Sindicatos e oposición critican que propoña agora para todo o Estado unha medida coa que acabou ao chegar á Presidencia da Xunta
A Coruña.- Galicia iniciou onte o decimo cuarto curso escolar con libros de texto de pago desde que Alberto Núñez Feijóo eliminara a gratuidade no 2009
O líder do PP reclamou a semana pasada ao Goberno que implantase axudas de 200 euros para libros e material de estudo para que todas as familias puidesen afrontar «o curso máis caro da historia» sen pagar os libros dos seus fillos. Unha medida que, con todo, el nunca levou a cabo durante os trece anos que estivo á fronte do Executivo galego, que ten plenas competencias en materia educativa. Todo o contrario.
O 9 de agosto de 2009, apenas tres meses despois da súa chegada á Xunta, o Diario Oficial de Galicia publicou unha orde que acababa co sistema que garantía a gratuidade universal dos libros de texto nos colexios públicos. O agora presidente do PP prometera que os recortes, que xustificou pola crise financeira, non afectarían ás que tiñan rendas medias e baixas. Pero na práctica non foi así. Co seu sistema, unha parella con dous fillos debía ingresar menos de 21.600 euros para poder recibir unha bolsa de 180 euros, e unha nai cun fillo, menos de 12.000 euros.
Desde que Feijóo instaurou esa fórmula, preto do 70% das familias galegas con fillos en escolas públicas deben pagar polos libros de texto. O modelo que implantou supuxo o curso pasado un gasto de 25,6 millóns de euros, é dicir o 0,9% do orzamento que a Xunta inviste en educación. No seu último ano no poder en Galicia, destinou máis de dez veces esa cantidade para financiar aos centros privados concertados, que recibiron 276,4 millóns de euros. Máis de 10% do orzamento total de Educación.
Tanto a líder da oposición no Parlamento de Galicia, Ana Pontón (BNG), como o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiron nos últimos días a reimplantación da gratuidade dos libros de texto nas escolas públicas que implantou o Goberno bipartito que compartiron entre 2005 e 2009. Está previsto que o pleno da Cámara autonómica debata unha proposta dos nacionalistas para iniciar un plan de choque global contra a crise que inclúe esas axudas.
Nin o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nin o seu conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, se manifestaron de momento sobre a postura que manterá o Partido Popular respecto diso. É dicir, se apoiará unha medida que persegue o mesmo obxectivo que Feijóo pretende para toda España, ou se por contra a rexeitarán.
Para Suso Bermello, secretario de Ensino da Confederación Intersinfical Galega (CIG), o sindicato con máis afiliados e delegados no país, a actitd de Feijóo é de «hipocrisía»: «Agora pide no Estado a gratuidade dos libros de texto que eliminou en Galicia en canto chegou ao poder». Bermello fixo as súas declaracións durante a manifestación celebrada ese día pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público na sede da Xunta e en varios centros públicos para denunciar o que consideran un «caótico» comezo de curso.
Os case 311.000 alumnos e alumnas de Infanti, Primaria, Secundaria e Bacharelato que acudiron onte ao seu primeiro día de clase topáronse con novos recortes de profesorado e máis peches de aulas e colexios, e sen saber sequera que libros deben comprar, dado que a Consellería de Rodríguez aínda non publicou no DOG os currículos nos que deben basearse eses textos .
Agora pide no Estado a gratuidade dos libros de texto que eliminou en Galicia en canto chegou ao poder
O departamento de Rodríguez responsabiliza ao Goberno de Pedro Sánchez pola escasa marxe que tivo para adaptalos á lei orgánica que modificou a anterior lei orgánica de educación (Lomloe), aprobada en decembro de 2021. Con todo, tanto a CIG como CCOO, UGT e ANPE alertaron o pasado mes de maio de que o caos era previsible, e pediron entón que o inicio do curso se atrasase. A Xunta negouse.
A Consellería de Educación asegurou a Luzes-Público que os currículos de Infantil se aprobarían este mesmo xoves, e os de Secundaria e Bacharelato, «nas próximas semanas».
Con respecto á falta de profesorado, a Xunta escúdase en que hai máis docentes que antes da emerxencia sanitaria, aínda que os sindicatos denuncian que iso non é verdade. Segundo o portavoz da CIG, «o número de profesores e profesoras de Infantil e Primaria caeu máis dun 10%». «Un dato que non damos nós, senón a propia Consellería», e que, por certo, coincide coas estatísticas da propia Xunta que indican que desde 2009 se pecharon o 10% dos colexios públicos que había en Galicia antes da chegada de Feijóo.
Mentres tanto, segundo denuncia Bermello, o profesorado de ensino privado, con e sen concerto, porque tampouco se dan os datos desagregados, aumentou un 6%. «Ese ese o produto das políticas do Partido Popular en Galicia».
Pes a todo, Román Rodríguez destacou onte a «gran normalidade» coa que ao seu xuizo se iniciou o curso, e atribuíu as críticas e as protestas «ao rifirrafe político».