A Xunta modifica unha oposición para que o alcalde de Cervo manteña a súa praza sen aprobar o exame

Suprime do catálogo de postos temporais de veterinarios sometidos a concurso o que ocupa en excedencia Alfonso Villares Bermúdez, tamén vicepresidente da Fegamp

A Coruña.- A Xunta de Galicia modificou os criterios dunhas oposicións que se celebrarán previsiblemente este outono para evitar que o alcalde da localidade lucense de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez, teña que presentarse ao exame e corra así o risco de perder a súa praza. Sucede que Villares, veterinario contratado temporalmente pola Consellería do Medio Rural da Xunta, leva varios anos sen prestar servizo nela e sen exercer a súa profesión, polo menos desde que se fixo coa Alcaldía no ano 2011.

O proceso está destinado a converter en persoal laboral fixo a preto de corenta veterinarios interinos da Xunta que foron contratatados con carácter temporal. Na Oferta Pública de Emprego ( OPE) do ano 2017 a Xunta anunciou que as sacaría a oposición para que os profesionais puidesen consolidarse como interinos fixos, cun catálogo no que aparecía expresamente a praza de Villares co código MR992007427500021. Nos borradores da convocatoria que se foron redactando o posto seguía e segue aparecendo, pero na convocatoria final que publicou o Diario Oficial de Galicia o pasado 11 decembro a praza de Villares e o citado código desapareceron.

Segundo fontes da Central Sindical Independente de Funcionarios (CSIF), o criterio seguido ata o de agora pola Xunta en todos os procesos selectivos para a consolidación de emprego sempre fora o mesmo: «Convocar a oposición pública todas as prazas que estivesen ocupadas por persoal temporal, con independencia de que as persoas que as ocupan estivesen a desempeñar o posto de maneira efectiva ou, pola contra, estivese a gozar dalgún permiso, licenza ou excedencia con reserva de posto».

Alfonso Villares, alcalde de Cervo / Foto: Concello de Cervo

É dicir, que coas normas seguidas ata decembro pasado, e tal e como figuraba na OPE do 2017, Alfonso Villares debería presentarse no outono á oposición para converterse en persoal fixo, se a aprobase, ou para perdela, en caso de suspender o exame.

«Con todo, co novo criterio que se aplicará nestas oposicións e ao retirarse a praza que ocupa en réxime temporalidade o alcalde en cuestión, na práctica significará que, aínda que non participe na oposición, seguirá mantendo o seu posto de traballo de maneira indefinida», explica CSIF.

Villares é concelleiro en Cervo, un municipio costeiro do norte da comunidade, desde 1995, cando tiña vinte e seis anos. No 2007 entrou na xunta do Goberno local que presidía José Ínsua Pernas, a quen relevou cando Feijóo nomeou a este xerente do hospital da Costa, en Burela, e no 2011 gañou as eleccións municipais con maioría absoluta. Revalidouna no 2015 e ampliouna notablemente no 2019 tras obter un abafador 63,4% dos votos.

Segundo algunhas fontes, Villares forma parte do círculo político de confianza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen o situou como vicepresidente e máximo representante do PP na dirección da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e como membro do Consello Reitor da Escola Galega de Administración Pública ( Egap).

Precisamente, o presidente da Egap é Valeriano Martínez, conselleiro de Hacienda e Administración Pública; e o vicepresidente é José María Barreiro Díaz, director xeral da Función Pública, as dúas persoas que o pasado 11 de decembro asinaron no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria das oposicións nas que se suprimiu a praza de Villares, permitindo a o alcalde non presentarse aos exames pero manter de maneira indefinida a praza temporal que non exerce desde hai cando menos dez anos.

Feijóo e Villares, na inauguración dun centro de día en Cervo / Foto: Concello de Cervo

Fontes da CSIF aseguran que cando interrogaron a Barreiro pola eliminación da praza de Villares na mesa sectorial, o director xeral de Función Pública limitouse a dicir que, «de maneira excepcional», a Xunta decidira excluír da mesma aquelas prazas que non estivesen «efectivamente ocupadas», é dicir a do alcalde de Cervo, pero sen motivar a decisión con máis argumentos.

Luzes-Público tentou sen éxito contactar con Alfonso Villares para solicitar a súa opinión, pero non puido localizalo. Tampouco obtivera ao peche desta edición resposta da Consellería de Facenda e Administración Pública sobre as causas que motivaron a exclusión expresa da súa praza da convocatoria das oposicións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail