De Esmelle ás aulas: o rastro rebelde de Begoña Caamaño

 

O Día das Letras Galegas comeza en setembro en moitos centros escolares. Unha vez que a Real Academia Galega aproba o autor ou autora ao que se lle dedicará a efeméride, os proxectos comezan a expandirse polos colexios e institutos de Galicia. Timidamente nas primeiras reunións de departamento. Con celeridade a medida que se achega o día. Non é unha tarefa doada. Os nenos e os adolescentes son lectores esixentes: precisan ser seducidos polos textos, polo que representan os autores, pola súa vida. Poden ignoralos para sempre se lles resultan alleos, afastados do seu mundo. Pero poden entusiasmarse se ocorre o milagre de que conecten coas propostas dos seus mestres e profesores. Iniciamos un breve percorrido por algúns dos proxectos que intentan conectar a xeración Z cunha autora que agora tería 60 anos.

«Creo que perciben nela [Begoña Caamaño] unha imaxe de modernidade que lles esperta curiosidade» (Iria Mariño)

A Begoña Caamaño o alumnado achégase con curiosidade e certa sorpresa. «Parece moi nova, non?». «Din que escribiu sobre o rei Artur, iso mola». «A min sóame, pero non lin nada dela; espero que os seus libros non sexan moi longos». «Era de Vigo, do barrio dos meus curmáns» (breve enquisa realizada no club de lectura do IES Luis Seoane, en Pontevedra). Comeza o reto: que o seu nome estea presente en centos de aulas, que a súa imaxe encha os corredores e bibliotecas de colexios e institutos, que os seus textos, as ideas que defendeu, calen en milleiros de mozos.

Iria Mariño, profesora do Instituto Aquis Celenis, en Caldas de Reis (Pontevedra), recoñece que Begoña Caamaño é unha das autoras escollidas que interesa á xente nova porque lles resulta próxima: «É muller, vena nova, preocupada por asuntos que a eles tamén lles resultan interesantes. Creo que perciben nela unha imaxe de modernidade que lles esperta curiosidade».

Comparte a mesma opinión Belén Puña, do IES Ramón Caamaño, en Muxía (A Coruña): «A pesar de que non é coñecida entre o noso alumnado, é moi axeitada para traballar cos cursos de bacharelato, especialmente na súa faceta como xornalista. O seu compromiso co feminismo, coa igualdade, ese desexo de cambiar o mundo é esencial para transmitir ao alumnado. É un faro para os adolescentes».

Un faro no Calvario

O faro sitúase en Vigo, a cidade natal de Begoña Caamaño. Estamos na biblioteca do IES Castelao, no Calvario, o barrio onde naceu e medrou. O seu nome non é descoñecido entre o alumnado, pero a partir de agora converterase nunha presenza importante no instituto. Desde febreiro saben que son os gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2026, convocado polas consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional. Xa é a terceira vez que acadan o primeiro posto, pero este ano senten que o premio é para alguén da súa contorna. Por iso, os carteis da exposición «De Circe a Morgana» pretenden ser un reflexo do barrio no que Begoña medrou e foi debuxando a súa personalidade.

Cóntanolo Ramón Nicolás, un dos profesores impulsores do proxecto: «O primeiro obxectivo foi dar a coñecer a escritora, a súa vida, as causas que defendía, o seu compromiso cívico; nunha segunda fase realizamos un traballo de campo cun grupo reducido de alumnado de 4.º da ESO. Percorremos a zona do Calvario na procura dos lugares que, dalgún xeito, terían funcionado como elementos clave na personalidade de Begoña». Así, coñeceron as asociacións veciñais nas que participou, as rúas polas que transcorreron a súa infancia e adolescencia, as tendas nas que posiblemente mercaba e a escola onde estudou, situada enfronte do instituto Castelao.

O traballo do alumnado é tamén un fío que recupera a memoria do barrio. O Calvario pertencía antigamente ao concello de Lavadores, que Vigo anexionou en 1941. «Foi un barrio moi combativo durante a II República, moi de esquerdas —dinos Ramón—; imaxinamos que Begoña coñeceu as historias desta época, como as barricadas que se organizaron en 1936 para frear o avance dos fascistas».

O alumnado descubriu a autora a través das paisaxes da súa infancia, as rúas, os edificios que tamén son os escenarios vitais de moitos dos rapaces deste instituto. Con todo este material puxéronse mans á obra. Chus Ferrín ocupouse da parte plástica e Mónica Soto dos textos, xunto con Ramón Nicolás. Os carteis acompáñanse de unidades didácticas con diferentes actividades e ligazóns a pezas audiovisuais que inclúen desde as cancións favoritas de Caamaño ata entrevistas a persoas que a coñeceron. E gañaron na categoría B, destinada aos centros de educación secundaria e formación profesional.

Cartel de UUU-UUU Begoña!, peza teatral dirixida por An Alfaya para dar a coñecer nas aulas a obra de Begoña Caamaño. 

Na categoría A, na que se inclúen os centros de educación infantil e primaria, a proposta gañadora deste ano foi «Begoña Caamaño, un camiño de sementes», elaborada polo Colexio Plurilingüe de Ribadavia. O camiño afástase pouco a pouco do seu barrio e esténdese como os círculos concéntricos dos petróglifos: «As dúas exposicións, compostas por unha colección de dez carteis acompañados da súa guía didáctica, serán impresas e distribuídas en centros educativos de Galicia e nas bibliotecas públicas. Tamén estarán dispoñibles para descarga libre no Portal da Lingua Galega», promete a Consellería.

Pero volvamos ao seu barrio. O CEIP Plurilingüe O Pombal, tamén no Calvario, foi o centro escollido pola Real Academia Galega para abrir o calendario de celebracións do Día das Letras Galegas 2026. Foi o primeiro acto da «Primavera das Letras», coordinado pola escritora Fina Casalderrey, que procura achegar os autores homenaxeados ao alumnado máis novo. Os nenos de 5.º e 6.º de primaria foron os protagonistas do acto coa representación dunha breve obra sobre a vida de homenaxeada. Presentouse tamén a peza teatral Uuu-uuu Begoña! de An Alfaya, compañeira de Begoña Caamaño, con ilustracións de Laura Romero, unha obra concibida para representar dentro e fóra das aulas. O reto nesta ocasión é facer chegar aos lectores máis pequenos unha autora que non escribiu para público infantil, pero que incluíu nas súas novelas personaxes míticos que esperten o interese dos nenos.

Versos desde Begoña

Os círculos concéntricos avanzan e afástanse da contorna de Vigo. No mes de decembro do ano pasado, o Departamento de Lingua Galega e Literatura do IES San Clemente, en Santiago de Compostela, propuxo un concurso que pretendía redescubrir a Begoña Caamaño desde outro ángulo, desde a beleza das súas palabras. O obxectivo era que xurdira un poema a partir dos seus textos a través da técnica da poesía escurecida (blackout poetry), na que un conxunto de palabras ou frases se entrelazan reordenadas para conseguir un sentido diferente do que tiñan anteriormente.

O obxectivo de «Versos desde Begoña» era que xurdira un poema a partir dos seus textos a través da técnica da poesía escurecida, na que un conxunto de palabras ou frases se entrelazan reordenadas para conseguir un sentido diferente do que tiñan anteriormente

O poema emerxe a partir dunha páxina das novelas de Begoña Caamaño coma se fose un dos feitizos de Merlín. O resultado é sorprendente. No concurso podían participar estudantes de calquera lugar do mundo. Os círculos son cada vez máis amplos. Carlos Callón, coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega e escritor, cóntanolo: «Recibimos propostas chegadas desde estudantes de toda Galicia, nalgúns casos enviadas individualmente e, noutros, porque foron moi traballadas nos seus respectivos institutos. Pode parecer un tópico, mais é unha verdade rotunda: foi moi difícil escoller entre tanta beleza como nos chegou!». É o segundo ano que realizan esta proposta de poesía escurecida: «En 2025 foi a propósito do 75 aniversario do falecemento de Castelao e traballamos en facer poesía a partir de ‘censurar’ o Sempre en Galiza, mais é unha proposta que continúa unha longa tradición de concursos literarios convocados polo IES San Clemente. Ademais, á volta da Pascua convocaremos outro concurso para homenaxear a Begoña Caamaño, neste caso a través do deseño de marcapáxinas».

Gañadores do concurso «Versos desde Begoña». De esquerda a dereita: a proposta de Teo Rivas Amado do IES Chan do Monte; seguida do segundo premio para Muíña Docampo do CPI Viaño Pequeño, e na categoría B, o traballo de Lucía Durán.

«A figura de Caamaño, como a de moitos escritores —e especialmente escritoras—, é practicamente descoñecida no noso centro entre o alumnado da ESO»

Morgana e Viviana nos taboleiros das aulas

Seguimos o rastro da sementeira. Situámonos nas aulas do IES O Carril, en Vilagarcía de Arousa. No taboleiro de cada aula colga un calendario cheo de cor. As súas imaxes están inspiradas na materia de Bretaña e na mitoloxía celta como unha homenaxe a Begoña Caamaño. Os autores son alumnos de bacharelato que se inspiraron na súa novela Morgana en Esmelle.

No IES Valle-Inclán, en Pontevedra, Alicia Rodríguez Escudero, do Departamento de Lingua Galega, recoñece que a figura de Caamaño, «como a de moitos escritores —e especialmente escritoras—, é practicamente descoñecida no noso centro entre o alumnado da ESO. Non obstante, en bacharelato xa contan cun certo coñecemento previo, dado que Morgana en Esmelle é lectura obrigatoria».

«En bacharelato contan cun certo coñecemento, dado que Morgana en Esmelle é lectura obrigatoria» (Alicia Rodríguez)

Divulgar a súa figura e a súa obra foi un obxectivo prioritario no departamento. Existen materiais elaborados no Seminario Permanente de Formación do Profesorado do CEIP Galán, en Oseiro (Arteixo), especializado na elaboración de materiais relacionados co Día das Letras Galegas e coa persoa homenaxeada cada ano. As súas propostas, continúa Alicia, «facilitan o traballo na aula».

A páxina web dá fe do traballo deste colectivo. Ademais da cronobiografía ou do álbum de fotos de Begoña Caamaño, tamén ofrecen materiais para imprimir (carteis, díptico, marcapáxinas, escolma de textos, cuestionarios…) e moitas actividades interactivas en formato Genially. A colaboración dos distintos centros é esencial para divulgar a figura de Begoña.

Os alumnos do CIFP Leixa crearon un proxecto inspirado nos fanzines en papel, no que se poden atopar vídeos, xogos, un conto, actividades interactivas…

No IES Valle-Inclán levarán a cabo unha proposta orixinal: «Para primeiro e segundo da ESO, temos previsto elaborar ‘piruletas literarias’, destinadas a seren incorporadas a unha torta. Cada unha delas, realizada polo alumnado, incluirá no seu interior unha cita, expresión, debuxo ou outro elemento relacionado coa autora».
Outra das propostas orixinais viu a luz a finais de marzo no CIFP Leixa (Ferrol), por alumnado do módulo de Deseño e planificación de produtos editoriais multimedia. O proxecto inspírase nos fanzines en papel, polo que se poden atopar vídeos, xogos, un conto, actividades interactivas… Os propios creadores defíneno como «un espazo colaborativo onde se homenaxea a Begoña Caamaño: BegoZine».

Calendario feito polo alumnado do IES O Carril.

O penúltimo círculo: os carteis

A medida que se achega a data, a implicación dos centros é cada vez maior. O tramo final, estes últimos círculos concéntricos, dedícanse tamén ao profesorado. Carmen Nogueira Blanco, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, explícanolo: «Todos os anos desenvolvemos unha xornada para o profesorado de primaria e secundaria relacionada coa persoa ou persoas homenaxeadas nas Letras. Tentamos que sexa o máis didáctica posible para que o profesorado poida ir traballando xa nas aulas as Letras, e non ter que agardar ao mes de maio. Esta xornada sempre está estruturada en dúas partes: pola mañá ofrecemos información por parte de relatoras e relatores vinculados dalgún xeito á figura das Letras, e pola tarde expoñen os seus traballos os centros.

Interveñen primeiro os centros gañadores do Concurso-Exposición das Letras Galegas (CEIP de Ribadavia e IES Castelao) para expoñer os seus traballos e despois experiencias doutros centros das que temos coñecemento».
Tamén se darán a coñecer os gañadores do Concurso de Pódcasts-Radio na Biblio, destinado a centros públicos, outra iniciativa moi atractiva para o alumnado e que lles permite coñecer máis en profundidade a faceta xornalística da autora, o seu lado máis crítico e combativo.

Despois destas xornadas, a imaxe de Begoña Caamaño está presente en todos os centros escolares. Os carteis das exposicións gañadoras cobren os corredores, os seus textos cóanse en cada aula, a súa voz escóitase en moitos pódcast realizados polo alumnado. Quizais non todos se animen a ler as súas novelas, pero o seu legado seguirá expandíndose porque, como din os pedagogos —Begoña estudou maxisterio—, o que se aprende de verdade, con emoción, na escola, nunca se esquece. Que así sexa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail