A Coruña.- A xuíza do Penal que procesou por acoso o director xeral da Corporación Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, e outros sete directivos e directivas da tele e a radio públicas de Galicia, estendeu a querela presentada pola traballadora que os denunciou a outro dos executivos da casa. Ademais, ampliou os feitos polos que investiga outros dous mandos xa acusados de vulnerar os seus dereitos laborais.
A maxistrada Ana López-Suevos, titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, abriu dilixencias o ano pasado contra varios mandos da cadea pública de radio e televisión, a quen imputou baixo a acusación de armar unha estratexia de descrédito profesional e persoal contra unha xornalista crítica que foi trasladada de posto de traballo por unha decisión que a súa defensa legal considera sexista e discriminatoria.
Ademais de Sánchez Izquierdo, están a ser investigados Xosé Pereira Fariña, director de Innovación e Negocio; Alejandro López Carballeira, subdirector de Informativos; Tania Fernández Lombao, xefa de Programas cando ocorreron os feitos; Paula Veloso Pereira, xefa de Xestión de persoal; Susana Fernández Veiguela, exdirectora de Recursos Humanos; Manuel Casás Macía, xefe de Seguridade e saúde laboral, e Vitalina Cuña Palencia, coordinadora de persoal da Radio Galega. Todos declararon xa diante da xuíza e o fiscal do caso.
A petición da defensa da traballadora, a xuíza acordou ampliar a querela a Víctor Tubío Villar, director de Recursos Humanos, quen xa declarou como testemuña. Na súa providencia, asinada o pasado 28 de xuño, acorda tamén estender a investigación sobre os feitos imputados a López Carballeira e a Casás Macía, a quen citou para unha nova comparecencia no xulgado os próximos 9 e 10 de outubro, respectivamente.
Ansiedade e depresión
A traballadora que os denunciou sufriu varias baixas por enfermidade e padeceu como consecuencia do acoso varios episodios de ansiedade e depresión que afectaron tamén á súa contorna familiar e social, segundo os informes médicos do Servizo Galego de Saúde, dun psiquiatra privado, dun perito forense xudicial e da médico da CRTVG.
A xornalista, que perdera nos tribunais do Social a demanda que presentou polo seu traslado, asegura sufrir desde entón o ‘ninguneo’ dos seus superiores, que lle negaron de maneira recorrente permisos e solicitudes de libranza e conciliación e que a someteron a cambios constantes de horarios e ás peores quendas de traballo.
Tamén a privaron do seu dereito a secundar a folga feminista do 8M de 2019 —foi a única muller incluída nos servizos mínimos— e foi excluída non só das coberturas informativas relevantes, senón das reunións habituais de redacción, amais de asignarlle coberturas de temas menores que nin sequera chegaron a emitirse.

Tamén ocultaron os recoñecementos profesionais que recibía, dos que a TVG si se facía eco nos seus informativos cando quen obtiña eses mesmos galardóns eran outros compañeiros.
Antes de recorrer aos tribunais, a xornalista acudiu á comisión contra o acoso da CRTVG, que, coa oposición expresa das delegadas dos traballadores, rexeitou que existise infracción algunha sen examinar sequera as probas que achegou.
A dirección negoulle acceso ao seu expediente e tamén se negou a que nas conclusións da comisión se reflectisen as discrepancias e o voto particular dos representantes do persoal.
Contra a lei galega
Alfonso Sánchez Izquierdo dirixe a CRTVG desde que Alberto Núñez Feijóo o nomeou para o cargo en 2009. Alfonso Rueda mantívoo nel a pesar de que desde 2011 incumpre unha lei autonómica que establece que o seu posto debe ser cuberto por unha persoa elixida co voto de polo menos dous terzos dos membros o Parlamento de Galicia. O PP nunca gozou desa maioría.
Durante os seus mandatos, Sánchez Izquierdo acumula centenares de sentenzas en contra da súa xestión por vulneración de dereitos laborais e fundamentais dos traballadores, despedimentos nulos ou improcedentes, persecución de xornalistas críticos e discriminación por razón de sexo ou motivos ideolóxicos.
A última delas foi o mes pasado, cando o Tribunal Supremo ordenou repetir o xuízo iniciado por mor da denuncia dunha traballadora vítima do terrorismo que tamén foi trasladada poucos días despois de que expresase en público as súas discrepancias con Feijóo.
Os traballadores da CRTVG, que levan máis de seis anos manifestándose cada venres contra a situación que padecen, relacionan todas esas represalias coa estratexia de Sánchez Izquierdo de converter os medios públicos de comunicación de Galicia nunha ferramenta de manipulación informativa ao servizo dos intereses do Partido Popular.