Como ocorre sempre nas crises, a chegada da pandemia, o confinamento e a paralización das actividades económicas tivo como consecuencia unha precarización de moitos sectores. O da cultura, xa de por si fráxil, quedou especialmente tocado. Pero non afundido. «Se xa era complicado antes, agora aínda máis», conta Javier Trigales, cineasta, guionista e programador cultural. «Supoño que o dirá todo o mundo, pero eu vivino con moita incerteza», confesa o coruñés, que explica que «non é que caeran todas as cousas programadas pero si que hai moitas inseguridades» debido aos «rebrotes».
Aumento da precariedade, dificultade para marcar datas, orzamentos reducidos, capacidade limitada… a cultura afronta unha situación máis complexa que a doutros sectores. O emprego cultural en Galicia descendeu un 5,5% debido a esta crise, 2,3 puntos máis que o conxunto do mercado laboral en marzo, segundo datos da «Conxuntura estatística do ámbito cultural» publicada polo Consello da Cultura Galega no mes de xuño. Ademais, sinala o documento, «hai que ter en conta que existen unhas debilidades coñecidas do sector, como a temporalidade, o pequeno tamaño das empresas culturais e a alta incidencia de traballadores/as autónomos/as».
Ante esta perspectiva, moitas destas persoas que traballan na cultura puxéronse mans á obra para buscar como minimizar o impacto da crise. Javier Trigales forma parte dun grupo de distintas disciplinas que están a facer reunións para analizar a situación e buscar solucións comúns. A el estas xuntanzas servíronlle para sacar algo positivo da chegada do coronavirus: «Unha das cousas boas foi recoñecernos todos como traballadores culturais (…) decatámonos de que temos os mesmos problemas e de que formamos parte do mesmo».
Trigales considera que este pode ser «un momento óptimo para reformular cousas que non funcionaban», unha oportunidade para reinventarse e adaptarse. Moitas empresas e artistas levan xa un tempo buscando e levando a cabo novas fórmulas culturais. Nas primeiras semanas de confinamento houbo máis concertos en Instagram que nun macro festival, as compañías subiron a YouTube algunhas das súas obras de teatro e moitas bandas sacaron novos videoclips, nos que cada integrante se gravaba tocando dende a súa casa. Pero coas sucesivas prórrogas do estado de alarma e a corentena apareceu a necesidade de buscar solucións sostibles e, sobre todo, remuneradas. «A cultura axudou a sobrelevar o confinamento, e non pode ser un traballo gratis», di Trigales. Unha das primeiras ideas en xurdir foi cobrar polos contidos, pagar unha entrada simbólica polos concertos en liña, pero non foi nin é a única alternativa.
Por exemplo a cooperativa Culturactiva S. Coop. Galega, que leva 20 anos dedicándose á xestión cultural, ideou unha serie de iniciativas para poder continuar coa súa actividade. «Improvisamos sobre a marcha un laboratorio de I+D cultural, que nos levou a propoñer festas verticais, concertos verticais, retransmisións en directo dende teatros baleiros, contos por teléfono…», relata Iván Prado, un dos socios fundadores desta cooperativa que agora está a retomar a súa actividade. «Non podiamos simplemente rendernos», afirma.
Como moitas outras, tiveron que aplicar o teletraballo e «houbo traballadoras que foron a un ERTE total e outras a un parcial», apunta Prado, que engade: «O parón veu colocar máis dificultades para facer viable o proxecto, pero pensamos que imos poder coa pandemia». As axudas para autónomos, os expedientes de regulación temporal de emprego e o teletraballo foron a tónica durante o estado de alarma. En Galicia, 667 empresas culturais solicitaron ERTES, o que afectou a 4.000 traballadores, segundo datos do Consello da Cultura Galega.
Ao mesmo tempo, algúns concellos galegos apostaron por seguir programando e contratando. Por exemplo, o Concello do Barco de Valdeorras organizou un pasarrúas para que a veciñanza puidese celebrar as súas festas de Santa Rita dende os balcóns e as fiestras cun deses concertos verticais dos que fala Iván Prado. Outros, como o Concello de Teo, optaron polos contos por teléfono para celebrar o Día das Letras Galegas.
As voces que narraron esas historias por teléfono foron as da compañía galega de narración oral Rilo&Penadique. Vero Rilo é, como fai sospeitar o seu apelido, a metade deste proxecto que leva a cabo xunto a Sonsoles Penadique. Rilo explica que durante o confinamento comezaron a chegar algunhas propostas pero todo en formato streaming, unha modalidade que non lles convencía: «Non queriamos perder o contacto co público, a narración é un arte vivo». Despois de darlle moitas voltas chegaron a esta idea de contar contos a nenos e nenas que escoitaban dende as súas casas. As familias podían inscribirse previamente e así elas coñecían os nomes e as idades das crianzas que estarían na videochamada. Para ela foi unha experiencia «diferente pero moi interesante», que ademais lles permitiu «chegar a colectivos ou persoas vulnerables que non podían recibir cultura fóra da casa».
Agora, as profesionais da narración oral, o teatro, o circo, a danza, a música ou a ilustración volven pouco a pouco ao traballo; pero a recuperación económica é difícil con eses meses de case inactividade ás costas. Iván Prado lamenta que «o parón da actividade normal, que xa era precaria, supón e supuxo un ataque moi grave contra a subsistencia do sector», e critica que «as administracións en xeral, incluso a día de hoxe, seguen sen crear ferramentas ou plans de compensación».
«Decepcionadas». Así aseguraron sentirse as 17 asociacións e grupos de asociacións asinantes dun documento en resposta ao «Plan de reactivación dos sectores culturais e turístico fronte aos efectos derivadas da COVID-19» que publicou a Xunta de Galicia o pasado mes de maio. A Academia Galega de Teatro (AGT), a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC), a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, Escena Galega, a Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia (APTEGA), a Plataforma Afectadas polo Centro Coreográfico Galego ou a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop son só algunhas das que se sumaron ás críticas contra o plan, no que a Xunta asegura que vai investir 10,2 millóns de euros no sector cultural.
Segundo as asinantes, o plan do goberno galego adolece de «falta de concreción, pois ten máis de declaración de intencións que de plan de reactivación»; de «falta de definición dos protocolos hixiénicos-sanitarios que serán esixidos», e de «falta de veracidade, pois mestúranse programas e accións ordinarias coas medidas excepcionais». Estas mesmas asociacións presentaran un documento colaborativo ante a Xunta consensuando cales poderían ser as medidas máis urxentes a tomar dende o goberno. Por outra banda, censuran que se aproveite esta crise «para facer máis grande o Xacobeo 21».
Para Javier Trigales o plan «peca do de sempre, xuntar cultura e turismo como un magma informe sen medidas concretas». Coincide con el o coreógrafo e bailarín Javier Martín, que opina que «asociar cultura con turismo é entrar unha vez máis nun paradigma materialista», e critica que «o modo en que queren saír da Covid é continuar co de antes». O de Javier Martín é outro dos rostros que se distinguen nesas reunións por videochamada nas que, xunto a Javier Trigales e outros compañeiros e compañeiras, tratan de buscar saída aos problemas novos e non tan novos que está a afrontar o sector cultural.
Para o bailarín, que o pasado 27 de xuño volveu pisar os escenarios cunha actuación no Teatro Rosalía de Coruña, esta nova etapa non pode ser unha continuación do sistema anterior á pandemia: «É un momento de pensar que facemos, como o facemos e para quen». «O ecosistema cultural ten que transitar a un lugar participado» onde «se desarticulen certas relacións de poder», recalca Martín, que insiste en que en xeral, a visión que teñen as institucións da cultura é «moi curtopracista, materialista e reducionista». «Necesitamos un cambio radical que pasa pola participación e por xerar unha política de coidados», afirma, e conclúe: «como di o filósofo, a revolución non se fai soa, fana as persoas».
Nesa mesma liña, Iván Prado, da cooperativa Culturactiva, considera que «unha vez máis se demostra que o mundo da cultura ou se organiza e se reivindica ou seguirá baixo o control do mercado e á sombra dunhas institucións infecundas e ineficaces».
«Nova normalidade, sociedade poscovid, cultura poscovid… Coas curvas de contaxios subindo exponencialmente a nivel mundial –van xa máis de 11,5 millóns de casos e máis de 530.000 mortes– e as ameazas de rebrotes, parece cedo para saber con certeza como será iso que chaman cultura poscovid. O que parece claro é que, polo menos de momento, pasa por unha maior presenza de Internet e das redes sociais. «Non acredito nese concepto de nova normalidade, pero hai indicadores de que as tecnoloxías cada vez teñen máis peso no noso labor», opina Prado.
Fóra das pantallas, nos espectáculos en directo, as medidas de seguridade e de hixiene obrigatorias mudaron a forma de organizar e de asistir a calquera tipo de evento. É preciso ir con máscara, manter as distancias de seguridade e reservar praza en concertos ou cinemas ao aire libre, aínda que sexan gratuítos.
Un dos primeiros grandes eventos que tivo lugar tralo confinamento en Compostela foi o PRIMA20, que tiña como obxectivo reactivar o comercio local e reanudar a programación cultural na cidade. Na programación había circo de rúa, teatro, humor e música como a do grupo Oîma, que tocou xunto ao lago do Parque da Música ante un público que por primeira vez non puido danzar ao ritmo dos seus acordeón, clarinete e violín.
«O das medidas non se leva igual desde o escenario que desde fóra del. Nós tocamos cómodas, somos un grupo de só tres persoas que ademais facemos música instrumental, así que foi fácil manter a seguridade e estar cómodas ao mesmo tempo», explica Martín Senande, un dos membros desta banda na que o acompañan Antía Ameixeiras e Olalla Liñares. Pero a relativa normalidade que sentiu dende á escena no que foi o seu primeiro concerto tralo confinamento contrastaba co que tiña en fronte: «O que che chega desde o público si que é moi diferente. Nós facemos principalmente música para baile e, claro, neste concerto non estaba permitido bailar, nin bailes soltos como as xotas e as muiñeiras».
Ese tamén foi o primeiro concerto de Martín Parga, compostelán de 26 anos, que o viviu do lado do público acompañado de dous amigos. «Unha das razóns de ir foi precisamente para ver como van ser agora estes espectáculos», di, e lembra que ao chegar lles pediron os nomes e os teléfonos, e sentáronos en tres cadeiras separadas das persoas adxacentes. Había xel hidroalcólico, un carril de entrada e outro de saída e un peche para delimitar o espazo. «Antes de comezar a banda avisou de que ía ser un concerto un pouco raro, e así foi», explica Parga, que aínda así asegura que foi unha boa experiencia: «Saímos dicindo que estivo moi ben, dentro do ben que pode ser desta forma. Enche un baleiro que tiñamos no confinamento».
A narradora oral Vero Rilo viviu algo parecido ao que relata o integrante de Oîma. A volta á normalidade «está sendo bastante estraña», confesa, pois «o tema de levar a boca cuberta resta moitísimo, non ves a expresión da xente» e «é unha limitación na comunicación».
«Para min supuxo un impacto e unha modificación», afirma Rilo, que segundo conta ten bastantes carga laboral para o verán pero case nada máis alá de agosto. Xosé Blanco, o presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) constata un aumento pequeno da actividade no sector musical: «Durante tres meses a paralización da actividade foi case do 100% e nas condicións actuais estaremos a falar dun 90%, só hai que ver a grella de programación para ver que a actividade está baixo mínimos». Ante esta situación, Blanco opina que as medidas publicadas ata hoxe pola Xunta «resultarán insuficientes para manter o tecido e emprego da industria do sector cultural da música».
Ao seu ver, a verdadeira solución viría de ter unha vacina contra a Covid-19, pero aclara: «a vacina levará un tempo e a nosa actividade seguirá confinada, polo que resultará imprescindible que a Xunta active medidas para soster o emprego e o tecido empresarial do noso sector».
Pola súa banda, Rilo indica que «dubida bastante» da reactivación que está a vivir, pois considera que «é un parche, a cultura non se abordou dende o punto de vista correcto». Este tipo de reivindicacións, que xa viñan de antes da pandemia, recobraron forza durante o confinamento. As redes sociais non só serviron para transmitir cultura, tamén para defendela con campañas como a de #NonNosCanceles ou o apagamento cultural de 48 horas. Entre os obxectivos estaba reclamar medidas como as que se tomaron con urxencia en países como Francia ou Alemaña, onde a cultura é considerada un ben de primeira necesidade. Mentres, aquí, as profesionais da cultura volven ás rúas cunha mestura de ilusión e incerteza, pero coa seguridade de que seguirán reivindicando o espazo que merecen. Como di Javier Martín: «Non debemos nunca relaxarnos».