CUAC FM e a liberdade do funil

Galicia non pode ser un lugar de xente calada. Non pode ser un lugar onde a voz sexa arrincada coma quen desbota xermolos novos da terra. Iso pode ser CUAC FM: un xermolo vizoso que leva agromando 22 anos na 103.4 do dial FM da Coruña e que o pasado 3 de novembro puido regresar ao funil atlántico, ao seu transistor resistente. CUAC FM é un espazo de mariñeiras nas ondas da radio, un espazo vivo físico e no éter que dá acubillo nos seus micrófonos a asociacións como ASPACE, Padre Rubinos, UDC-Universidade Sénior, escolas, institutos e centros públicos de toda a provincia da Coruña ou a Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Son moitas as entidades e persoas que converxen neste fogar da comunicación entendida como acto de liberdade.

CUAC FM é un xermolo vizoso que leva agromando 22 anos na 103.4 do dial FM da Coruña e que o pasado 3 de novembro puido regresar ao funil atlántico, ao seu transistor resistente

Un ano, un mes e un día estivo este medio de comunicación sen acceso á frecuencia modulada por mans administrativas e políticas que toman o lugar das voces, do pensamento libre, coma un coto privado de caza. A Xunta de Galicia e o seu brazo da Secretaría Xeral de Medios quixo quitar mediante apertura de expediente administrativo as palabras a CUAC FM, unha radio comunitaria do terceiro sector con preto de 200 socias e socios, 400 programas nas súas costas e sen ánimo de lucro -quizais ese foi o pecado orixinal: non gañar cartos- que ademais é asociación cultural. Unha ameaza de sanción e censura que incluía unha multa de 100.000 a 200.000 euros por non posuír licenza para emitir en FM, permiso oficial que CUAC levaba solicitando á Xunta dende a súa fundación en 1996 e que lle foi negado ou atrasado a pesar da creación dunha Lei de Comunicación Audiovisual aprobada polas Cortes no 2010 na que se insta ás administracións competentes -no caso galego, a Xunta- a procurar licenzas de emisión ás radios e televisións comunitarias previas ao devandito ano. En resumidas contas, a Xunta de Galicia abriu un expediente sancionador cuxa orixe principal era provocada pola desidia organizada da propia administración autonómica, que en oito anos non desenvolveu unha lei que lle instaba a dar espazo aos medios audiovisuais comunitarios, entre eles CUAC FM.

A Xunta de Galicia quixo quitar as palabras a CUAC FM, unha radio comunitaria do terceiro sector con preto de 200 socias e socios, 400 programas nas súas costas e sen ánimo de lucro que ademais é asociación cultural

Comunicar non pode ser un acto de derrota. En novembro do ano pasado a radio comunitaria da Coruña convocou á cidadanía e saíu ás rúas, presentou o seu manifesto «Cuac Resiste polo Dereito a Comunicar» e reuníu máis de 5.000 sinaturas e apoio de persoas e entidades como a Universidade da Coruña, os concellos da Coruña e Oleiros, a Deputación da Coruña, o Colexio de Xornalistas, a Asociación de Sindicatos de Xornalistas de España e partidos como o PSdeG, En Marea e BNG. A cidadanía entendeu que unha administración de todas e todos non pode facer calar a ninguén. A Secretaría Xeral de Medios resolveu meses despois o seu expediente co peche do mesmo, mais engadindo na resolución que negaba «calquera expectativa de CUAC FM para volver a emitir na FM», e ameazou con novos expedientes sancionadores se este medio de comunicación volvía á 103.4 da FM. Tras recorrer esta resolución diante do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía estimou que a Xunta de Galicia vulnerou os dereitos fundamentais de CUAC FM.

Tras recorrer a resolución, a Fiscalía do TSXG estimou que a Xunta vulnerou os dereitos fundamentais de CUAC FM e resolveu que non puido obter a súa licenza por «inactividade da administración competente»

O pasado 28 de outubro o TSXG resolveu nun crítico auto que CUAC FM non puido obter a súa licenza por «inactividade da administración competente» e que a Secretaría Xeral de Medios infrinxiu «os dereitos fundamentais da persoa» vulnerando o artigo 20 da Constitución, que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e a recibir e a comunicar libremente información. Finalmente, o TSXG concedeulle unha garantía temporal de emisión mentres a Xunta de Galicia non se pronuncie. Á espera de se a Xunta decide ou non recorrer esta dura sentenza, CUAC FM volveu ao seu lexítimo espazo nas ondas ao amparo da xustiza.

As mariñeiras das ondas deixaron de ser furtivas, mais nunca foron piratas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail