Fiona e Emeli fixeron o camiño portugués e quedaron comigo ao chegar a Santiago. Cociñamos as unhas para as outras, bailamos unha noite enteira, fomos a á praia. E falamos. Falamos un pouco de todo. Des amigues que fixeran no camiño, de amores e desamores, do traballo. Falamos e falamos e falamos. Falamos no coche, falamos na sala, falamos na praza do Avante. Falamos na praia, falamos no Lidl e falamos na cociña. Fiona fala sobre un lavadoiro que veu no camiño, que tiña un carteliño ao lado. O carteliño dicía que noutro tempo, o lavadoiro era lugar de reunión para que as mulleres puidesen falar sen a presenza de homes. Alguén tachara a parte na que poñía «sen a presenza de homes» e puxera «de nada».
A miña nai fala comigo. Fala comigo no coche, na sala, de paseo. Na praia. No Lidl. Na cociña. A miña nai cóntame historias. Historias de xente a que quero. Historias de xente que non coñezo. As súas palabras axudan a poñer o mundo en contexto. Eu cóntolle historias á miña nai. Historias de amigues e coñecides. Historias boas e historias malas. Ambas compartimos opinións cando as temos. Falamos e opinamos e falamos un pouco máis.
As miñas amigas falan. Falan entre elas e falan comigo. Falamos cando notamos que alguén non está ben. Falamos do que podemos facer. Falamos de xente que nos cae ben e de xente que nos cae mal. Falamos de xente que non nos quere ben. Falamos de amigues, de inemigues. Falamos de xente que nos é indiferente. Falamos de homes. Falamos de min. Falamos de ti. Falamos. E opinamos. E falamos un pouco máis.
Unha rapaza que vexo en TikTok fai un vídeo dando consellos sobre como responder cando alguén quere compartir un chisme contigo. Ela di de responder: «A verdade é que eu non me dedico a rexoubar, son moito mellor que iso». A súa cara parece querer deixar claro que si, que ela é mellor que quen rexouba, e quere que o saibamos.
Silvia Federici fala de como as amizades entre mulleres se converteron nun dos moitos obxectos das cazas de bruxas desde o inicio da era moderna. Como o diálogo entre mulleres se converteu co tempo en obxecto de ridículo e aldraxe. Como a Igrexa comezou a condenar o chisme como un pecado máis. A mesma Igrexa que leva décadas e décadas xestionando un programa de intercambio de pederastas en todo o mundo non quere que as mulleres falen entre elas. Cando intento falar cun rapaz sobre o feito de que unha rapaza o acusou de violala nunha festa, el responde: «Quen che dixo iso, Tanya? Tanya é unha puta cotilla».
As mulleres xúntanse e falan. En cociñas, coches, lavadoiros e praias. Segundo din, as mulleres non falan de nada. As mulleres que falan son unhas rexoubeiras, unhas cotillas. Unhas lerchas que se xuntan no lavadoiro para non falar de nada. Que preocupados algúns, non? Cando as mulleres non falan de nada.