplicamos o sentido común (que para o método científico serve sobre todo á hora de formular a hipótese) poderiamos afirmar que se debe ás aulas masificadas, á falta de persoal para o alumnado con necesidades específicas ou á inclusión de sistemas de aprendizaxe baseados en pantallas. No mellor dos casos, estas son as únicas causas. E si, dixen ben: no mellor, porque así, polo menos, identificariámolas. No peor, a problemática é multifactorial, e moitas das súas arestas fican escondidas. Por exemplo, no currículo oculto.
Que é o currículo oculto? A pregunta podería facela Bécquer, porque a resposta sinxela é que o currículo oculto es ti. E eu. E o profesor, a profesora, os compañeiros e compañeiras, a conserxe e o limpador. Na escola non se ensina só o que vén no currículo oficial, senón que de toda interacción escolar se aprenden contidos non previstos sobre normas, valores, crenzas, actitudes, expectativas… É dicir: é o que de xeito inconsciente se transmite sobre como funciona a sociedade, incluídos os estereotipos de xénero.
E si, xa sei que as leis de educación fan mención explícita á educación igualitaria; e si, o profesorado debe tratar por igual o alumnado, con independencia de sexo, raza, relixión, etnia, nivel socioeconómico, etc. O quid da cuestión está nese inconsciente. Nese libro onde só hai matemáticos (e isto non é masculino xenérico); nesas nenas que teñen un peor autoconcepto, un menor nivel de autoeficacia e menor autoconfianza (se un neno suspende, estudou pouco; se unha nena suspende, é que non se lle dan ben as mates); na falta de modelos femininos, na familia e na sociedade, no mundo STEM; nese profesorado que se amosa condescendente con elas e orgulloso con eles, ou que os trata de xeito diferente se quen pregunta é un rapaz ou unha rapaza, ou que dá por feito que elas son máis organizadas e se esforzan máis, e eles son máis desordenados e barulleiros. E nada do que deixo aquí escrito é froito da miña invención: os estudos e revisións bibliográficas, aínda que como xa dixen son escasos, están aí para quen queira consultalos.
Supoño que ninguén que estea a ler isto pensará a estas alturas que simplemente aos mozos se lles dan mellor as mates por factores biolóxicos (porque eles teñen mellores habilidades espaciais, por exemplo), pero por se acaso deixo por aquí que esas teorías están xa refutadas por estudos como Descifrar el código da UNESCO (de 2019, non sei se teñen interese en repetilo despois de seis anos), no que se constata que «non se observan diferenzas no mecanismo neuronal del aprendizaxe en base ao sexo do estudante», e que se eles teñen mellor capacidade espacial «probablemente» se deba «á contorna familiar que outorga a nenos maiores oportunidades para practicar estas habilidades». O mesmo que con aquel mantra de que eles teñen mellor orientación.
O perigoso do asunto é por que a partir de cuarto de primaria as nenas comezan a baixar o rendemento matemático, xa que á vista está que non é que eles de repente sobresaian por enriba da media, mentres que cando comezan a escola e na etapa de educación infantil as diferenzas non son significativas. A pregunta é por que máis da metade da poboación, que está educada no esforzo, na disciplina e no sacrificio (porque se nós temos mellores resultados académicos é tamén por efecto da socialización, non porque nazamos cun xen que nos fai máis intelixentes ca eles; os estereotipos de xénero tamén xogan en contra dos homes) baixa o seu rendemento nas materias STEM, esas que son o futuro, que terán soldos máis altos e maior prestixio. Por que esa brecha, que nos últimos anos se estaba pechando, parece que comeza a aumentar de novo.