Benito Portela, alcalde de Sada: «Seguimos tendo unha gran responsabilidade coa memoria histórica de Meirás»

O alcalde de Sada, Benito Portela, foi un dos impulsores da recuperación do Pazo de Meirás para o patrimonio público. Pertence á agrupación local Sadamaioría, vinculada á Anova de Xosé Manuel Beiras, e enfróntase o vindeiro venres 18 a unha moción de censura presentada polos cinco concelleiros do PP, que se uniron aos dous do PSOE e a outros dous de Alternativa dos Veciños para botalo da alcaldía a seis meses das municipais do próximo maio, aínda sendo expresamente desautorizados polas direccións dos seus respectivos partidos.

A Coruña.- Benito Portela recibe nun despacho austero e modesto, e advirte de que os concelleiros que poderían compoñer o novo equipo de goberno xa deron mostras da escasa importancia que conceden á memoria histórica, absténdose na votación pola que se aprobou que o Concello siga acudindo á xustiza paralograr que os Franco devolvan ata o último ben que o tirano roubou en Meirás.

Parece un «déjà vu» da moción de censura de 2004, cando PP e PSOE se uniran noutra operación parecida para botar da alcaldía a Abel López Soto, do BNG, de quen vostede era xefe de gabinete. Entón aínda non era xefe de gabinete do alcalde, fun despois. Fora nas listas pero ocupei ese cargo en 2008.

De todos os xeitos, que pasa en Sada para que se repitan estas conspiracións para acabar mediante tránsfugas con alcaldes nacionalistas de esquerda? En ambos os casos hai unha similitude básica, que é non pasar polas urnas, cambiar gobernos sen someterse ás eleccións e chegar á alcaldía por medios non democráticos.

Os tránsfugas acúsano de falta de transparencia e de non executar acordos do pleno. Algún acordo atrasouse polas complicacións administrativas para executalo. Os dous máis importantes son a modificación puntual do plan xeral de ordenación urbana, que conleva previamente a rescisión do contrato co equipo que o redactou, e outra modificación dun plan especial de reforma interior que posibilitaría legalizar outro edificio. Sorprende que me acusen de parálise quen votaron en contra daquilo, porque son coñecedores das dificultades que iso conleva.

«Entre a moción de censura de 2004 e esta hai unha similitude básica, que é non pasar polas urnas, cambiar gobernos sen someterse ás eleccións e chegar á alcaldía por medios non democráticos».

Son eses asuntos urbanísticos os que están detrás da moción de censura? Son dúas das cousas das que me acusan para xustificala. Outra é o simulacro de crecida do río Maior, que non podemos facer sen concluír o proxecto. En realidade, o que transloce esa posición de quen asina a moción é unha aposta timorata polo que nós defendemos, que é renaturalizar o río no centro de Sada.

Entón é iso o que está detrás da moción? Non, o que está detrás son as ansias de facerse co poder sen pasar polas urnas e non respectar a vontade democrática de Sada.

Vostede cre que os tránsfugas teñen posibilidade de manter o poder máis de seis meses, é dicir, a partir das eleccións de maio? Non me gusta facer conxecturas sobre o que pode pasar en maio, pero o que vai pasar é que será a xente a que decida. Non quero facer outro tipo de cábalas, estamos centrados en traballar onde nos toca. Se nos toca onde agora, seguiremos tentando mellorar este concello, e se nos toca estar na oposición, faremos unha oposición leal, porque somos conscientes de que hai unha infinidade de proxectos en marcha e imos colaborar para que non se paralicen.

Cando pactou vostede con Alternativa dos Veciños, unha formación independente de esquerdas, pasoulle pola cabeza que os seus integrantes en Sada puidesen acabar pactando co PP para facerse coa alcaldía? Non, nunca pensei que PP, PSOE e AV se puideran poñer de acordo para unha moción de censura. E é certo que non son os partidos os que a apoian, senón nove concelleiros tránsfugas.

Falou con Ángel García Seoane, alcalde de Oleiros e líder de AV? Tiven contactos con PP, PSOE e AV/AV, si. E si, falei con García Seoane, pero non só con el.

«Nunca pensei que PP, PSOE e AV se puidesen poñer de acordo para unha moción de censura»

García Seoane dixo que a moción é un «asalto trumpista» á vontade popular. Que lle transimitiu a vostede? A súa condena total á actuación dos dous concelleiros de Alternativa.

E con Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e secretario provincial do PSOE ata que accedeu á secretaría xeral do PSdeG? Falei con outros altos cargos do PSdeG, pero non con el.

Hai quen pensa que, aínda que PP e PSOE saíron formalmente a rexeitar a moción de censura, no fondo os beneficia e por iso a aplauden de portas adentro. Os partidos abriron expediente disciplinario aos concelleiros tránsfugas, AV/AV expulsounos e PSOE e PP anunciaron que o farán. Imos ver que sucede. Non sei se os beneficia ou non, o que si sei é que a Sada, desde logo, isto a prexudica.

No último pleno eses concelleiros abstivéronse na proposta para que o Concello compareza na demanda do Estado para reclamar á familia Franco os bens mobles que están no o Pazo de Meirás. Teñen algún interese en que non se recuperen ou foi só para marcar distancia co seu Goberno? Creo que aí xa non estaban a actuar como PSOE e Alternativa, a verdade.

María Nogareda, a concelleira de AV que PP e PSOE propoñen agora como alcaldesa, formaba parte do seu equipo de goberno. Como senta persoalmente que alguén do seu propio equipo lle fixera esta xogada? Nunca pensei que estaba a falar con outros concelleiros para botarme da alcaldía. Se formas parte dun goberno e estás desconforme con el, o normal é abandonalo, explicarllo á cidadanía e presentar unha alternativa nas seguintes eleccións.

«Falei con outros cargos do PSdeG, pero non con González Formoso»

Cre que o cambio de goberno pode afectar os procedementos xudiciais en marcha sobre o Pazo de Meirás? Sorprenderíame que tomasen a decisión de abandonar o proceso xudicial e non participar de forma activa como ata o de agora vén facendo o concello. Fomos a administración máis capaz á hora de canalizar as demandas dos movementos memorialistas e das persoas que loitan pola recuperación da memoria histórica. O outro día lembrei no pleno que a base da demanda do Estado é un informe do historiador Manuel Pérez Lorenzo encargado polo Concello de Sada.

Aínda que o novo Goberno local non paralice o proceso, si podería atrasalo desentendéndose del. Quero dicir que, sen esa participación activa da que fala e que vostede encabezou, sería máis difícil ou máis lento recuperar Meirás. Non cre que iso pode suceder agora cos bens mobles? Non foi mérito da miña participación, foi a do Concello de Sada, e eu espero que siga sendo así. Seguimos tendo unha gran responsabilidade coa dignidade e a recuperación da memoria histórica de Meirás, e o concello non pode permanecer á marxe do proceso. Pero a abstención deses concelleiros aquel día si é significativa do que lles importa este tema. Iso si que é sorprendente.

Á marxe de Meirás, que proxectos concretos se van truncar coa moción de censura? Esperemos que non se paralice a renaturalización do río Maior. No perfil do contratante temos 1,5 millóns de euros en obras e proxectos programados que deberían ser adxudicados a finais deste ano. Ademais, incrementamos notablemente o orzamento social. Triplicamos o gasto social desde o ano 2014, tanto en cantidades absolutas como en porcentaxe sobre o total. Quintuplicamos o investimento por habitante, que pasou de 38 euros a 182 euros por persoa. É a maior cifra da historia de Sada con excepción de 2010, o ano das inversións do plan E do Goberno.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail