A ARMH denuncia que Aena oculta na súa web que o aeroporto de Santiago foi levantado por presos republicanos

O fillo dun represaliado dirixiuse sen éxito en varias ocasións á empresa pública para que inclúa unha referencia na historia do aeródromo galego ao campo de concentración instalado alí e polo que pasaron máis de 2.000 persoas durante a guerra e a postguerra

A Coruña.- A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) denunciou que a empresa pública Aeroportos Españois e Navegación Aérea ( Aena) oculta na web que dedica á historia do aeroporto de Lavacolla o feito de que foi construído por miles de presos republicanos sometidos a traballos forzados polo bando franquista durante a guerra e a postguerra.

Juan José Ibáñez, fillo de Julián Ibáñez, un daqueles prisioneiros políticos, dirixiuse en varias ocasións a Aena para solicitar que se faga referencia a esa circunstancia na web, pero non obtivo máis resposta que o traslado da solicitude ao departamento correspondente». A empresa, pola súa banda, asegurou a Público que está estudiendo a petición.

Aena dedica na web de cada aeroporto un pequeno apartado á historia de cada aeródromo. No caso do de Santiago, a nota indica que se empezou a construír en 1935 e que cobrou «carácter militar» tras o golpe de 1936. Tamén que en 1937 iniciáronse voos comerciais regulares e que en 1947 se abriu ao tráfico internacional. Pero non hai ningunha referencia a ese decenio entre 1937 e 1947, durante o que se desenvolveu a ampliación que permitiu os voos transoceánicos, e que foi executada por prisioneiros republicanos presos no campo de concentración de Lavacolla, polo que pasaron máis de 2.000 persoas.

A páxina da web de Aena adicada ao Rosalía de Castro no que non aparece información sobre o campo de concentración de Lavacolla

Así o relata Victor Santidrián, doutor en Historia e coordinador da edición de Diario do soldado republicano Casimiro Jabonero, baseado nas notas manuscritas dun tenente do exército popular da República que paso varios meses no campo, entre 1939 e 1940, no Batallón Disciplinario de Soldados Traballadores e Prisioneiros número 28.

«É incomprensible que Aena non queira explicar que as obras do aeroporto as fixeron os presos presos republicanos. O diario de Casimiro Jabonero publicouse no 2002 e desde o 2006 hai un pequeno monolito que lembra os prisioneiros. É como non se alguén non quixese recoñecer o Holocausto ou se negase a citalo. Non é irrelevante», lamenta o historiador, que lembra que Aena é unha empresa propiedade do Estado e que é o Estado, precisamente, o primeiro que debería evitar que se oculten eses feitos.

Santidrián topouse de casualidade coa historia de Jabonero, tras coñecer a existencia do seu diario grazas a uns parentes do soldado que o conservaban e que eran veciños duns familiares seus. Non puido atopar moita máis documentación sobre o campo de concentración, situado na aldea aldea de Lavacolla, que pertencía ao municipio de Enfesta, porque Enfesta se uniu a Santiago en 1962 e a maioría dos arquivos municipais desapareceron.

«Só queda algo de información no Arquivo Xeral Militar de Guadalaxara, quizá no Arquivo do Exército do Aire, e no do Tribunal de Contas, porque supostamente os presos tiñan cartilla de racionamento e un xornal que sufragaba o Estado», explica o historiador, cuxo libro foi publicado pola Fundación 10 de marzo.

Capa e dúas páxinas do diario de Casimiro Jabonero

O diario do soldado narra as durísimas condicións nas que se vían obrigados a traballar os presos republicanos como Jabonero, que se almorzaban cun café ás cinco da mañá e camiñaban tres quilómetros, de cinco en cinco, collidos das mans, ata chegar ás obras para, durante horas, cavar terra e picar pedras, cargala en vagonetas e arrastralas para descargalas de novo, De noite ceaban col cocida. «A quen a súa familia non lle mandaba algo, estaba condenado á morte», relata o tenente, quen asegura que o suposto salario que debían recibir non existía, nin sequera en especie, aínda que as obras estaban dirixidas por unha contrata: «Roupa dábannos moi pouca, e diñeiro, ningún».

Outro dos prisioneiros de Lavacolla foi Julián Ibáñez. Segundo conta o seu fillo Juan José, foi enviado alí en 1939, despois de combater en varias frontes no exército republicano e de ser gravemente ferido nunha perna. Tras regresar á súa casa, en San Sebastián, ao acabar a guerra, declarouse expresamente «non afecto ao Réxime» diante da autoridades militares durante unha recruta, polo que foi enviado aos campos de concentración. Primeiro a Miranda de Ebro, logo a Madrid, e finalmente, en setembro de 1940, a Lavacolla, onde permaneceu preso ata maio de 1942 no Batallón Disciplinario 28.

Julián viviu os horrores e as penuarias do campo, tanto que o seu fillo Juan José conta que tivo «sorte» cun accidente cunha vagoneta que volveu esnaquizarlle a perna. Era ebanista, e puido pasar os últimos meses de confinamento traballando na carpintería «grazas» a esa minusvalía. A España de Franco xamais lle recoñeceu unha pensión.

Julián Ibáñez

Juan José soubo que a web do aeroporto de Santiago ocultaba as razóns que levaron ao seu pai a alí hai uns meses, falando coa escritora canadense Janette Higgins, quen había pouco publicara Loitando pola democracia: a verdadeira historia de Jim Higgins, un activista canadense na guerra española. Narra a historia do seu pai, Jim Higgins, un británico que emigrou a Canadá con 21 anos e que en 1937 de uniu ás Brigadas Internacionais para defender a República.

Juan José contactou con Janette, fixéronse amigos e ata lle ofreceu traducir o seu libro ao español. E contoulle que o seu pai tamén fora combatente e que estivera prisioneiro no campo de Lavacolla. Un día, charlando nunha videoconferencia, Janette díxolle: «Pregúntome cantos das decenas de miles de peregrinos que percorreron o Camiño de Santiago saben que os presos de Franco construíron a pista do aeroporto dese destino». Foi entón cando Juan José botou unha ollada á web de Aena e advertiu que na páxina dedicada á historia do aérodromo non había referencia ningunha a aqueles anos.

O seu primeiro correo a Aena pedindo á empresa que inclúan na web algunha referencia aos presos políticos que fixeron a ampliación do aeroporto é do pasado 21 de xuño. «Desde entón enviei outros nove emails», asegura Juan José. O último, o pasado martes. Pero ata o de agora só recibiu dúas mensaxes, en xullo e en septienbre, coa mesma lacónica resposta: «Reenviamos a súa consulta ao departamento correspondente».

Placa no monolito de Lavacolla adicado aos presos

«É un pouco triste a maneira que teñen de tratar ás persoas. Pero ademais, é que os cidadáns teñen dereito a saber a verdade e a que esta non se esconda», di o fillo de Julián, quen lembra a historia do alemán Wilfried Stuckmann e a súa parella, quen no ano 2014 esixiron que lles devolvesen o diñeiro que pagaran por pernoitar dúas noites no Parador Nacional de León, situado no convento de San Marcos, e que tamén pertence a unha empresa pública.

Stuckmann e o seu acompañante alegaron que non se lles tería ocorrido xamais durmir alí de saber que o convento fora un campo de concentración franquista entre 1936 e 1940, e que ninguén lles informou de tal circunstancia cando fixeron a súa reserva. Cando lles devolveron o diñeiro, 396 euros, doárono á ARMH.

O pasado 21 de xuño celebrouse no parador unha homenaxe aos prisioneiros daquel campo, e descubriuse unha pequena placa na súa honra. En Lavacolla tamén hai un pequeno monólito da Fundación 10 de marzo e o Concello de Santiago que lembra desde o 2006 a quen traballaron, sufriron e morreron alí: «En memoria dos republicanos presos no campo de concentración de Lavacolla e daqueles que, desde 1939, contribuíron durante o seu cativerio neste lugar á construción das pistas do aeroporto».

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail