A Xunta cumpre sete anos sen regular a caza nas estradas rurais

Comprometeuse en 2015 a modificar a lei que permite portar armas cargadas e usalas na contorna de vías asfaltadas non sinalizadas

A Coruña.- A Xunta leva sete anos incumprindo a súa promesa de modificar a normativa que regula a caza na comunidade para impedir que os cazadores poidan disparar as súas armas en vías asfaltadas de acceso a aldeas e municipios, polas que transitan peóns e circulan vehículos e cuxa seguridade, segundo as asociacións ecoloxistas, se pon en evidente perigo.

A lei de caza de Galicia, aprobada en decembro de 2013 e que entrou en vigor en xaneiro de 2014, pretendía «propender a unha caza máis ética e responsable», segundo a súa exposición de motivos, pero o certo é que norma modificou á baixa moitas das restricións da normativa anterior, en vigor desde 1997. Entre elas, a prohibición de portar armas cargadas e usalas nas inmediacións de calquera vía pública, que restrinxía a actividade cinexética a «carreiros pouco frecuentados». A nova norma estendeuna a todas aquelas estradas públicas asfaltadas que non estean expresamente sinalizadas dese xeito.

Iso sucede na práctica totalidade do rural galego, que conta con máis de 30.000 núcleos de poboación, case a metade de todos os do Estado, aos que se accede por vías asfaltadas que non están sinalizadas e por onde os veciños transitan a diario a pé, en bicicleta, coche ou autobús para chegar aos seus domicilios. Segundo datos oficiais, máis do 95% do territorio de Galicia está considerado como territorio cinexético.

Por mor dunha denuncia da agrupación Matar por matar non no Valedor do Pobo, o goberno autonómico comprometeuse en maio de 2015 a desenvolver a normativa no prazo dun mes. Pero sete anos despois a lei non foi modificada nin se aprobou regulamento algún que permita cumprir coa recomendación do Valedor –hoxe Valedora–. Ademais, a Xunta nin sequera se presta a pronunciarse sobre o tema.

«É unha burla flagrante a toda a cidadanía e á institución do Valedor», asegura Xulio Fernández, presidente de Matar por matar non, quen asegura que a pasividade e o silencio da Xunta, tanto baixo os gobernos de Alberto Núñez Feijóo como de Alfonso Rueda, se debe a que a lei de 2013 «foi elaborada para outorgar máis privilexios ao lobby da caza».

Ademais, Fernández lembra que a Xunta tampouco desenvolveu legalmente «a obriga de sinalizar as vías públicas onde se están realizando batidas», polo que os cazadores nin sequera teñen que advertir aos veciños de cando e onde van disparar, nin a recomendación de poñer en marcha un procedemento rápido e eficaz para que un terreo poida ser declarado libre de caza a petición de veciños e propietarios de montes.

As competencias en materia cinexética corresponden en Galicia á Consellería de Medio Ambiente, dirixida por Ángeles Vázquez, exdeputada no Congreso e exalcaldesa do municipio de Melide, un municipio de 7.000 habitantes no interior da provincia da Coruña.

En declaracións ao diario El País, Vázquez comprometeuse en 2015 a desenvolver «canto antes» o regulamento que debía cumprir coas indicacións do Valedor, asegurou que o seu departamento xa o estaba redactando e recoñeceu que a lei de 2013 precisaba retoques para garantir a seguridade dos veciños e visitantes de núcleos rurais. Máis de 780.000 galegos e galegas, o 30% da poboación da comunidade, viven en municipios de menos de 10.000 habitantes. Segundo a propia Xunta, dos 2,7 millóns de habitantes da comunidade só 50.000 son cazadores.

Luzes-Público dirixiuse a Medio Ambiente por teléfono e correo electrónico para interesarse polo atraso na aprobación do novo regulamento e preguntarlle cando ten previsto cumprir o seu compromiso, pero a consellería de Ángeles Vázquez non respondeu.

Galicia é a cuarta comunidade española con máis mortos e feridos por disparos de cazadores. Segundo unha información remitida en 2020 polo goberno ao grupo de Compromís no Senado, nove persoas morreron e outras 47 foron feridas en accidentes de caza na comunidade entre xaneiro de 2010 e setembro de 2020. En toda España, 605 persoas, das que 17 eran menores de idade, foron vítimas deses accidentes, das que 50 morreron.

En xuño de 2016, a deputada socialista Patricia Vilán presentou no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para instar a Xunta a modificar a lei de 2013, pero a proposta foi rexeitada cos votos do PP.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail