As mulleres asaltan o trono da UE

Ursula Von der Leyen, Christine Lagarde e Iratxe García. Tres mulleres que dirixirán a UE nos vindeiros anos logo de substituír á vella garda comunitaria nunha renovación histórica de xénero que só o tempo examinará como axeitada ou errónea.

Von der Leyen vén de ser a primeira muller en dirixir o Ministerio de Defensa alemán. Se a mediados de xullo acada os apoios dunha maioría da Eurocámara, sería a primeira muller en presidir a Comisión Europea. Lagarde foi a primeira muller en ocupar a importante carteira de Finanzas en Francia e logo, tamén, a Dirección Xerente do FMI. En outono saltará ao trono do BCE que hoxe ocupa o italiano Mario Draghi.

Ursula Von der Leyen e Christine Lagarde.

García non é tan pioneira como a xermana ou a francesa; será a terceira muller que presida o grupo parlamentario dos socialdemócratas europeos, despois de Käte Strobel nos anos sesenta e Pauline Green nos noventa. Vén de romper unha dinámica preocupante, a de seis homes seguidos nese cargo e con maioría alemá. Semellaba que canto máis avanzaba a política cara a equiparación de xénero e a diversidade xeográfica na UE, os socialdemócratas máis se pechaban nunha aldea centroeuropea masculina.

Renovación de xénero, que non xeracional, pois Von der Leyen e Lagarde son da mesma quinta que Jean Claude Juncker e Donald Tusk, aínda xefes da Comisión Europea e o Consello, todos da década dos 50, igual que Udo Bullman, o anterior xefe dos socialdemócratas europeos no Parlamento. Quen agardase un relevo xeracional nesta nova lexislatura comunitaria levou unha decepción, malia todas as promesas dos líderes europeos sobre a necesidade de poñer a UE ante os retos e as realidades do presente e do futuro.

Iratxe García, presidenta da Alianza Progresista de Socialistas e Demócratas de Europa.

Lonxe quedan tamén aqueles discursos nos que os algúns líderes europeos falaban de incorporar os Verdes na cabina de mando do barco comunitario, nunha gran coalición de ecoloxistas a populares europeos pasando por socialdemócratas e liberais sobre os nomeamentos dos altos cargos da UE e potenciando a loita contra o cambio climático como eixo co que impulsar as futuras políticas comunitarias. Este propósito é xa papel mollado cando os Verdes confirman que non apoiarán a Von der Leyen para a Presidencia da Comisión Europea e algunhas formacións euroescépticas, como os ultracatólicos polacos de Lei e Xustiza, confirman que si votarán a favor da alemá.

Son Von der Leyen e Lagarde as axeitadas para ocupar os postos de maior responsabilidade da Comisión ou BCE en tempos nos que a UE se xoga a súa posición como potencia mundial ante o antigo amigo estadounidense, o xigante militar ruso e a puxanza tecnolóxica e financeira china? Son mellores que os Manfred Weber, Frans Timmermans ou Margrethe Vestager dos que xa temos falado?

A danesa Margrethe Vestager, o alemán Manfred Weber e o holandés Frans Timmermans, tres dos aspirantes aos principales cargos da UE en maio de 2019.

Dous pequenos apuntes. As súas eleccións foron consecuencia dunha toma de decisión excepcionalmente escurantista, onde as recomendacións do Parlamento Europeo e as escollas dos grupos políticos foron esquecidas e desprezadas, en negociacións privadas nas que os egos e intereses persoais, as hostilidades cultivadas e os intereses económicos venceron ás capacidades políticas dos candidatos iniciais. Timmermans foi derrotado por un grupo de países do leste liderados por húngaros e polacos, que o odian porque o neerlandés foi a voz máis firme da Comisión Juncker contra as flagrantes vulneracións ao Estado de Dereito neses países. O presidente galo Emmanuel Macron deixou caer a Vestager aínda que a liberal fose a súa candidata porque se opón a grandes fusións empresariais que París ambiciona pero supoñen un risco monopolista claro e un dano para nós como consumidores.

E o segundo e máis importante, ámbalas dúas son corruptas, tanto como o Juncker da evasión fiscal luxemburguesa. Von der Leyen sería a primeira muller en dirixir as forzas armadas xermanas, mais está a ser investigada polas adxudicacións a dedo de asesores que recibiron decenas de millóns de euros en contratos militares.

Christine Lagarde durante o proceso polo «affair Tapie».

Igual de grave é a de Lagarde. Xusto antes de que estoupase a crise económica, en 2007, Lagarde era ministra de Finanzas de Nicolás Sarkozy e encomendou unha arbitraxe ao seu xefe de gabinete sobre a venda de Adidas por parte do empresario Bernard Tapie. O Estado rematou compensando ao magnate co consentimento de Lagarde, que non escoitou as negativas dos servicios legais e dos asesores. Anos despois, a xustiza declarou neglixente á xa entón xefa do FMI pero eximiuna de pena de cárcere.

Unha sentencia incomprensible se non estivésemos ante a alta política e as relacións entre dirixentes e empresarios, na Francia ou Galicia, no FMI ou na UE. Sexa home ou muller o que cruce esas portas xiratorias e beneficie a un coñecido.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail