Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Claro que vos mentín. Pero mentinvos porque metedes moita presión. Sodes moi teimudos coas vosas absurdas normas. Inventei o dos encarapuchados debuxando no meu cuíño a palabra «Maricón» porque xa non sabía que facer para defenderme das vosas merdas. Estaba nun pozo. Vós aí dándolle co asunto da fidelidade, da parella de Disney, sen parar, coma se a vida fose un absurdo conto de princesas e ataduras. E despois o do sado. A ver como volo explico sen que me xulguedes ou me enviedes ao siquiatra.
Que fun demasiado lonxe? Claro que si. Por iso as desculpas. Non medín ben as consecuencias da miña mentira. Síntoo, desculpade. Especialmente aos axentes de policía que me axudaron a entrar en razón, aos xornalistas que abriron as súas informacións co meu estúpido invento. A todas as persoas de boa fe que se preocuparon por min e a todas as persoas que padecen agresións de odio.
Pero sobre todo, desculpas, as máis sinceras e profundas, a quen loita cada día contra a violencia homófoba. Sen pensalo, banalicéi a nosa batalla tan necesaria. Desculpas, unha e mil veces desculpas.
Voume explicar. Ter unha parella estable non significa que non desexes outras experiencias sexuais á marxe dela. E iso fixen, exercer a miña liberdade, pero cunha enorme carga de culpabilidade e autoodio. Sei que a maioría de vós pensades, polo menos de boca para fóra, que iso non debe facerse, que coa parella hai que ser fiel como manda o catecismo. Pois non. Como combinar o enorme e inquebrantable amor que sinto polo meu mozo co desexo irrenunciable que sinto por outras persoas? Niso estaba, tratando de aclararme e de aclarar a miña vida… pero mentres, pasou o que pasou.
E o que pasou foi a oportunidade de gozar dunha noite de sexo como a min me presta. Entregarme, sentirme dominado, deixar a miña vontade en mans doutro, traballar absolutamente para o seu pracer, regalarlle o meu corpo ata que me converta na cinza do seu cigarro. Enténdase a metáfora, o xogo. A fantasía sadoca.
A cousa é que, na miña espiral de entrega, á que viaxo consciente e coa seguridade de que os meus colegas saben onde están os límites, algo non foi ben. Chegamos demasiado lonxe co cúter e as consecuencias xa son dabondo coñecidas.
Como lle explico isto ao meu mozo e como volo explico ao resto sen que me xulguedes, sen que me chamedes de todo, sen que vos imaxinedes que son un depravado e non merezo a vida? A presión é inmensa. Ao meu chaval quérolle con tolemia. Non o cambio por nada nin por ninguén, pero iso non me impide vivir experiencias con outra xente. É algo así como vivir enganchado á vida.
Capítulo a parte merece o tema sado. Non preciso que ninguén me entenda. Só que respecte a miña liberdade. E non é fácil, pois o macherío imponse constantemente e a cada hora. Cústanos ata definirnos como pasivos nas redes, pois é tal o predominio da masculinidade normativa que nin pluma, nin cus se salvan do escarnio e maldizer. Normalizar a dignidade do pasivo é unha necesidade imperiosa nas relacións entre homes. Non se é máis nin se é menos home por gozar co cu. Quen mantén ese esquema mental é un puto reflexo do machismo dominante e ramplón. E se a pasividade no xogo erótico convértese en submisión, a situación que se crea non deixa de ser unha experiencia festiva entre dous homes libres que gozan como lles sae do figo.
Desculpade o meu absurdo comportamento, a miña falta de empatía, a miña enorme metedura de pata. Só quería explicarvos o que sinto. Aínda decepcionándovos tanto, espero que teñades entendido, polo menos minimamente, parte das miñas circunstancias. Agradecido por iso, voume coa cabeza baixa, reivindicando a dignidade do sexo fóra da parella e a honestidade do xogo erótico sadomasoquista.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán