A palabra maldita

Hai moitos anos falaba aquí do poder das palabras: as palabras definen, orientan e mesmo distorsionan a realidade e, con ela, a nosa forma de percibila, pensala e transmitila. As palabras teñen a capacidade de transportarnos, de elevarnos e mesmo de arrastrarnos. Poden facernos rir, chorar, loitar por algo e mesmo abandonar a causa. Mais de todas as palabras que ten o noso dicionario, hai unha, unha soa, que é capaz de transmitir unha imaxe unívoca e poderosa, que condensa ao mesmo tempo medo, rabia, temor, fealdade, vinganza, abandono, soidade, engano e mesmo morte. Esa palabra tan poderosa é Madrasta.

A imaxe créase soa. Eu escribo «madrasta» e vostedes evocan unha muller seguramente maior, nariz ganchudo, espullas, mans coma gadoupas, extremadamente delgada ou abandonadamente obesa, de talante imposible, vingativa, envexosa, fría e cun riso que petrifica a quen o escoita. A madrasta válese de enganos e subterfuxios para acadar o patrimonio do pai a través do seu corazón e afastalo das fillas e fillos. A madrasta non ten piedade e odia todo o que a rodea: a natureza, os animaliños, as persoas. É cruel e despiadada, non ten sentimentos positivos e é incapaz de desenvolver a empatía. Grazas por todo, irmáns Grimm e, sobre todo, a ti, tío Walt.

Na actualidade temos palabras fascinantes e perfectamente adaptadas á nosa modernidade para definir case calquera cousa, mesmo os conceptos máis retortos. Así, chamamos coliving a compartir piso ata idades impensables, porque os alugueiros nas cidades galegas son insostibles, dumpster dive a recoller do lixo o que descartaron outros e levalo para casa, e staycation a non ir a ningures cando estás de vacacións por falta de recursos.

Seguindo esta liña de conceptos chulísimos que se adaptan á nosa linguaxe do século XXI, ás persoas que formamos unha familia nova achegando fillas e fillos xa criados considérasenos unha «familia ensamblada» ou «familia reconstituída». Mais a madrasta non. Ela que siga aí, coa súa espulla no nariz e a súa mazá, sen liberarse dese machismo que permea cada alicerce da nosa sociedade. Ela que siga sendo, para comodidade de todas e todos, un tabú.

Afortunadamente para min, e para os milleiros de mulleres que en todo o Estado español formamos parte das aproximadamente 800.000 familias ensambladas que se calcula que existen, hai plataformas que reivindican a dignificación e posta en valor da parella que non é nai biolóxica pero está en contacto coas fillas e fillos e participa da súa crianza e coidados. Espazos como Ser Madrastra e Somos Madrastras crean arredor desta figura tan denostada comunidades nas que se ofrece acompañamento psicolóxico, consellos e mesmo asistencia legal para reivindicar unha figura que a literatura primeiro e a sociedade despois se empeñaron en estigmatizar.

A madrasta poida que teña nariz ganchudo. Poida que teña algunha espulla (San Benitiño non sempre é avoghoso). Poida que sexa fría, poida que sexa malvada, poida que sexa cruel, si. Pero tamén é posible que sexa unha muller calquera desas que se cruzan con nós pola rúa, cos seus días mellores e peores, co seu estrés laboral, co seu fin de mes, coas súas amizades e os seus problemas familiares. Poida que entrase con bo pé na familia ensamblada á que agora pertence ou poida que non. Poida que haxa días nos que teña máis ganas de xogar, acompañar e participar e outros nos que sinta que todo lle vai grande ou non atopa o seu espazo. Pero o que é seguro é que as madrastas son coma calquera outra muller ou, como dicían Les Luthiers, «casi podríamos decir que son seres humanos». E só por iso cada unha delas merece un lugar na nosa realidade, na nosa linguaxe, liberadas dun estigma case sempre inmerecido e propio de tempos que afortunadamente deixamos atrás. Queda para outra o de analizar a psique de Walt Disney e a súa teima con matar a toda canta nai se foi cruzando.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail