Avogados e vítimas denuncian trato de favor da xuíza do Alvia ao acusado de Adif

A Coruña.- As vítimas do accidente do Alvia na curva de Angrois en Santiago cren que a defensa de Andrés Cortabitarte, exresponsable de Seguridade na Circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) e único acusado na causa xunto ao maquinista do tren, Francisco José Garzón, está a recibir trato de favor. Non só da empresa pública para a que traballou, senón da maxistrada que dirixe a vista.

A xuíza titular do xulgado do Penal número 2 de Santiago, María Elena Fernández Currás, decidiu o pasado xoves suspender a declaración do responsable de Adif, quen o día anterior había sufrido unha agresión por parte do pai dunha das vítimas mortais do sinistro.

A maxistrada anunciou a suspensión ás 10.43 da mañá, tras a declaración do maquinista. Apenas dúas horas despois, Cortabitarte estaba xa no aeroporto para volver a Madrid no voo de Iberia que saía ás 13.30.

«Como podía saber que se ía suspender o xuízo?», pregúntase Nicolás David Piñeiro Pérez, avogado doutras dúas das vítimas mortais. «Ese voo tiña overbooking [máis reservas que prazas] e eu mesmo tentei cambiar o meu billete, pero non puiden voar ata horas máis tarde», engade.

Cando tentaba tomar o mesmo voo, o avogado viu a Cortabitarte e o seu avogado na porta de embarque ás 13.06, tal e como reflicte unha das imaxes que acompaña estas liñas.

Iberia asegurou a Luzes-Público que, ao contrario do que asegura o letrado, o voo non ía completo. Pero el insiste en que non foi así: «No mostrador de Iberia dixéronme que o das 13.30 tiña overbooking, pero que fose rápido á porta por se algún pasaxeiro fallaba. Cheguei o primeiro, foise formando a cola de embarque e logo foron chegando máis persoas na miña mesma situación. Ningún puidemos embarcar porque nos aseguraron que o avión estaba cheo».

O trato de favor cara a Cortabitarte non se limitaría á comodidade de poder regresar antes a casa, se non que lle reportaría unha notable vantaxe procesual. El tiña que declarar xusto despois de que o fixese Garzón, o maquinista. É dicir que debía enfrontarse ás preguntas de acusacións e defensas sen poder preparar as súas respostas sabendo o que aquel declarara. Agora ten a vantaxe de poder facelo.

Andrés Corcabitarte, exdirector de Seguridade de Adif (con sombreiro) na porta de embarque do vóo a Madrid ás 13:06.

«Protestei e díxenlle [á xuíza] que se [Cortabitarte] ía facer isto e se sabía desde o principio, que se deixasen as dúas declaracións para o próximo día», criticou Manuel Prieto, avogado de Garzón.

Na mesma liña, Manuel Alonso Ferrezuelo, avogado da Plataforma de Vítimas Alvia 04155, lamentou que a defensa de Cortabitarte busque «aproveitar unha circunstancia», a agresión que sufriu que, aínda que Ferrezuelo «nunca» vai xustificar, considera que permite os seus avogados «gañar unha semana para preparar en conciencia a súa declaración en función do que declarou Garzón».

O maquinista, na súa opinión, deu ao tribunal «datos moi precisos sobre a sinalización na vía» na que se accidentou o Alvia. «E aí é onde está, para nós, parte da responsabilidade de Cortabitarte», engade.

As defensas das vítimas cren que este sabía desde o mércores que a súa declaración, prevista para o xoves, íase suspender. Por iso tivo tempo para cambiar o seu billete, algo que non puideron facer o resto de avogados, vítimas e familiares que asisten ao xuízo, quen se decatou da suspensión ás 10.43, é dicir sen tempo para cambiar os seus.

«Eu xamais me montaría nun tren que pode alcanzar os 250 quilómetros por hora se soubese que a miña seguridade dependía exclusivamente da pericia do maquinista»

Entre esas persoas está Teresa Gómez-Limón, exdiputada do PP na Asemblea de Madrid, pasaxeira do tren sinistrado e quen o venres aínda seguía Santiago. Gómez-Limón abandonou o PP en 2014 tras sufrir o ostracismo dos seus compañeiros por pedir responsabilidades políticas e civís aos cargos de Adif e denunciar o obstrucionismo dos gobernos de Mariano Rajoy e Alberto Núñez Feijóo en Madrid e na Xunta.

Unha vítima, nunha concentración de protesta / Foto: Plataforma de Vítimas do Alvia

«Estou segura de que existe ese trato de favor. Agora a defensa de Cortabitarte e os avogados de Adif teñen unha semana para estudarse moi ben a declaración do maquinista», sostén Gómez-Limón.

A exdiputada popular lamenta que na vista oral só haxa dous acusados «dos moitos máis que deberían estar» e tamén a «coincidencia» de que a xuíza Elena Fernández Currás sexa irmá de Marta Fernández Currás, exconselleira de Facenda da Xunta con Feijóo e ex secretaria de Estado de Orzamentos no Goberno de Rajoy.

O abogado da exdiputada do PP pide dous anos de prisión para Garzón e catro para o director de Seguridade de Adif. «A súa responsabilidade non é a mesma. O maquinista tivo un erro humano, pero no caso de Adif, enganáronnos. Eu xamais me montaría nun tren que pode alcanzar os 250 quilómetros por hora se soubese que a miña seguridade dependía exclusivamente da pericia do maquinista».

A grandes liñas, as acusacións particulares do caso e a defensa de Garzón sosteñen que Adif é responsable do sinistro porque o Alvia era unha tren de alta velocidade que debía dispoñer das medidas de seguridade obrigatorias para ese tipo de liñas, que deben impedir que un erro humano derive nunha traxedia.

O Estado, por contra, sostén que o Alvia non era un tren de alta velocidade.

Goreti Sanmartín, concelleira do BNG en Santiago (e), e Ana Miranda, eurodeputada, o mércores pasado no inicio do xuízo, diante do cartel dun documental sobre a traxedoa / Foto: BNG

Cinco anos despois de deixar o PP en 2014, Teresa Gómez-Limón pediu o voto nas eleccións europeas de 2019 para Ana Miranda, eurodeputada do BNG cuxo papel en Bruxelas, segundo as vítimas, foi decisivo para darlles voz e impulsar un informe da Axencia Ferroviaria Europea que alerta da falta de independencia da comisión española que investigou o accidente, e que cuestiona a tese os gobernos de PSOE e PP sobre que a responsabilidade do accidente foi en exclusiva do maquinista.

Miranda estivo presente o pasado mércores no inicio do xuízo en Santiago, foi moi dura coas administracións de PSOE e PP e lamentou que non estivesen nel os dous ministros de Fomento que tiveron relación co caso: o socialista José Blanco, baixo cuxo mandato se construíu e inaugurou a liña, e a popular Ana Pastor, quen presionaría a Bruxelas para que non profundase na investigación do sinistro.

«Nove anos despois o Estado español segue incumprindo a normativa europea sobre seguridade ferroviaria que impediría un accidente destas características e ten aberto un procedemento de infracción por esa razón», explica Miranda.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail