Attention, please

A linguaxe dos derrotistas é tan agotadora como o optimismo suicida. Estou cansada de escoitar e ler aos marisabidillos de quenda, desmontándome a alegría coma se estivese feita de pezas de Lego. Permítanme estar contenta non porque nas eleccións presidenciais dos EUA se elixira de novo neoliberalismo, senón porque se puxo o primeiro ladrillo para a construción dun futuro decente. É obvio que as opcións políticas do partido demócrata e o republicano sofren das mesmas tendencias capitalistas. Xa entendemos que Biden é un pasmón incapaz de tomar decisións, entre outras moitas faltas, e que a riseira Kamala Harris foi unha fiscal de CA non precisamente progresista. Aínda que ser progresista nun estado que se rexe pola regra do «three-strikes law» [sobre delincuentes habituais] ten que ser un asunto ben complicado.

A primeira vista o tandem Biden-Harris non é nada novedoso para os EUA. Outra vez un ancián heterosexual branco, o máis vello ata o de agora, é elixido presidente. A maior diferenza, está claro, márcaa a elección da primeira muller negra á Vicepresidencia, iso só xa é un paso de xigante. Pero nestas eleccións non se trataba de realizar unha transformación radical, senón de votar polo regreso da moralidade. É moi distinto falar sen andrómenas e sen reviravoltas a insultar, xerar odio e realizar apoloxía do linchamento. Trump como presidente actuou como un pelele ao mando dun réxime totalitario. Conseguiu  sacar o peor da esencia do ser humano, neste caso estadounidenses, pero podían ser españois ou cataláns. A nacionalidade é irrelevante porque ese veleno levámolo todos dentro en maior ou menor cantidade. Ás veces só fai falta que veña un chalado disfrazado de deus a espolearnos as entrañas.

Aínda que é moi loable dicir o que un pensa, falar sen pelos na lingua, straigh talk, é moi perigoso azuzar a violencia desde o púlpito da Presidencia do país máis racialmente diverso do planeta. No entanto, a culpa do odio xerado por Trump non a ten só el, senón os medios de comunicación que durante catro anos lle facilitaron o escenario, repetiron as súas estupideces aos catro ventos, e non lle baixaron o volume cando mentía. A primeira e única vez que as televisións se plantaron e decidiron cortar a transmisión de falacias foi hai uns días, cando farfullaba que lle estaban roubando as eleccións e pedía que se detivese o conteo de votos. Só entón lle cortaron a voz. Talvez por fin agora, entendamos que ao fascismo hai que denuncialo en canto asoma as orellas, doutro xeito corremos o risco de que nos devore antes de que podamos empezar a gritar.

A elección de Biden-Harris é histórica porque con seguridade Biden non se mofará en público dunha persoa discapacitada, nin alimentará o odio aos homosexuais, persoas transexuais, negros, latinos e demais minorías que forman o «quilt» social dos Estados Unidos. A diferenza do resultado destas eleccións é que o presidente non presumirá de non violar a unha muller, porque non era o seu «tipo». Nin Biden, nin Harris dirán que os nenos que cruzan río Grande merecen o que lles toque, nin porán en marcha unha loxística de separar a cativos dos seus pais, perdelos nun labirinto burocrático ou metelos en gaiolas… E sinceramente o que me preocupa é que cheguemos a un futuro onde sería encomiable que me dean unha malleira por ser muller, por falar castelán ou galego ou por ser «queer». O sistema neoliberal xa se ocupa de acabarnos con abusos, penalidades e estreiteces, pero a idea de mozos que crecen pensando que os brancos teñen máis dereitos ou que agarrar pola cona a unha muller é o xeito de ligar porque así o fai o presidente, dáme calafríos. A perspectiva de institucionalizar o fascismo e de aplaudirlle as grazas e imitar ao matón de clase, é o que rexeitou a metade do país. Un NON grande á indecencia, ao medo, á inmoralidad, ao perdonavidas ignorante e pisa soños que representa Trump. Estas eleccións tratábanse de cambiar a diminuta talla moral que se estaba convertendo en medida habitual do estadounidense do montón. Biden-Harris non é máis do mesmo, nin moito menos. É totalmente distinto. É a saída ao inferno impensable de elixir o fascismo por non prestar atención.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail