[Es]pazo Meirás

Practicamente nas vésperas de que os Franco deixen Meirás -e o que carrexaron ata alí no decurso de 80 anos de rapina– a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica, coa colaboración do Concello da Coruña, organiza [Es]pazo Meirás, unha mostra en paneis, na que se divulga desde a orixe das Torres de Meirás ata as manobras que se argallaron por parte das autoridades da época para facerlle un regalo a Franco. [Es]pazo Meirás pódese ver polo momento no Cantón Grande da Coruña.

Este é o percorrido que fan polo contido da mostra dous dos seus organizadores.

Panel 1: As Orixes

As Torres de Meirás…
… eran o refuxio de poesía de Emilia Pardo Bazán, un lugar que remodelaría para ter un espazo de creación literaria onde pasar o tempo con intelectuais, xornalistas e personalidades da vida política e cultural.

“Las Torres de Meirás, donde la egregia autora de Insolación deja transcurrir los meses veraniegos, es para los peregrinos del Arte venero de sensaciones refinadas, santuario de belleza, refugio de la esplendidez y de la poesía.
[…] Cuanto pudiera decir resultaría endeble, desmedrado, ante la realidad. Este castillo que tengo delante de mi no admite comparación con nada semejante. Ninguna evocación viene en mi auxilio para dar una sensación comparativa […].”

Luis Antón del Olmet

-Meirás, Meirás, de quen serás?
Pardo Bazán faleceu en Madrid, en 1921, cando o pazo pasou a ser propiedade dos tres fillos: Jaime, Blanca (viúva do xeneral Cavalcanti, falecido en San Sebastián) e Carmen (viúva de Torres de Cela). Ao falecer Carmen en 1935 e Jaime, asasinado en Madrid en 1936, o pazo sería propiedade de Blanca Quiroga e Manuela Esteban-Collantes, viúva do primoxénito Jaime. Estas últimas propietarias decidiron iniciar as negociacións coa Compañía de Jesús para que as Torres de Meirás foran destinadas a uso relixioso.
Neste punto, foi cando a Junta Pro-Pazo, promovida polo goberno civil, decidiu adquirilo para doar ao inminente Xefe de Estado.

Panel 2: Junta Pro Pazo

O poder encarnado por homes cheos de ideas franquistas, pertencentes ás elites máis acomodadas da cidade da Coruña, deciden un día, realizar unha gran obra teatral. A publicidade desta actuación chegou ata Burgos, con carteis cheos de grandes imaxes do lugar e data onde se ía a celebrar: decembro no pazo de Meirás! O pano, grande e negro, cubría o escenario do teatro principal da cidade, que levaba por nome Galiza. O pobo, tímido e silencioso, mercaba entradas sen dubidar, ata que ninguén se quedara sen ticket para asistir ao espectáculo. Iso si, cada quen o pagaba como podía, mediante as súas nóminas de traballo, a través de fondos públicos ou mesmo con doazóns persoais. Unha vez o aforo completo, o ditador chegou como máximo invitado ao Teatro Galiza e contemplou con gusto a obra teatral que levaba por título: “Junta Pro Pazo del Caudillo”. Asombrado, o ditador, cun sorriso maquiavélico entendeu de forma moi persoal as primeira liña do guión: “…A Junta Pro Pazo del Caudillo le regala al Jefe del Estado el Pazo de Meirás”.

Panel 3: Unha venda simulada…

… poñendo en práctica unha serie de artimañas, as redes franquistas idearon un plan para doar Torres de Meirás ao nome do Xefe de Estado, que non de Francisco Franco. Erro 1.
Dúas veces intentaron a argucia: en 1938 fixeron unha compra-venta con diñeiro público e, en 1941, levaron a cabo unha venda simulada. Erro 2.
Esta segunda venda intentou aparentar “legalidade” a un proceso turbio. O pazo, pagado polo pobo, xestionado e mantido nos 40 anos de ditadura, agora volve aos lexítimos propietarios. Decembro é un bo mes para explicar o que foi un espolio, agora, en clave democrática.

Franca Navidad.
Memoria. Xustiza. Reparación.

Panel 4: Centro Político, veraneos.

Cada verán a familia Franco chegaba ao pazo de Meirás. Cada verán o pobo suspiraba. As xoias, as obras de arte, as praias, as rúas, os cartos públicos e a dignidade de Galiza desaparecían cada agosto baixo un fume gris e tóxico. A imaxe da familia do ditador filtrábase cuns anteollos recheos de papel color rosa, da marca No-Do, pola que o pobo recibía mensaxes de alta calidade e definición. Os Franco, gozando de todo tipo de privilexios, tamén se marcan un novo sistema: canto máis come e bebe Franco, mais rico é. Si, moi riquiño. Os produtos da horta, materia prima do pazo de Meirás, son levados a mesa do ditador baixo unha factura de pago público. Entre tanto, o pazo convértese en centro político do réxime, con múltiples consellos de ministros e actividade legal: os últimos fusilamentos do réxime saen de aquí. Que é público e que é privado? En definitiva, uns veraneos moi calorosos, tanto, que ferve a sangue.

 

Panel 5: Os medios de comunicación: O que dicía o No-Do ía a misa…

A mensaxe daquela era moi clara: O Pazo de Meirás era un agasallo dos galegos e galegas a Franco a través dunha ‘doazón voluntaria’. Doazón á que tamén tería dereito a familia? Máis de 40 anos estiveron a desfrutar dos veráns en Meirás. Da caza dos montes de Galicia. De xogar ao golf e de saír a pescar co Azor. Con ou sen o avó.
Entre as formas de socialización das ditaduras modernas, no franquismo destacou a manipulación dos medios de comunicación mediante a censura e a propaganda. Iso semellaba funcionar: o tempo pasaba e o relato de Meirás e, da ditadura, non mudaba.
Ata este setembro, cando a acción xudicial e o magnífico traballo da xuíza Marta Canales (apoiado por historiadores e dun amplo consenso social) remataba coa farsa da falsa legalidade franquista.

Meirás é do Estado.
Así o recollen agora os medios pero, moitos, sen afondar.
Reabrir feridas para afondar en democracia non cala como mensaxe navideño.

Franca Navidad.

Panel 6: Mobilización cidadá

Coa morte do ditador préndese unha radio e, cun volume baixo, a frecuencia comeza a transmitir unha nova mensaxe. É o momento de recuperar o noso, o cruamente roubado, aquilo que pertence a identidade do pobo galego. As apaixonadas reivindicacións teñen a forza de subir o volume desta radio, ata que no século XXI sona forte e claro cunha melodía clara: devolución do pazo de Meirás! Como se de pequenas ondas sonoras se tratase, os diferentes axentes sociais, políticos e académicos únense co mesmo fin, xerando unha especie de harmónica canción destinada a abrazar os dereitos sociais. Pouco a pouco, esa música adquire máis alcance e pode demostrar con firmes argumentos históricos e xurídicos o que a cidadanía xa cantara fai décadas: a titularidade pública de Meirás! Xa no ano 2020, a xustiza sumase á referida composición musical, engadindo un acorde que cambiaría o ritmo da historia: a sentenza declara a titularidade pública do pazo de Meirás. Cantemos por moito tempo!

Textos Irene Tomé (paneis 1,3 e 5) e Alejandro López Álvarez (2,4 e 6)

Fotos: Fotogramas Bocixa

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail