Aquí non hai diso? O palangre da ultradereita

Tres feitos coincidentes no tempo que nos axuden a comprender mellor a feliz metáfora do octópodo: cando un concelleiro de Independentes por Ponteareas e socio do PP exclamou aquilo de «cálate ti, parapléjico» dirixíndose a un membro do BNG na cerimonia de investidura de xuño de 2023, é posíbel que non estivese a representar exactamente a dereita máis institucional e civilizada que sería desexábel para o país e que, por momentos, se chega a estrañar no Partido Popular de Galicia.

Hai un mes, un alto cargo da Consellería de Educación negou a homologación dunhas xornadas ao colectivo de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, amparándose nunha polémica circular de neutralidade ideolóxica. O motivo: as xornadas de educación para a paz versaban sobre o xenocidio en Palestina. Nin cos asasinados nin cos asasinos. Mallado! Case nas mesmas datas, o nomeamento do novo Xefe Territorial de Educación de A Coruña, Santiago Freire, facía agromar a polémica: difundir fotografías e mensaxes franquistas nas redes sociais, proferir comentarios machistas en actos públicos, gastar miles de euros en comidas e bebidas… Síntomas dunha dereita que talvez comeza a mimetizar comportamentos trumpistas ou de Vox?

Sexa como for, no pasado, dende coordenadas algo distintas, forzas alternativas ao PP intentaron pola dereita ou polo falso centro a incursión no electorado galego: o caso de Ciudadanos— ­­que nos deixou para a hemeroteca un mitin imperdíbel de Marta Rivera de la Cruz na Coruña— ou UPyD, con Rosa Díez aplaudida por Rueda, marchando por Compostela en alegre camaradaría cunha activista da lingua castelá «en defensa de lo que nos une». Pero a cousa non callou, como escoitei en sentenza lapidaria de faladoiro de abrigos de visón nunha caseta do polbo polo San Froilán: «Como vas a votar a Vox en Galicia, Conchita, teniendo el PP? Hija, eso es como cocinar el pulpo en el microondas!» O sucedido en Ponteareas viría definir o polbo en pota de cobre.

Manifestación de Galicia Bilingüe do 8 de febreiro de 2009 en Santiago de Compostela. Entre os indignados por unha suposta «imposición» do galego estaban Ana Pastor, Rosa Díez e Albert Rivera.

O escritor e xornalista lucense Miguel Anxo Murado é autor do ensaio Outra idea de Galicia:

«Penso que hai algunhas razóns evidentes: Galicia é, digamos, moi pouco ideolóxica, enténdase: o PP preséntase como un partido de xestión e deixa moi pouco espazo a outras opcións. Hai poucos debates ideolóxicos por esa banda; e Vox é un partido ideolóxico que non entra ben no cosmos político galego. Os seus dous grandes temas -o nacionalismo español e a inmigración- non teñen moito público aquí, non funcionan. E tampouco temos cidades tan grandes ao xeito doutros lugares do Estado. Vox funciona algo en Vigo, Coruña, talvez algo en Ferrol, pero non son cidades grandes abondo para medrar moito e acadar unha presenza importante en Galicia que chegue a esa barreira clave do 5%. É moi difícil que suceda. Eu son da opinión de que Vox está estancado en España. En Estremadura subiu, pero é que estaba moi baixo. E penso que en Andalucía podería baixar; dende hai dous anos ou tres está estancado. E se non está medrando alí… O discurso é moi nacionalista español. En Galicia tivo algo Ciudadanos, pero incluso o PP e o PSdG teñen un tisne de galeguismo. Tampouco hai un conflito na lingua que lle poida dar máis votos. Non ten onde agarrarse. Un partido protesta como Vox nun lugar onde leva gobernando tanto tempo a dereita tampouco ten tanta marxe. Non o vexo, non a curto ou medio prazo».

«Vox é un partido ideolóxico que non entra ben no cosmos político galego. Os seus dous grandes temas -o nacionalismo español e a inmigración- non teñen moito público aquí, non funcionan» (Miguel Anxo Murado)

A historiadora e nova vicerreitora da USC, a chairega Ana Cabana, incide na tese de Murado sobre a barreira dese 5% de votos que debe acadar unha forza en cada provincia galega para obter representación como un freo importante para o acceso da ultradereita ao Pazo do Hórreo: «Independentes pola Terra Cha terían o meu voto» afirma con humor, «pero non acadarían o 5% nas outras tres provincias».

«É unha peculiaridade dentro do Estado. Confío tamén en que outro límite sexa o grao de identidade nacional e da lingua propia, polo que agardo que nunca se poña o voto nesta xente. Nas últimas obtiveron un 2,19%. Iso permitiríalles entrar na meirande parte dos parlamentos do Estado. No País Vasco, con case a mesma porcentaxe, entraron. Pero aquí a hexemonía do PP é moi sólida. Ese voto aglutina o conservadorismo, dende o centro até toda a á da dereita. Noutros lugares poderían votar a Vox pero aquí fano ao PP. E o voto novo que noutros lugares ten Vox, aquí non o temos. Está comprobado que a franxa de maiores de 65 anos non vota case esta opción. Na rapazada nova, o voto masculino xuvenil é cativo -de momento- pero cando a xente de 16 teña voto, pode haber problemas. E aquí temos tamén un movemento feminista importante, o discurso contra a inmigración non cala».

O historiador Xose Manoel Núñez Seixas é da opinión de que «a ultradereita nas eleccións xerais ten maior porcentaxe de votos, máis ca nas municipais ou autonómicas. Vox en Galicia non ten líderes recoñecíbeis, falla a implantación. Noutros sitios chégalles con Abascal, aquí non. A aposta que fixeron pola claque dos ‘Cabreados por el gallego’ ou ‘Hablemos español’ méteos nun reduto moi concreto. Vox nútrese de desafectos co PP pero aquí é unha inmensa maquinaria de poder, sobre todo en áreas rurais, iso inhibe a capacidade de captar candidatos para as eleccións. Se ollamos á Transición, a presencia de grupos de extrema dereita era residual. Nunca a extrema dereita tivo en Galicia especial implantación. As súas receitas até agora non lle funcionan. O experimento de Jácome en Ourense é unha exaltación da ignorancia, de prescindir dos técnicos, da xestión… O fenómeno Jácome cómese a Vox. Cumpre algún deses requisitos do que eu chamo ‘trumpismo de palleiro’, pero sería un elemento demasiado friqui para Vox, tamén por incontrolábel».

A dinámica global do tecnofascismo, fagocitada polo actual modelo do capitalismo de incitación, centra o seu interese nun importante sector da mocidade galega -rapaz urbano menor de idade- ao que a ultradereita pretende seducir a través dos contidos nas redes sociais. Esta estratexia bate no país cun férreo control dos medios de comunicación por parte do PP e da Xunta co combo estrela do seu menú propagandístico, un pan, viño e postre: TVG, Radio Galega e La Voz de Galicia.

 

Convocatoria por Twitter de Ortega Smith en Galicia. Negáronlle a entrada no café e o seu chío desapareceu.

Sobre estes dous eixos, a poboación envellecida e o perfil dos votantes máis novos, reflexiona a política e socióloga Ana Luísa Bouza: «Vox? O sistema mediático galego tenos completamente escurecidos. La Voz non fala deles. Se tivesen a repercusión mediática que teñen en Madrid, veriamos… Ese discurso do sentidiño, da moderación, anula a presencia de Vox en Galicia. Aquí hai ultras, pero son eses 32.000 votos. Como se consigue que iso estoupe a nivel sociolóxico? Sen acompañamento mediático e cunha sociedade envellecida, iso non é doado. Os partidos da dereita son unha sorte de empresa de traballo temporal. E en Galicia esa ETT é o Partido Popular, mesmo para os ultras. Eu creo que hai que ter precaución á hora de pensar que isto é algo definitivo. Da mesma forma que En Marea pasou de ser a primeira forza nunha lexislatura a desaparecer. A concelleira de Avión dimitiu, así que agora Vox non ten ningunha representación institucional en Galicia. Se miras o seu perfil de votantes é un partido lixo: recolle un sector anti-sistema. Que incluso puido recoller no seu momento Podemos, un sector antisistema non ideoloxizado, o que foi o neonazismo que puido ter Fuerza Nueva. Outro perfil é o do perfil urbano novo, e outro perfil o rural populista. Que pasa en Galicia? É un voto urbano que non entra no rural. Pode ser pola propia estructura produtiva do rural galego ou polo avellentamento da poboación. Fundamentalmente é porque o PP ten unha gran penetración no rural galego que non se parece a ningún outro lugar de España. Moita xente afiliada e leal. E o Partido. Popular, a súa idiosincrasia… compara a Santalices con Ayuso. E logo o nacionalismo de esquerdas que poida chamar a mocidade, a ese sector urbano mozo. Iso está no BNG».

«Os partidos da dereita son unha sorte de empresa de traballo temporal. E en Galicia esa ETT é o Partido Popular, mesmo para os ultras. Eu creo que hai que ter precaución á hora de pensar que isto é algo definitivo» (Ana Luísa Bouza)

«Ortega Smith non pode chegar aquí insultando a Castelao, claro… Non é unha gran tarxeta de presentación. Nas cidades poderían ter o seu oco, pero non teñen un discurso propio para aquí. Vas ter que falar da pesca e doutras cousas que si interesan», afirma Miguel Anxo Bastos, Doutor en Ciencias Políticas. A mención á pesca faime pensar na súa recente intervención canda Milei no Madrid Economic Forum e nos caladoiros internacionais onde se move a ultradereita para as grandes capturas de voto. Pesca de palangre, de arrastre, cun anzol espiritual e outro anzol político. Que non é outra cousa ca diagonalismo; a alianza inesperada, en diagonal, que transcende o marco tradicional de esquerda e dereita. A que noutras xeografías xunta parte da esquerda progresista new age, os chamados Conspirituais (radicalizados contra a figura do Estado a raíz das prohibicións durante a epidemia da covid), con elementos da extrema dereita (tamén anti-vacinas, partidarios do liberalismo económico ou a euxenesia, da lei da selección natural e a non intervención do Estado), eses quen o filósofo brasileiro Rodrigo Nunes bautizou como negacionistas. Ademais dos movementos neonazis como Desokupa xuntándose con algunhas comunidades alternativas de saúde natural ou os propietarios de ximnasios pechados durante o confinamento. O lobby da tauromaquia ou a caza en grandes fincas no sur de España. Logo… O hippy que se fai seguidor dos pódcast de Steve Bannon. Ese palangre.

«Partidos como Vox teñen entrada en toda Europa. Pero non saben entrar en Galicia. Non lles interesa nin a coñecen» (Miguel Anxo Bastos)

Mais non parece que esa fórmula teña encaixe doado en Galicia para o desembarco dos ultras de Vox. Erika Járaiz e Paloma Castro, profesoras de Ciencia Política na USC, son as autoras de La construcción emocional de la extrema derecha en España, un rigoroso e extenso estudo sobre o tema publicado polo CIS. «O problema que atopa Vox para penetrar en Galicia é que non dispón da ventá de oportunidade da que si dispón noutros lugares. Dunha banda, o electorado galego é fundamentalmente moderado, de modo que a competición política non se basea en posturas extremas porque non hai elementos que a fomenten. E, doutra, o PP ocupa un espazo de competición tan amplo que non deixa oco para a incursión de Vox. O PP atopase fortemente asentado no territorio, con presenza en case todos os municipios galegos e cunha militancia que representa o dobre ca do resto de partidos políticos xuntos. As transferencias de voto, aquí, prodúcense fundamentalmente entre o PSdeG-PSOE e o BNG, sen que eses transvases lle afecten. Dende a creación da Autonomía, o PP comprendeu mellor ca ninguén o marco autonómico e proba de iso é o lema da campaña con motivo das primeiras eleccións autonómicas do 81: ‘Galego coma ti’, que reflicte a identificación do partido cos galegos, coa súa identidade. Dende entón, o PP abrazou o galeguismo, puxo énfase no sentimento galego e tentou patrimonializar figuras tan destacadas coma a de Castelao, pero sen intencionalidade nacionalista. Ese discurso non se construíu por oposición ao nacionalismo español e, por iso, o relato de Vox resulta de difícil encadre neste eixo de competición», afirma Paloma Castro quen, en alusión a ese galeguismo suave ou light -ao tempo que contraditorio- sostén que «o PP comprende o sentir maioritario deses galegos e galegas que se autodefinen tan galegos coma españois».

Bastos profunda nese detalle: «E iso que partidos como Vox teñen entrada en toda Europa. Pero non saben entrar en Galicia. Non lles interesa nin a coñecen, tampouco hai unha cabeza visíbel, como si teñen con Abascal fóra de aquí. A día de hoxe nin candidato teñen, ou ti coñécelo? Pensan que chegando dous días antes poden sacar algo. Terían que ter un discurso españolista galego pero están moi lonxe diso», conclúe. A este respecto, o profesor e escritor Antón Losada afirma que «a clave do PPdG é que ese espazo do rexionalismo galeguista que en Cataluña o ocupaba CiU, aquí ocúpao o PP. Lingua, políticas propias e unha historia de éxito de corenta anos con personalidades tan contundentes como Fraga. Diante disto, Abascal non ten nada que facer, que lles vai dicir a todos estes? Que Fraga estaba errado? Que o fixo mal?».

Son moitas as voces que, logo de superados os sucesivos procesos electorais, respiran aliviadas e anuncian que Galicia volve estar libre da ultradereita. Pero até que punto é iso certo? Sobre esta cuestión, Losada opina que «o liderazgo do PP é mediocre pero sólido. E hai unha combinación de elementos; por un lado, o que fai medrar a ultradereita en España, aquí non vale: a inmigración, lonxe de ser vista como un perigo, aquí é vista como unha necesidade. Non hai casos graves de sinalamento ou discriminación. E algún deses temas son contraproducentes: a autonomía, a Xunta, a lingua… Este discurso de que hai que volver a decidir todo en Madrid, non vale. E a agresividade contra a lingua tampouco. O PP é hexemónico… se me descoido, fala máis xente galego no PP que no PSOE. Vox benefíciase da crise do PP a nivel estatal, pero o PP galego non tivo moitas crises: sen maiores escándalos de corrupción. Son as leis da física e da política. E non é casualidade que non teñan ningún representante. Pois os temas da súa axenda non teñen relevancia aquí; a teoría da substitución aquí non ten lugar. A gran maioría dos inmigrantes que temos son latinoamericanos, incluso con lazos familiares», sostén.

En Galicia borrosa, o ensaio de Santiago Lamas, formulábase o noso inconsciente colectivo como algo moi condicionado pola paisaxe e o clima. Un pobo atravesado, ademais de pola historia, pola propia peculiaridade da súa contorna. Coma no diagonalismo, botamos o anzol político pero tamén o anzol espiritual.

No seu ensaio Galicia: O bonsái atlántico, Manuel Rivas recolle a idea de que os galegos son conservadores, pero non reaccionarios. «Os vimbios da cultura popular non cambiaron de todo, aínda que se reducise moito a poboación no rural. A condición reaccionaria enlaza moito co nacionalcatolicismo. Galicia foi pioneira do que sería despois a revolución dos pobos no 48, pero xa temos o texto de Faraldo no 46. E é importante ver o que pasou en A tribuna, a novela de Emilia Pardo Bazán, coas cigarreiras e ese final insólito: ‘Viva la República Federal!’. Hai unha tradición que sería importante conectar, todo o que pasou con iso: o grupo Galaxia, Fernández Albor, García Sabell… Elementos que fixeron de termóstato, para que non se quentase o motor. O que estamos a ver no PP nacional non é que sirva moito de termóstato, acabarano queimando. O episodio das boinas e os birretes fixo do PP un motor híbrido: moven os dous extremos nun magma que, dalgún xeito, resúltalle cómodo ao seu público. E temos unha cultura popular que está viva: as festas, as tabernas… os espazos comúns. Doutra banda, a existencia do BNG cunha visión máis transversal sobre o país ten relevancia, coido que esa revolución óptica é importante tamén para dificultar a entrada dos ultras. Aínda que sufrimos diante da inmigración ese fenómeno contracultural de narcisismo tirano: os primeiros da fila temos que ser nós. É unha reacción que ten que ver co poder: no ámbito doméstico, no ámbito de barrio… Ese é un fenómeno común, un resentimento fronte á revolución feminista e ecolóxica que existe no país», afirma, antes de engadir unha cita de Jaques Derrida, «cómpre deixar a marxe a dualidade maniquea de verdade e mentira e centrármonos na intencionalidade de quen mente».

«O racismo e a xenofobia seguen presentes na vila [Burela] como en calquera lugar de Galicia. Dende a dereita tentouse vender unha idea de convivencia harmónica e exemplo perfecto de integración, pero a realidade é queda moito traballo por facer» (Luzía Oca)

A falacia da prioridade nacional abrazada polo PP ultra de Feijóo co termóstato avariado. A conversa faime pensar na emigración galega e nun emocionante libro de fotografías de Alberto Martí, Os adeuses, que reúne máis de setenta fotografías tomadas entre 1957 e 1963 nos portos de Vigo e A Coruña. Hai un elemento recorrente no mesmo: os panos brancos sostidos cos brazos en alto dos que fican en terra, despedíndose dos que marchan a ultramar. Como se nesas bandeiras brancas da tristeza se fundase unha sorte de futuro anterior do noso país, refundado pola chegada, décadas despois, da inmigración, latinoamericana, de Europa do Leste e a africana. Mans, talentos, vontades e ilusións que completan, integran e proxectan o noso país cara o futuro.

Nesa mentira fundacional da ultradereita ten lugar capital a ameaza da inmigración que vén roubar o traballo e os dereitos

Penso en Burela, no Ibrahima senegalés que viviu varias vidas con só quince anos para atravesar África e o Mediterráneo e chegar á Mariña Lucense. Hoxe está rematando Enfermaría e traballa os fins de semana na Villaronta, unha casa de comidas en Ribadeo. Penso noutro senegalés, Sahko, quen completou os estudos de secundaria co profesor Bernardo Penabade e, polo seu talento matemático, ademais de continuar o oficio de mariñeiro de seu pai, é quen ordena os lotes para o armador na lonxa de Burela. Quixo aprender a facer empanadas galegas e abriu tres panadarías en Dakar. Cada tanto, arranxa un vello camión que enche de medicamentos, roupa e outros produtos de primeira necesidade e baixa el mesmo até Senegal. O camión queda alí e el volve en avión. A inmigración está feita de vidas, esperanzas e nomes.

Nesa mentira fundacional da ultradereita ten lugar capital a ameaza da inmigración que vén roubar o traballo e os dereitos. E malia ao permeábel que poida ser a sociedade galega coa inmigración, non quere dicir que non haxa aínda sombras e ameazas, ademais das oportunidades. Luzía Oca é a autora da tese doutoral Caboverdianas en Burela (1978/2008): migración, relación de xénero e intervención social, a raíz do proxecto BogAvante, unha intervención participativa coa comunidade caboverdiana da vila:

«Había moitos problemas relacionados co dereito á cidadanía, con dereitos laborais e a cultura caboverdiana estaba recluída no ámbito privado. Ademais, a comunidade viña de sufrir unha crise, acababa de perder un terzo dos seus membros, pola crise económica de mediados dos noventa». Na súa tese, ademais, Luzía analiza a evolución da comunidade caboverdiana, sobre todo das mulleres. «En 1998 a comunidade estaba formada, fundamentalmente, por mulleres, esposas de mariñeiros de altura, pioneiras que construíron as súas familias e criaron os seus fillos e fillas en fogares en que o home era un elemento ausente, cunha configuración de tipo matrifocal. Despois houbo cambios derivados de situacións diversas, pero non debemos perder de vista que o racismo e a xenofobia siguen estando presentes, alí na vila, como en calquera lugar de Galicia. Dende a dereita tentouse vender unha idea de convivencia harmónica e exemplo perfecto de integración pero a realidade é moito máis complexa e queda moito traballo por facer».

O marco mental no que parte da sociedade galega se percibe a si mesmo foi modelado con esmero a xeito de delicado espello cunha operación propagandística constante que non escatima en medios, ofrecendo os seus momentos de máximo esplendor durante o punto álxido do procés, ao xeito da vitoria de España no Mundial de Sudáfrica e no de EEUU, onde as rúas das vilas e cidades galegas se ateigaron de bandeiras españolas en cada balcón. No 1933, Wilhelm Reich analizou o fascismo a través do lente da psicoloxía de masas, analizando os mecanismos subxectivos que apelan ao inconsciente e os sentimentos irracionais que aí agroman. O que no argot dos pinchadiscos chaman psicoloxía de pista e que hoxe artella as grandes campañas electorais.

Fotogramas do documental Si ka badu, ka ta biradu (Se non marchas, non podes volver) sobre mulleres emigradas a Burela / Foto: Asociación Galega de Reporteiros Galegos Solidarios(Agareso).

Vox parece que non encontrou aínda o tema rompepistas para Galicia. Namentres non o fai, parece desexábel –seguindo a Chantal Mouffe– que, máis ca demonizar ou banalizar a incidencia de fórmulas filofascistas na vida política das sociedades, encontremos unha formulación progresista que permita unha mobilización real cara a igualdade e a xustiza social. Non vaia ser que nos rebente o polbo no microondas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail