A CIG denuncia que catro concellos galegos esixen certificados de non embarazo ás aspirantes das brigadas forestais

A Coruña.- A Confederación Intersindical Galega (CIG) acaba de denunciar as condicións sexistas que catro Concellos galegos incluíron nas bases do concurso de acceso ás prazas temporais de brigadistas forestais, que reforzan o persoal durante a tempada de verán, o de máis risco de incendios.

Para optar ás probas físicas preceptivas para superar o concurso, en Carballo, Santa Comba e Val do Dubra (A Coruña) e no Irixo (Ourense) esixíaselles ás mulleres que presenten un informe médico que certifique que non están embarazadas.

Polo menos tres deses concellos —Carballo, Val do Dubra e O Irixo— aseguraron que eliminarán ese requisito das bases e que reformularán o concurso.

«O embarazo nunca pode ser motivo de exclusión dun proceso selectivo nin impedimento para poder participar nel», aseguran fontes da Secretaría de Mulleres do sindicato.

«Non se pode esixir como requisito»

«O certificado médico debe establecer se unha persoa é apta ou non para desenvolver unhas probas físicas determinadas, pero non se pode esixir como requisito un papel que diga que non estamos embarazadas», engaden.

Segundo a CIG, a primeira denuncia proveu dunha muller que solicitou información ao Concello do Irixo e que, a pesar de non estar embarazada, decidiu non concursar ás prazas de brigadistas tras advertir que a obrigaba a declarar se o estaba ou non.

«Trátase dun acto de discriminación sexista contrario á Constitución Española e á lexislación europea sobre protección do embarazo», asegura Luis Carballo, de CIG-Administración, quen lamenta que proveña dunhas administracións públicas «que deberían precisamente garantir o cumprimento da legalidade e da igualdade entre as persoas».

Tamén denuncia que as bases dos concursos carecen de perspectiva de xénero e que non incorporen linguaxe inclusiva, «o que vén demostrar unha vez máis que as administracións non fan seguimento nin vixían estas cuestións tan importantes para garantir os dereitos das mulleres».

Recursos de reposición

A CIG interpuxo a semana pasada os correspondentes recursos de reposición, e asegura que os concellos do Irixo, gobernado por Xuntos polo Irixo en coalición co PSOE, e Val do Dubra, con alcalde socialista, xa transmitiron a súa intención de modificar as bases.

Fontes do Concello de Carballo, gobernado polo BNG, aseguraron que xa traballan no mesmo sentido desde o pasado venres.

Luzes-Público tentou sen éxito contactar co Concello de Santa Comba para saber se tamén eliminará os certificados de non embarazo das bases do concurso.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail