A ficha policial do galeguismo

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O policía secreto austríaco movíase inquedo na butaca do teatro. O coro dos escravos interpretaba o ‘Va pensiero’. A cousa ía in crescendo. Aplausos, moitos aplausos para o Nabucco. Ao remate atronaban os gritos de «Viva Verdi, viva Verdi!». A policía secreta dos austríacos, dominadores do Véneto e a Lombardía, sabía todo o que iso significaba. Nacionalismo. Unificación do país. Música e compromiso. Despois virían outros: Joe Hill, Woody Guthrie, Pete Seeger, Bob Dylan ou Joan Baez. Tamén Víctor Jara ou José Afonso. E por suposto, Paco Ibáñez, Raimon e Miro Casabella.

«Quen son estes indios?», dille un policía secreto a outro máis veterano ao ver o cartel de Reimundo Patiño que anuncia o concerto de Voces Ceibes. Lense os nomes de Moscoso, Xavier, Benedicto, Guillermo, Miro e Vicente. «Non te preocupes, están todos na Reserva». A reserva non é outra cousa que estar fichado e ben fichado.

Cartel de Reimundo Patiño do concerto de Voces Ceibes

Despois do recital da Nova Canción Galega (Compostela, Cine Capitol, 1 de decembro 1968), que fora presentado polo poeta Manuel María, un gris policía —que non policía gris— inmediatamente informa por telefonema. Todo quedará arquivado, informa á Jefatura Superior de Policía con sede na Coruña, de aquí ao Gobernador Civil e logo ao Ministerio da Gobernación. Por outros vasos comunicantes á Falanxe. Tamén ao exército.

Telefonema nº 3058, ás 13 horas e dez minutos. Non pasara un dende que finalizara o concerto e o secreto informa puntualmente, entre outras cousas, dunha pancarta pendurada ao fondo do escenario cunha serie de lemas escritos, en palabras do secreto, en «lengua vernácula», que rezaban: «El techo es de piedra», «Sopla el viento de injusticia», «Nuestra generación lucha contra la noche», «A luchar, a luchar».

Ollo cos intelectuais, artistas, músicos! Pouco despois noutro informe policial da Dirección General de Seguridad, Jefatura Superior de Policía (Ministerio de Gobernación), alertan os gobernadores civís de Galicia do perigoso que é o conxunto do movemento galeguista, tanto da canción como de intelectuais e que debe ser reprimido.

Miro Casabella. Ao fondo, Raimon e Benedicto

Xa teño indicado noutros lugares como na revista Grial («Voces Ceibes e a censura franquista», nº 173, 2007) ou no libro Miro Casabella e a nova canción galega (Galaxia, 2008), que o mellor estudo sobre a canción galega á altura de 1970 foi feito pola policía nun exhaustivo informe de 18 páxinas onde se dá boa conta dos antecedentes de Voces Ceibes e os seus seguidores, a reacción das autoridades ante as actuacións dos cantantes ou a visión da revista comunista Nova Galicia ao redor da Nova Canción Galega. Nese informe tamén destacan tanto as fichas policiais sobre as actuacións dos cantantes como os historiais abreviados dos intérpretes e algúns dos autores das letras. En total, 22 nomes. Á parte dalgúns erros puntuais, tiñan información exhaustiva de todos e de todo. Todos fichados. Todos na reserva.

Informe policial sobre a Nova Canción Galega. 15 de xaneiro de 1970

Os secretos de Estado e a nefasta Transición, que non ruptura democrática, permitiron que puidesen desaparecer innumerables documentos valiosísimos e purgas noutros que prexudicaban a imaxe de moitos neodemócratas na Transición política para presentarse inmaculados. Algúns documentos, por razóns varias, salváronse da queima, como os da sección do Goberno Civil da Coruña (Arquivo do Reino de Galicia), e poden axudar a reconstruír a historia negada, ocultada, agochada. Considero que debería centralizarse en Galicia toda a documentación que queda relativa aos servizos secretos de información franquista, tanto do Exército nos seus oito arquivos históricos e 17 arquivos intermedios, como nos de Falange, Secretaría General del Movimiento, Policía e Gobernos civís, Archivo General de la Administración en Alcalá de Henares, Archivo de la Armada en Viso del Marqués, Archivo Histórico Nacional, Tribunal de Orden Público (TOP), etc. Lembremos que a Lei de Secretos Oficiais é de 1968, ano de plena loita contra a ditadura, e apenas modificada no 1978. O arquivo galego da Dirección General da Policía con sede na Coruña trasladouse a Madrid, non sei se enteiro ou xa moi purgado. Algúns arquivos xudiciais foron purgados por orde do Ministerio de Xusticia en 1960, onde había moitos expedientes sobre responsabilidades políticas.

Brigada político-social

Nas diversas carpetas e subcarpetas do Arquivo do Reino de Galicia sobre «Policía e Galeguismo», ou así creo que se titulaban as que eu consultei hai moitos anos cando aínda se estaban ordenando, existen informes interesantes sobre todo o abano que poderiamos considerar galeguismo e nacionalismo, dende o máis inocuo ata o independentismo. Tamén sobre toda a esquerda antifranquista, nomeadamente comunista e o movemento obreiro.

No caso do galeguismo-nacionalismo os informes vanse actualizando periodicamente, aínda que con erros importantes tanto no referente a cualificacións persoais ideolóxicas como organizativas. Erros nalgúns casos tan groseiros como dicir que se crían militantes da Unión do Pobo Galego (UPG) xentes como García-Sabell ou Ramón Piñeiro, entre outros. Tampouco hai que descartar que esas indicacións erradas fosen deliberadas. Informes moi precisos ao lado doutros carentes de rigor como se puido comprobar nas fichas das que falei no libro sobre Miro Casabella.

Polo que se refire, por exemplo, á Federación Mundial de Sociedades Gallegas (Subcarpeta 23, Federación Mundial de Sociedades Gallegas, Ministerio Gobernación, DGS, JSP, Número de Ref. Brigada Reg. Invest, Social, nº 3190, A Coruña 24 de xullo 1969), a información é moi exhaustiva, profesional, veraz e documentada. Faise unha introdución á orixe deste organismo que naceu en 1965 no III Congreso da Emigración Española a Ultramar en Santiago:

En realidad la idea había surgido ya en el año 1958 o 1959 que se había hecho público este deseo, promovido, entre otros, por el exiliado político orensano y actualmente súbdito mejicano, Luis Soto Fernández, a través de la prensa de Méjico donde éste reside. La idea fue plasmada en el aludido Congreso por los delegados del Padroado da Cultura Galega de Méjico, e incluida en la Ponencia presentada por éstos que fue aprobada por unanimidad.

Despois de informar de que o presidente dese congreso era Eduardo Blanco Amor, sinala as intervencións de todos os relatores, resaltando:

…y sobre todo la de los representantes del Padroado da Cultura de Méjico, don José Luis Mendez Ferrín, catedrático de Lengua y Literatura de Enseñanza Media de Vigo, hoy en día procesado por el Juzgado Especial de Orden Público, y don Jesús Alonso Montero, también catedrático de Lugo, ambos destacados galleguistas-separatistas y de donde en realidad partió toda la mecánica de la constitución de esta Federación Mundial, siendo los únicos que se expresaron en lengua vernácula.

Non hai actividade galeguista que non sexa recollida pola social, pola policía política do franquismo, oficialmente Brigada de información político-social (BPS). Recitais poéticos, xogos florais, concertos musicais, conferencias, mesas redondas ou presentación de libros. Nin se libraban as misas nin os enterros. Da violación de correspondencia tamén se encargaban. De todo o que cheire a oposición.

Lembro ver un documento policial sobre unha conferencia de Beiras que semellaba un traballo académico do máis rigoroso. Ou outra de Fernández del Riego sobre Valle Inclán («Os camiños galegos na andadura de Valle Inclán», informe policial nº 576 do 12 de marzo 1971) impartida na Cámara de Comercio, onde ademais de recoller todo o dito sobre o autor de Luces de Bohemia, infórmase sobre o presentador (Juan María Martínez Barbeito) e onde se atopaba o 18 de xullo de 1936 (fábrica Pirelli, Vilanova i la Geltrú) e como durante a II Guerra Mundial era «izquierdista, anglófilo y masón».

Informe sobre unha conferencia de Paco del Riego

Sobre Del Riego tamén se sintetiza o seu historial «galleguista socialista de base humanista con tendencias al cooperativismo». Despois de indicar cantos asisten, idade ou extracto social, o documento sintetiza o relatado na conferencia tal como o faría un experto valleinclanista. Que exhaustivo!

Noutros moitos informes confírmase a constante violación da correspondencia. Así, por exemplo, a do profesor Francisco Carlos Rodríguez Sánchez, de quen se informa «por ser en Ferrol un miembro peligroso del galleguismo separatista (1968) que ejerce de profesor en Jubia-Narón, sucursal del Colegio Jorge Juan». Ou cando chega a Ferrol, procedente de Albacete, onde exerce como profesor, e se avisa ao Ministerio de Educación do seu «perigo» (1970).

Outro caso interesante dáse no informe sobre os Xogos Florais de Betanzos, en agosto de 1971, que gañaron García Bodaño e Manuel María, onde se fai ficha dos dous poetas cualificados como «galleguistas comunistas».

Nun informe sobre o profesor Alonso Montero, «intelectual galleguista» (Dirección General de Seguridad, Servicio de Información, Ref. 1817, 1968), dise que lle atoparon «al marinero comunista Arturo Reguera López (20-3-1945), estudiante de segundo de Económicas, detenido en la prisión provincial de Caranza del Ferrol, prisión militar de la Armada española» un manuscrito que reza así:

Arturo e Luís, meus bravos mariñeiros. Acábanme de telefonar que o fin vou parolar a Mugardos. Chegaremos o domingo a iso das 12. A cousa é as 12,30. Xa estou comprometido a xantar cos amigos de Ferrol (xa sabedes, os que van a estas conferencias) supoño que entre eles o Francisco. Localízamo por se non o sabe.
Vos tamén entrades na cousa. Unha aperta bizarra. Lugo 9-5-68.
Vémonos no casino, vai connosco se cadra Manolo L.F.

Amador e Daniel

Polo que se refire aos sucesos sanguentos de 1972, nomeadamente en Ferrol antes e despois do asasinato dos obreiros da Bazán Amador e Daniel, atopamos información policial moi importante. Mais aínda pesa a lexislación sobre certa información, estando clasificada e non podemos dar determinadas datos. Si podemos dicir que cando se poida publicar, daranos unha visión máis ampla do que significaron eses feitos na historia do antifranquismo e do movemento obreiro galego. Nun dos rexistros policiais na casa dun opositor antifranquista en Ferrol anotan que posúe «tres ejemplares reproducción cuadro de Picasso titulado Guernica», así como 14 exemplares de propaganda subversiva de CCOO de Bazán, marzo de 1972. Noutro informe critican veladamente que «Monseñor M.A. Araujo autorizó funerales en la concatedral por los muertos del 10 de marzo».

Hai informe detallado, minucioso, sobre os xuízos dos sucesos de Ferrol, non só os da Maxistratura de Traballo, senón tamén por exemplo o da fragata Baleares, onde se repartira propaganda subversiva, polo tanto foron xulgados polo Militar os supostos responsables. Tamén se informa de que se detiveron en relación coas actividades comunistas «el abogado Rafael Bárez Vázquez y el profesor del Instituto de Ourense Francisco Carlos Rodríguez Sánchez», así como o sacerdote Antonio Martínez Aneiros. Están igualmente moi preocupados no informe policial porque dous correspondentes estranxeiros da televisión holandesa visitaron a «curas filomarxistas y a la viúda e hijos de uno de los muertos».

En suma, queda moito por investigar nesta etapa do tardofranquismo. Moitos documentos foron destruídos. Outros desaparecidos. Outros manipulados. Non estaría de máis lembrar que o ministro de Información e Turismo entre 1962 e 1969 era un señor chamado Manuel Fraga Iribarne, quen tiña marcado cunha cruz a Castelao por citar un só nome e que a ONU recentemente en diversas ocasións pediulle ao Estado español que investigase os crimes do franquismo, mais aínda hoxe seguen poñendo pedras longas no camiño como as que denunciaba Celso Emilio Ferreiro. Aquí non houbo ningunha Comisión da Verdade.

Pancarta en Sada anunciando un concerto de Voces Ceibes

1 de marzo de 1975. O policía, xa non novato, díxolle ao seu titorando:
—Mañá temos que ir a Compostela.
—E logo?
—Non viches o cartel [de Cores Transmonte] dun músico coa guitarra ao lombo? Son máis indios. Actúan no Pavillón do Sar. Tes que estar moi atento. Todos á Reserva!

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail