Libros de serie

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Nunca fun quen de ler no metro. Pousar a vista nun libro é perder a paisaxe, máis rica, de seres humanos. Aprendo moda, escoito diálogos inmensos e tomo nota do que len os compañeiros de vagón. Viaxo á mesma hora todos os días e iso permíteme ver os gustos literarios dos pasaxeiros habituais. Cadro case acotío cun home preto dos cincuenta, un moderno co que nunca cambiei palabra e que hai meses decidín que era deseñador e pai de dúas mozas adolescentes. A súa modernidade chégalle ata as mans, que sosteñen sempre as lecturas máis vendidas dos escaparates de Malasaña. Por iso, ver este luns como abría un William Faulkner descolocoume. A explicación chegou na parada de Avenida de América, cando subiu ao tren un amigo seu, descoñecido para os seareiros da liña 4.

-Aquí ando, Jorge, enredado con Luz de agosto. Onte púxenlles ás miñas fillas a película Amanece que no es poco e decateime de que Faulkner quedara perdido no andel.

Fotograma de Amanece que no es poco, de José Luis Cuerda (1989).

Xa non escoitei máis: adiviñara que o presunto deseñador era pai dunhas mozas e tiña unha explicación máis que satisfactoria para a súa lectura. A comedia surrealista de José Luis Cuerda fixo máis pola novela de Faulkner que calquera promoción literaria. Un par de frases atinadas sobre un libro nunha pantalla, ou ese mesmo libro nas mans dun personaxe, espertan curiosidade polo autor. E disparan as vendas. Recordo que despois da estrea de Amanece que no es poco moitos na facultade de Filoloxía, por culpa dos delirantes diálogos da película, andabamos con Luz de agosto e co Ada ou o ardor de Nabokov debaixo do brazo.

Hurley na serie Lost lendo a Vladimir Nabokov.

Desmond, un dos pasaxeiros do voo 815 da aeroliña de Lost, desatou as vendas en Estados Unidos de O terceiro policía, de Flann O´Brian, un libro que se publicara en 1966. E a Sawyer, o lector compulsivo desa mesma serie, bastoulle con ter uns poucos segundos nas súas mans La invención de Morel para que Bioy Casares ocupase as mesiñas de noite dos fans. Ningún título en Lost é azaroso, senón magníficas pistas do que acontece: os libros forman parte do quebracabezas.

O Sawyer de Lost nun dos seus momentos de lectura na serie.

Que os protagonistas lean unha obra determinada di moito dese personaxe e axuda a contar a trama. Don Draper, o publicista de Mad Men, arrinca a última temporada lendo na praia O inferno de Dante e mergúllate así nos seus demos particulares, ese escuro pecado para o que debe atopar unha saída.

Sen dúbida, a Rory de Gilmore Girls pisa podio na clasificación de personaxes lectores. Entre os máis de trescentos títulos que le na serie, que o seu favorito sexa Mulleriñas derruba a esta heroína dos 2000.

As Gilmore: Lorelai Victoria Gilmore (Lauren Graham) e a súa filla Lorelai “Rory” Leigh Gilmore (Alexis Bledel).

Mulleriñas aparece tamén nunha das series con selo galego, Air Galicia, e é, entre todos os da extensa biblioteca de Ramón Piñeiro, o único libro que lle chama a atención a Alfredo.

Os personaxes das series galegas -que non os actores- son máis de muar que de ler, e algúns títulos nas súas mans dan para moita comedia. Paco, o camioneiro de Air Galicia, foi quen de rematar Xeometría vectorial. E, cando se engancha ao marxismo, Elvira papa nin máis ni menos que O capital.

En Pratos combinados, Miro Pereira e os seus exabruptos son unha clara chiscadela ao Capitán Haddock de Hergé. Con Pereira non quedou insulto galego por aprender. Non se lle ve lector, non, pero estou segura de que na cuarta parede Miro ten un estante con todas As aventuras de Tintín encadernadas en lombo de tea.

Lisa Simpson coa obra de Dostoievski, Os irmáns Karamazov.

E para bonita, a homenaxe que lle fan en As leis de Celavella aos coñecidísimos contos de El Conde Lucanor e As mil e unha noites. É un xogo de intertextualidade, no que os personaxes cren ser reais, non como os protagonistas das historias.

Eu, que vivo na ficción, coeime na biblioteca de Lisa Simpson e collín prestado Os irmáns Karamazov. Estou desexando subir ao metro, sentarme a carón do moderno e romper o silencio cun «Que quería yo hablarle de Dostoievski».

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail