«Enough is enough». «Trop, c’est trop». Abonda xa!

En A vida pequena, J. A. González Sanz fala da necesidade da «procura dun xeito novo de afrontar a vida e a realidade». É algo compartido por moita xente, de maneira reflexiva ou por instinto de supervivencia. O que resulta orixinal é a resposta: «Fuxir ao real». ¶ Que lugar extraordinario, o real! ¶ Mesmo para imaxinar outra realidade, non hai mellor punto de partida que o real.¶ Kafka, paradigma da imaxinación, tiña esa lucidez na fuga: «Como poderás gozar do mundo se non é refuxiándote nel?». ¶ O lugar máis real, o que serve para situármonos e o que nos orienta ao navegar, é unha invención chamada Punto Cero. Alí onde se encontran o meridiano base, o de Greenwich, e o ecuador. É a referencia para trazar as coordenadas xeográficas.¶ Hai xente que confunde o Punto Cero coa súa ideoloxía ou cos seus intereses. Nas últimas décadas, espallouse un modelo económico depredador que se apropiou de recursos e vontades e mesmo pretendeu substituír a realidade coas súas coordenadas fanáticas. Así, despois do fracaso «soviético», cumpría desartellar o Estado de benestar e ocupar a Administración pública non para mellorala senón para desvalixala. Había que privatizar até a última frangulla.¶ «A economía privada non se diferenza dun vehículo que carece dunha dirección eficaz», escribiu Paul Samuelson. Este economista moderado, recoñecido como mestre por xente moi diversa, sería hoxe alcumado de extremista ou revolucionario. Por que? Porque el tamén trataba de que o mundo real fose un bo refuxio. Por iso engadía: «A política fiscal compensatoria trata de introducir esa dirección, ese dispositivo termostático de control». ¶ Vivimos un período de emerxencia, consecuencia do sistema de depredación. O quecemento global vai da man dun quecemento social. Nin os pobos de Europa, nin do mundo, estaban anestesiados, malia a sobredose estupefaciente. Fronte ao fanatismo, a revolta das conciencias. Enough is enough. Trop, c’est trop. Abonda xa! ¶ Sen «dispositivo termostático de control», sen xustiza social, sen compromiso ecolóxico, o inverno pode rimar con inferno.¶

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail