O acceso a Atención Primaria complícase para os usuarios do Sergas. A «sanidade do futuro» que deseñou Alberto Núñez Feijóo estendeuse para as consultas que antes eran presenciais e a relación médico-paciente queda restrinxida a unha chamada de poucos minutos.
En abril e durante a primeira onda do coronavirus, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que o comité clínico estaba a traballar para recuperar a actividade asistencial do Servizo Galego de Saúde (Sergas), en parte retardada pola covid-19 e o confinamento, a través da teleasistencia. Chamouna «sanidade do futuro» e sete meses despois, as listas de espera continúan engordando nos ambulatorios, non só para a atención presencial limitada ao máximo, senón para a telefónica, con demoras de ata un mes.
É 4 de novembro e entramos na páxina web do Sergas para programar unha cita de Atención Primaria co médico de cabeceira que nos corresponde. O primeiro que nos atopamos é un cadro que notifica que «a axenda do profesional non dispón de ocos libres para pedir citas de consulta nos próximos días. Contacte co seu centro de saúde». Chamamos ao ambulatorio e aténdenos un contestador automático. A primeira cita que nos ofrece o robot é para 22 días máis tarde, o 26 de novembro. Indícanos que o noso médico de familia non está dispoñible e que nos atenderá outra doutora. Acto seguido, a voz apunta que «debido á situación proporcionada pola covid-19, a consulta realizarase de maneira telefónica».
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Segundo comunicara o Goberno autonómico, este sistema tiña intención de evitar as aglomeracións cando os hospitais, despois do confinamento, se volvesen poñer en marcha. Con todo, e ante a crítica situación epidemiolóxica que golpea Galicia, a teleasistencia provocou que as colas físicas se converteran en colas telemáticas, onde servizos como medicina familiar, enfermería, matrona ou odontoloxía se atenden de maneira telefónica. O Sergas informa na páxina web e no servizo automático que no caso de necesitar unha cita presencial cómpre contactar directamente co centro de saúde, pero o sistema robotizado non ofrece a opción.
Marta (nome ficticio), de Pontevedra e usuaria do Sergas, sufría unha dor nunha mama. Ao non consideralo de urxencia, solicitou unha cita coa súa doutora de familia e déronlla dúas semanas máis tarde. Como a dor persistía e non podía levar unha vida normal achegouse ao seu ambulatorio. En recepción dixéronlle que non podían atenderlle e que acudise a urxencias, pero alí non lle pasaron a consulta e asignáronlle unha cita telefónica de urxencia. «Eu necesitaba que a miña doutora me explorase e descartase que fose un vulto ou un tumor», conta. Na chamada, a súa propia médica pediulle que se achegase ao centro canto antes.
Outra usuaria do Sergas que se puxo en contacto con Público, asistiu ao seu hospital de urxencias por unha infección na garganta. Ao estar na mesma instalación derivárona ao seu doutor de familia, que podía atendela ao momento. Para a súa sorpresa, cando estaba na sala de espera o facultativo chamouna por teléfono, e a paciente explicoulle que estaba diante da porta. «El sabía que estaba fóra e non me chamou para entrar. Díxenlle que cría que tiña placas de pus e deume un antibiótico».
O médico e portavoz de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, conta que a «teleasistencia pode inducir a erros gravísimos, a unha falsa confianza da persoa ao crerse ao médico que lle dixo que non tiña problemas. Coñezo casos de persoas que foron consultadas telefonicamente porque tiñan un vulto na barriga. Sen que o médico llo vise dicía que era un lipoma. Finalmente acababa sendo un sarcoma, que é un cancro que che pode matar».
As consultas telefónicas son veteranas en Atención Primaria e ofrecen a posibilidade de que un paciente poida chamar ao seu doutor para resolver unha dúbida puntual, renovar un medicamento de maneira rápida ou recibir o resultado dunha análise, aforrando tempo e facilitando o proceso para ambas as partes. Con todo, para os expertos sanitarios este método é complementario á presencialidade e non substituínte. A secretaria de CIG- Saúde, María Abuín, explica a Público que a consulta telefónica é unha ferramenta máis e non «a única». «Dino os propios profesionais, teñen que ver aos pacientes, teñen que exploralo e falar con el», sostén Abuín. «Na relación médico-paciente é fundamental a presenza e a xestualidade, a forma de moverse e comportarse da persoa é clave para unha boa atención de saúde», engade o doutor. «Nestes momentos, hai consultas de fisioterapia que se resolven de maneira telefónica, é absolutamente inconcibible».
A problemática da asistencia telefónica en Galicia tamén ten as súas consecuencias en enfermería xa que gran parte das actividades que desempeñan estas profesionais incumben coidados e curas. Con todo, cando a Consellería de Sanidade anunciou este plan para evitar a presión asistencial, optou por un incremento de quendas de todo o persoal de Atención Primaria, pero sen contratación de persoal para os centros de saúde e tampouco teleoperadores para atender todas as chamadas. Isto explica que, se non salta o robot automático da Xunta para pedir cita, ninguén descolgue o teléfono nos ambulatorios.
A precariedade nos centros de Atención Primaria galegos maniféstase con máis forza nuns municipios que outros. A poboación de Meis (Pontevedra) perdeu un pediatra e estivo todo o verán atendida por un só médico, que o Sergas derivou finalmente a outro centro de saúde. Que os profesionais marchen das zonas máis rurais e con menos poboación é algo común en Galicia. Por exemplo, o hospital comarcal de Verín, o mesmo onde a Xunta pretendeu pechar o paritorio, non ten traumatólogo nin dermatólogo. Os seus pacientes son persoas envellecidas sen posibilidade de desprazarse ao hospital de Ourense, que se atopa a 72 quilómetros. Por iso, os médicos son máis reticentes a enviar aos pacientes aos especialistas, e certas probas só poden realizarse na cidade ou en Cosaga, que é un hospital privado. «Moitas persoas prefiren pagar unha consulta privada e aforrarse a viaxe para non perder tempo. A xente ten que volver dun postoperatorio 70 km en ambulancia, e agora mesmo as ambulancias fan de taxis porque non hai opcións de desprazarse», conta unha cidadá verinesa usuaria do Sergas.
Outro exemplo de peche de servizos que termina por recaer na privada é a suspensión de traumatoloxía en Pontevedra, de maneira que os pacientes teñen que trasladarse ao privado Quirónsalud. Os recortes tamén sufríronos os pacientes do PAC de Meira (Lugo), que atende pacientes de ata seis municipios e contará cun só médico a partir do 1 de xaneiro do 2020 para domingos e festivos. Os consultorios de Paradela e Vilaxóan (Pontevedra) están pechados desde fai oito meses, cando os pacientes quedaron sen médico no centro de saúde. «Os profesionais da sanidade pública están a facer o seu traballo na privada. A través das derivacións e peche de plantas e cando os pacientes non poden acceder aos seus médicos, marchan aos privados», engade Martín, de SOS Sanidade Pública. Ademais disto, os profesionais da saúde abandonan o servizo galego pola precariedade nos contratos.
A organización Enfermeiras Eventuais en Loita, que naceu para denunciar o baixo cociente de profesionais en Atención Primaria e as súas condicións laborais, criticou a elevada temporalidade dos seus contratos e sinalou que en Galicia «o 40% do persoal en atención especializada é eventual». A duración máxima dos contratos, segundo relata, foi de dous meses para o 20% do persoal e o resto dun mes, unha semana ou días soltos. A todo iso súmase a falta de persoal e as chamadas a última hora para ir traballar.
No outono e durante a época da gripe a «anticipación» da que presume o Goberno de Feijóo bate contra a realidade. A campaña de vacinación estancouse debido á falta de dose pola crecente demanda ante a covid-19. Como o servizo non distingue entre grupos de risco e o resto da poboación algúns centros de saúde quedaron sen dose, e persoas con patoloxías e maiores de 65 anos non poderán vacinarse ata que cheguen máis. Na súa campaña de promoción a Xunta asegurou que este ano «redobraba» o seu esforzo sumando 200.000 existencias, pero non contou con que a poboación nova acudise tamén para protexerse da gripe, deixando a enfermos crónicos sen vacina.