A morte de Samuel, mallado en plena rúa por un grupo de salvaxes, estremeceu a toda unha sociedade. Unha barbaridade sen xustificación posible, búsquese o detonante que se busque. Pero se se demostra que é un asasinato homófobo, non fará máis que confirmar unha tendencia: a de que cada vez se están a dar máis e máis pasos nunha escalada de odio e agresión ao diferente.
Un rápido repaso dos últimos días déixanos exemplos dabondo: a destrución, na Alameda de Santiago, da exposición en homenaxe aos inmigrantes mortos tratando de entrar en Europa; as pintadas contra do veciño de Boiro que pendurou unha bandeira co arco da vella na súa casa; o ataque que unha persoa trans sufriu na rúa compostelá de San Pedro; o matrimonio homosexual agredido, tamén na Coruña, por un tipo que levaba… unha porra extensible! Visto en perspectiva, que o colofón desta carreira fose un asasinato a golpes e patadas semella algo lóxico, case inevitable.
Houbo unha época en que, para xustificar discutibles actuacións policiais contra certa prensa en Euskadi, inventárase aquilo de «menganito apunta e ETA dispara»
Ser maricón, inmigrante, rojo… ser diferente (como oposto a aquel «normal» que a M. Rajoy tanto lle gustaba reivindicar, dando a entender que o que quedaba fóra da etiqueta non eran máis que extravagancias), fai que unha parte da sociedade –a que pide que se nos fusile a 26 millóns de cidadáns– te considere un chanzo por debaixo da persoa. Xa non digo nada se a iso sumas ser muller (ou trans), que entón igual, directamente, baixas algún andar…
Houbo unha época en que, para xustificar discutibles actuacións policiais contra certa prensa en Euskadi –algunhas anuladas polos tribunais, anos despois, cando o dano xa estaba feito– inventárase aquilo de «menganito apunta e ETA dispara» (un do que máis o sufriu nas súas carnes foi o noso paisano Pepe Rei, recentemente finado).
Pois ben, dun tempo a esta parte, a través das redes sociais (o facebook, eses omnipresentes grupos de whatsapp…) pero tamén de xornais que se poden atopar no quiosco –e nos que as mesmas administracións que condenan a morte de Samuel compran favores a través da publicidade institucional–, nos chegan as mensaxes que abonan o terreo para que pasen estas cousas. Claro que aquí semella que ninguén quere facer a mesma conexión…
Porque deshumanizar a quen non é coma ti (branco, heterosexual, católico de boquilla) é o primeiro paso para deixar de velo como alguén que sente, que sofre e que ten dereitos: dereito á propia imaxe, dereito á liberdade –esa liberdade coa que se lles enche a boca cando se trata de elixir colexio privado ou saír de cañas– e, en último caso, levado ao extremo, dereito á vida.
«Se hoxe vos parece que hai moita xente nas concentracións, esperade a ver cando haxa sentenza do crime».
A explosión de condena social pola morte de Samuel queda xa para historia –veremos se, tamén, para o rueiro da cidade–. Ver as prazas tomadas e, literalmente, desbordadas por unha marea de indignación, concentracións que nalgúns casos tiveron que converterse en manifestacións simplemente porque a xente non cabía, reconcilia coa contorna. Pasara xa nalgún 8M… ou tras a ridícula condena dos membros da Manada. Precisamente, o compañeiro Xan Codesido, seguramente lembrando aquilo, chiaba a golpe de luns: «Se hoxe vos parece que hai moita xente nas concentracións, esperade a ver cando haxa sentenza do crime».
Non pode sorprender esa desconfianza nunha xustiza que, como aconteceu en Madrid, considera «un problema social e político» a presenza de menos de 300 menores estranxeiros (inmigrantes, diferentes…) non acompañados nunha comunidade con 7 millóns de habitantes, pero que non entra a valorar se os datos que ofrece sobre eles unha formación ultra «son veraces ou non». O discurso do odio aliméntase de mentiras coma esa. Ou como as que se verteron no manifesto da primeira mani de Colón, a do nacemento do Trifachito con Feijóo como guest starring. Os propios xornalistas que as leron admitiron a súa falsidade, pero non importa: aí seguen, impartindo doutrina polos platós.
A mensaxe que están enviando os togados é clara: se non hai nada que prohibir, o racismo é legal, e a homofobia, tamén. Ao final, cando volvan mallar nun homosexual ata matalo, a culpa será súa
Igual que é racista, Vox é tamén unha formación homófoba. As declaracións dos seus líderes e os seus pactos con socios como Orbán ou Salvini así o demostran. Pero a Audiencia de Madrid cre que os seus lemas non representan «ideas a prohibir» e, moito menos, cando se aceptan outras «tan criticables ou máis que estas» (habería que saber cales). A mensaxe que están enviando os togados é clara: se non hai nada que prohibir, o racismo é legal, e a homofobia, tamén. Ao final, cando volvan mallar nun homosexual ata matalo, a culpa será súa. Por ir provocando –como pasaba coas minisaias– ou, simplemente, por non ser «normal».
Diga o que diga a xustiza, Samuel xa é un símbolo. Ao final, terá que ser un xuíz quen determine se a súa morte foi ou non un crime de odio; se existiu un móbil homófobo mentres lle rebentaban a cabeza ao berro de «maricón». E ese xuíz igual pensa que o que lle dicían non era importante.
E, por iso, se a futura sentenza decidise non telo en conta, xustificaríano con longos parágrafos inintelixibles e moitos antecedentes de dereito. Pero, se acontece, non creo que existan prazas nin rúas que poidan conter a quen algún día cansarán de ser sempre vítimas.
(Por certo: a única persoa que saiu en defensa de Samuel foi un rapaz africano. Non sei se é menor, pero si sei que non ten papeis. E aínda haberá quen pense que, en toda esa historia, el é o auténtico problema…).