S02E11: Maternidade ?

Neste episodio, a nosa mamá residente, Saboridinha, está acompañada por outra nai convidada, a xornalista Sonia Díaz. Entrevistadas polas outras Womansplainers e polo noso asistente, as nais fálannos dos seus motivos para seren nais e comentan outros que se repiten na sociedade, como o de ter alguén que coide de ti na vellez ou ter crianzas biolóxicas para que se parezan a ti.

A Sonia explícanos o xeito en que o corpo da nai xestante deixa de pertencerlle a ela mesma, que se torna unha actriz secundaria do benestar da filla non nata. Unha vez convertido en ben común, a nai fica tamén sometida á opinión e o xuízo de persoal sanitario, familiares e amizades que cuestionan cada decisión do corpo-nai. Tamén denuncia a infantilización permanente, que comeza nas propias clases de preparación para o parto.

Preguntamos tamén pola cuestión da romantización da maternidade, desde a imaxe idílica que se vende da mesma na publicidade e nas redes sociais até a idea do amor materno como amor romántico definitivo, que converte as mulleres ás veces en presas das súas familias e, nalgunhas ocasións, incluso en vítimas da violencia dos seus propios fillos. Escoitamos por último anécdotas sobre a gravidez de ambas as dúas nais, a súa vivencia do parto e o puerperio, consellos de lecturas, e rachamos coma sempre algún tabú, como neste caso o do arrepentimento da maternidade.

Non perdades este episodio feito con tanto AMOR DE NAI!

TW: Gravidez, parto, violencia obstétrica, morte perinatal, ideacións suicidas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail