A Coruña.- O pleno do Parlamento de Galicia debaterá na mañá deste martes unha proposta do BNG para crear unha comisión de investigación que estude os contratos adxudicados pola Xunta ás empresas vinculadas a familiares e persoas da contorna íntima do presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, e doutros cargos do seu partido.
Entre eses contratos, moitos deles asignados polo procedemento de emerxencia sen concurso público, figuran os que beneficiaron ás firmas do Grupo Eulen, a sociedade da que é directiva Micaela Nuñez Feijóo, desde que o seu irmán foi elixido presidente da Xunta ata a actualidade.
Tamén os de Universal Support, a empresa coruñesa de telemárketing cuxo director comercial é o cuñado do líder popular, Ignacio Cárdenas, a máis beneficiada en Galicia polos fondos de emerxencia habilitados para financiar a loita contra a covid no ano 2021
O BNG quere que o Parlamento autonómico investigue así mesmo as adxudicacións por máis de 10,4 millóns de euros a Mape Asesores, firma coa que mediou Alberto González, compañeiro da presidenta da comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, para levar unha comisión de case dous millóns de euros pola compra de material sanitario.
Segundo o Consello de Contas de Galicia, a Xunta pagaría sobreprezos a Mape por servizos similares.
Máscaras falsas
Ademais, a formación que lidera Ana Pontón pretende que se esclarezan as adxudicacións a Sibucu 360, propiedade do empresario José Ramón González, vinculado ao PP e que tería obtido preto de cinco millóns de euros do orzamento da Xunta, da Comunidad de Madrid e do Concello da capital do Estado pola venda de máscaras falsas durante a epidemia de covid.
O pasado 3 de setembro o Bloque anunciou que as irregularidades e a falta de transparencia do PP nas contratacións da Xunta ían ser un dos temas centrais da súa estratexia de oposición durante o novo curso político.
«Esas contratacións benefician a empresas con conexións directas co Partido Popular ou coa contorna de dirixentes do Partido Popular», dixo entón o viceportavoz do grupo nacionalista, Luís Bará, quen lembrou que o PP vetou hai uns meses a comparecencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para explicar esas adxudicacións e que a Xunta se negou a facilitar ao BNG a documentación sobre as mesmas que reclamaron as súas deputadas.
O BNG tamén anunciou que esixirá explicacións ao Goberno de Rueda polo sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e a propia Ana Pontón indicou a semana pasada que se o PP veta a comisión de investigacion «estará a recoñecer a súa culpabilidade».
O PP ten maioría no Parlamento de Galicia con 40 dos seus 75 escanos. O BNG conta con 25 deputadas, o PSOE con nove e Democracia Ourensá, 1.