Franco, ese «bro»

Aínda non saíu o sol e o patio do instituto vaise enchendo de estudantes que chegan en bandadas. Parecen case todos da mesma especie: «Antes vías máis pelos azuis, cristas e ata algunha chaqueta de cadros, pero agora todos parecen uniformados. Moitos levan a pulseira coa bandeira de España». Cóntanolo Sara Fernández, profesora de historia nun instituto dun barrio de clase alta en Madrid, berce do españolismo actual.

Hoxe traballa coa súa clase os dereitos humanos. Os alumnos buscaron algún personaxe ao que admiran pola súa pegada na historia. Saen dun en un e pegan a foto na cortiza. Marie Curie, Nelson Mandela, Gandhi, algún Messi… De súpeto, a imaxe inconfundible en branco e negro de «ese home»: leva un abrigo con pescozo de pel , como un monarca. Hai tres fotos similares. Tres mozos de cuarto da ESO que escollen a Francisco Franco Bahamonde como o seu heroe histórico. E a profesora escoita sorprendida os seus argumentos: era un crack, un xenio militar, que nos salvou dos comunistas. Que pasou para que en tan poucos anos «Paquita la culona» se convertese no «puto amo»?

Autoritarismo por que non?

Os datos demostran que non se trata dunha percepción subxectiva. Segundo a enquisa 40db para El País e a Ser (2024) o 25,9% dos homes entre 18 e 26 anos, a chamada xeración Z, considera que o autoritarismo pode ser preferible á democracia «nalgunhas circunstancias». Entre as mozas, a cifra redúcese oito puntos. O sorprendente é que a maioría destes rapaces que toleran un réxime autoritario descoñecen en gran medida os sucesos que ocorreron en España desde a Guerra Civil ata a Transición. Así o evidencia un estudo realizado en 2022 polo Instituto de Investigación Social e de Mercados (CIMOC). Moitos mozos sitúan a Guerra Civil entre os anos 50 e 60 do século pasado e aseguran que «estalou porque o pobo se rebelou contra a ditadura de Franco» ou que «Franco buscaba a pureza da raza aria» ou «que foron os seguidores do ditador os que tiveron que exiliarse do país».

«Tres alumnos meus de cuarto da ESO escolleron a Francisco Franco Bahamonde como o seu heroe histórico» (Sara Fernández)

Que papel ten o ensino neste descoñecemento tan groseiro? Cando se estuda a Guerra Civil e a ditadura? Falamos con profesores de historia e de lingua e literatura de varios institutos de Galicia e de Madrid: «Como contidos específicos, a Guerra Civil e a ditadura só se ven a partir de 4° da ESO. Nese momento xa é tarde. Non hai un só curso non que ou meu alumnado de 1º da ESO non pregunte algo relacionado con Franco ou Hitler. Mesmo houbo un alumno dese curso ao que houbo que pedirlle que quitase a foto dun alto cargo nazi da foto de perfil da aula virtual». Aurora Ballesteros ensina historia desde hai anos en centros públicos de Pontevedra e recoñece que, a pesar do interese dos alumnos, o temario de Historia é tan amplo (inclúe historia de toda Europa), que moitas veces o franquismo vese demasiado rápido, a final de curso, e de forma superficial. «Existe entre o profesorado a sensación de que iso xa o estudarán en 2º de bacharelato». Así que se pode saír da ESO sen entender moi ben que foi a ditadura. En 1º de bacharelato o franquismo estúdase en Historia do Mundo Contemporáneo, no contexto das ditaduras de entreguerras. Pero é unha materia optativa polo que non chega a todo ou alumnado. E en 2° de bacharelato si se afonda, pero nun curso que é unha carreira contrarreloxo, coa presión de ter que render a ABAU».

Pode ser este achegamento superficial a causa de que os rapaces admiren a Franco? Mergullemos nas ferramentas máis utilizadas polo profesorado: os libros de texto.

Libros escolares de Historia de España de segundo de Bacharelato. Editoriais Editex e Casals.

Deses pos, estes barros

Enrique Díaz Gutiérrez é profesor de Educación na Universidade de León e autor de dous estudos moi completos sobre o tratamento da Guerra Civil e o franquismo nos libros de texto. Díaz publicou un primeiro estudo centrado nos manuais escolares empregados desde 1990 a 2006 nos contextos de tres leis educativas: LOGSE, LOE e LOMCE. Centrouse nas dez editoriais de ámbito estatal máis utilizadas nos institutos. Os resultados foron sorprendentes: a maioría dedicaban poucas páxinas a estes anos; centrábanse en explicar detalladamente as batallas da Guerra Civil, e as etapas da ditadura, pero esquecían case totalmente mencionar a represión franquista. «En xeral – analiza Díaz- fálase dos desmáns de ambos bandos o que parte dunha visión simplista (en parte lexitimadora) na que se mostran dúas partes enfrontadas e unha gañadora».

Nos libros vixentes durante eses anos podían lerse afirmacións como as seguintes: «No territorio republicano desenvolveuse o `Terror Rojo´ moi virulento contra a Igrexa e contra os partidos dos sublevados», (Bruno 2008). Ou «nos dous bandos houbo un fenómeno semellante: a vontade de exterminar ao adversario produciu un simultáneo terror», (Santillana). Apenas hai mencións a cuestións máis delicadas, como as leis represoras do franquismo, as depuracións, o castigo social ás mulleres ou o apoio da Igrexa ao réxime fascista e a súa contribución para sinalar e denunciar a cidadáns fieis á República.

«Deses pos, estes barros», dinos Enrique. «As xeracións da democracia fomos educadas desde esta interpretación baseada na suposta equidistancia, na repartición de responsabilidade entre dous bandos, unha guerra fratricida na que todos fixeron barbaridades. E isto alentou a continuidade do franquismo e o rexurdimento de grupos políticos que restauraron a súa imaxinería sen complexos, con orgullo».

Claros e escuros na LOMLOE

En 2020 aprobouse a nove lei educativa, a LOMLOE. O artigo 44 di: «o sistema educativo español incluirá entre os seus fins o coñecemento da memoria democrática española desenvolvendo nos libros de texto a presión que se produciu durante a guerra e a ditadura». Indagamos nos novos libros escolares para comprobar se se está aplicando a lei. O equipo de Enrique Díaz céntrase, esta vez, en analizar as novas edicións dos libros de texto e comproba que, aínda que os avances son indubidables, hai zonas escuras. Nos libros de bacharelato profúndase moito máis no franquismo, pero non así en 4º da ESO, e isto é grave porque é o que cursan moitísimos máis alumnos ao tratarse do último curso do ensino obrigatorio.

«Os libros escolares sitúan a duración da represión do franquismo entre 1939 e 1959 e moi poucos falan de que se mantivo ata a morte do dictador» (Enrique Díaz)

Un avance importante é que xa non se agrupan na mesma unidade a Segunda República e a Guerra Civil como se facía nos libros de texto anteriores; agora estúdanse por separado o que evita transmitir, aínda que sexa de forma inconsciente, o relato de que a consecuencia do goberno democrático da república foi unha guerra.

A información sobre a represión é bastante completa, pero en ningún libro se menciona a represión económica sufrida polos vencidos, é dicir, a incautación de bens, e este feito consolidou ou iniciou algunhas das grandes fortunas actuais moitas das que se enriqueceron durante o franquismo: «ao omitilo omítese unha parte da supervivencia franquista na actualidade», afirma Díaz. Outro erro importante refírese á duración da represión do franquismo: todos os libros a sitúan entre 1939 a 1959 e moi poucos falan de que se mantivo ata a morte do ditador.

Os profesores de historia da universidade de Valencia Carlos Fuentes e Néstor Banderas chegan a conclusións similares nun traballo de investigación moi recente Franquismo e transición nas aulas. A pesar de que nos novos manuais de texto obsérvase un notable avance, seguen a perpetuarse visións acríticas que se centran moito máis nos aspectos políticos ou económicos esquecendo a parte sociocultural. Por exemplo , «hai unha minimización da represión franquista fronte a unha omnipresente historia militar da contenda. Déixase de lado a existencia de campos de concentración e dos traballos forzados para os presos ou a represión lingüística e moral». Todo isto, segundo os autores, ten un risco: «o alumnado pode percibir que a represión foi unha cuestión conxuntural, case inevitable nun contexto de posguerra e pode quedarse sen comprender a excepcionalidade que supuxo o franquismo na historia contemporánea de Europa».

Aurora Ballesteros atopa problemas parecidos nos libros de texto que ofrece o portal de contido E-DIXGAL, o utilizado pola maioría dos profesores de historia en Galicia: «calquera que lea lestes libros, sen máis, pode chegar a pensar que o franquismo é unha opción máis, propia da súa época». Refírese o libro de texto da editorial Netex-Smart: «Menciónase a Guerra Civil, pero o ton é de acontecemento inevitable».

Páxinas dos libros de texto de Xeografía e Historia de cuarto da ESO.

Con Franco viviamos mellor

Non é fácil conseguir a atención de 32 alumnos de 4º da ESO, pero cando a profesora proxecta na pantalla unha foto enorme de Francisco Franco todos calan. A maioría recoñece que foi un ditador e que gobernou España durante moitos anos. Algúns din con moita seguridade que con Franco vivíase mellor, que había máis liberdades. O profesor pide que concreten a súa afirmación: «porque todo o mundo traballaba», «podías comprar unha casa e un coche» ,«os meus avós din que non había roubos nas rúas, que había moita seguridade porque aos delincuentes os metían no cárcere e punto».

Segundo os profesores da Universidade de Valencia precisamente esta é unha das lagoas máis importantes que se da nos libros de texto: definir o tardofranquismo como unha etapa aperturista, desenvolvementismo e pacificadora: «un franquismo representado por unha nova xeración de políticos cun perfil máis técnico que ideolóxico e centrado nas reformas obviando que a relaxación da autarquía foi unha decisión forzada polo seu evidente fracaso en termos económicos e polo malestar social». Pero os adolescentes seguen aferrándose a esa imaxe edulcorada da serie Cuéntame.

A profesora sabe que as próximas sesións non van ser fáciles. «Os alumnos cuestionan todo o que se lles explica sobre os anos da ditadura. Aínda que estean a ler informes de censura, listas de condenados á morte por adhesión á rebelión ou imaxes de mulleres rapadas consideran que son esaxeracións dos profesores, que Franco non eran tan cruel como Hitler ou Stalin e que, grazas a Franco, España librouse dos comunistas». Quen fala agora é Carmen Mayán, tamén profesora de historia nun instituto público de Pontevedra. Desde hai algún tempo vén observando cada vez máis voces provocadoras cando se trata o tema da República e a Guerra Civil. Tamén o corrobora Aurora: «nos últimos anos noto un ambiente distinto na aula; deixou de ser un tema máis, que en xeral deixaba ao alumnado indiferente (coma as guerras de Napoleón) a ser un tema que esperta risiñas polo baixo ou algún comentario provocador. Pero en xeral o alumnado quere saber de verdade, ten curiosidade».

A profesora avanza na explicación, pero a clase alporízase, de novo, cando se centra na falta de dereitos das mulleres durante a ditadura: «profe, xa estamos como sempre, que teima con adoutrinar!». Adoutrinar. Esa é unha das palabras máis temidas nos centros educativos. Os profesores corren o risco de «adoutrinar» se defenden os dereitos humanos ou tentan explicar verazmente o franquismo. Adoutrínase se se explican valores que a ultradereita non admite. En case todos os claustros hai certo temor e «isto está a xerar autocensura, -laméntase Enrique Díaz- un mesmo acaba silenciándose. Algúns profesores arríscanse, pero non de forma colectiva e isto adoita terminar na síndrome de burn out, polo que a maioría evita entrar en discusións con alumnos ou pais. Ademais, non sempre se senten apoiados pola Administración».

Os ocos que deixa a escola están a encherse nos últimos anos coa información que circula polas redes sociais

Branqueando a Franco: os «fachatubers»

Os ocos que deixa a escola están a encherse nos últimos anos coa información que circula polas redes sociais. Durante os últimos anos proliferan nas mozas influencers que a través de Youtube, Tik Tok ou Instagram expoñen sen complexos as súas ideas políticas que, no que respecta á memoria histórica, poderían reducirse a dúas: Franco non foi tan malo porque fixo moito por España, e os «progres» manipulan a historia.
O efecto propagandista destas mensaxes está a calar entre os máis novos. Basta con botar unha ollada ao número de seguidores de Isaac Parejo (Infovlogger): 411.000; un murciano encabronao: 391.000; Los meconios: 231.000; Libertad y lo que surja: 313.000; Alvise Pérez, Javier Negre… e así ata máis de 30 cunha media de 100.000 seguidores.

As súas mensaxes son breves e clarísimas. Sempre agresivos. Infovlogger foi o encargado de dar as badaladas na rúa Ferraz o pasado ano e o seu desexo foi «A tomar polo cú Pedro Sánchez, fillo de puta». O «Cara ao sol» remasterizado é un «hit parade». Ningún destes influencers recoñece ter unha vinculación directa con partidos políticos e alardean de ser independentes, de dicir a verdade. Os adolescentes non ven a tele, non escoitan a radio, pero a través dos seus móbiles seguen a actualidade que se coce neste sistema neofascista, neste universo de «fachatubers» como eles mesmos se denominan.

Aínda que estean a ler informes de censura ou listas de condenados á morte consideran que son esaxeracións dos profesores

Vemos un dos vídeos dedicados a Franco. O ton de voz é moi agresivo: «cando a esquerda apela a Franco tantas veces é que a cousa pinta mal para eles» (…) «Sánchez está a conseguir que todos admiremos a Franco, porque non se pode manipular máis. Din que foi unha ditadura férrea: férrea a de Cuba e todas as ditaduras comunistas que había entón porque os últimos anos o noso xa non era unha ditadura, vivíase de moito nabo». Infovlogger continúa rindo e falando con ton violento: «Que non vos enganen: Franco creou as catorce pagas, moitos hospitais e millóns de vivendas oficiais. Quen se encargou de construír miles e miles de colexios? Agora parece que Franco non fixo nada bo, foder».

Outro vídeo. Los meconios cantan parafraseando a canción «Sen ti non son nada» de Amaral . É Pedro Sánchez quen ten o micrófono: «o meu Franco da alma, meu as na manga, sen ti non son nada». E El Rubicón, un seguidor, contesta cunha mensaxe: «desde que falta don Francisco este país é unha cloaca».
E xorde outra pregunta inevitable. Son estes novos altofalantes dalgúns políticos ou son estes últimos os que repiten as súas mensaxes simples e viscerais? Manuel Mariscal, deputado de Vox, díxoo sen andrómenas: «grazas ás redes sociais os mozos están a descubrir que o franquismo non foi unha etapa escura, senón de reconstrución e progreso».

Buscamos un home poderoso

Aínda quedan dúbidas por aclarar. Por que os adolescentes son especialmente receptivos a estas mensaxes? É necesario quitar unha capa máis, profundar na súa psicoloxía. Isabel Castellanos é psicóloga clínica e traballou moitos anos no ámbito infantil-xuvenil. Achéganos algunhas claves que dan luz sobre outro fenómeno sorprendente: os adolescentes son cada vez máis machistas. «Creo que este rexurdir do fascismo ten moito que ver coas dificultades que teñen os mozos para identificarse cun novo modelo de masculinidade. O feminismo permitiu que as mozas teñan modelos valiosos e plurais que van máis aló das princesas que necesitan que as rescaten. Pero os mozos non atopan arquetipos interesantes aos que emular dentro dos novos valores do feminismo. Que fan entón? Buscan tipos poderosos».

Ademais, existen razóns biolóxicas: «Non podemos obviar que durante a adolescencia se producen moitos cambios biolóxicos que, no caso dos homes, están moi relacionados con auténticos `chutes´ de testosterona que fomentan actitudes de dominio. E aínda que este modelo forte non ten por que ser controlador ou impositivo, non atopan outros exemplos cos que identificarse».

Ou si. Fascínaos o modelo hipermasculino, ese macho ibérico que monta a cabalo e aperta os puños cando posa. E fascínalles a violencia dos discursos dos seus influencers. Son novos, como eles, enténdense moi ben: «cumpren moitos dos requisitos que valora un adolescente: son clandestinos, descoñecidos e case inaccesibles para pais e profesores. E teñen poder e cartos. Ademais, seguen unha premisa moi simple: o discurso emocional ten máis impacto que o racional, lémbrase e repítese moito máis o discurso de alguén dicindo barbaridades en voz moi alta que alguén que elabore discursos ben razoados e baseados na evidencia», recoñece Castellanos.

Algo bo tería a ditadura

Volvamos á aula de cuarto. A unidade dedicada ao franquismo termina cun debate moi elevado de ton. Algúns alumnos, di Carmen Mayán, ofrécense a mostrarlle os vídeos destes `expertos´ que coñecen ben a historia, «non a oficial, a verdadeira». Franco? Bo, desde logo non é tan malo como din os progres.
A estas alturas de século , o auxe da ultradereita entre os mozos parece inevitable. Galicia, polo momento, é unha excepción pois, segundo todas as sondaxes, os adolescentes optan máis por votar á esquerda nacionalista, pero aos poucos vai calando a tendencia do centro de España. Así o confirma Aurora Ballesteros: «en 4º da ESO entenden perfectamente que non poden pintar esvásticas nas mesas, nin dicir `Arriba España´ ou `Unha, grande e libre´, que son chanzas que moitas veces repiten sen saber que significan. En bacharelato, o curso pasado vin por vez primeira por escrito ou argumento `a ditadura algo bo tería, non hai que estudar só o malo´».

Neofascismo neoliberal

Damos voz a Xabier, 17 anos, alumno de segundo de bacharelato: «Eu creo que os profesores se empeñan en explicar só os aspectos negativos dun réxime totalitario, pero, sinceramente, aos mozos dános igual o réxime político porque todos os políticos son iguais». E non dúbida en afirmar: «eu quero traballo, diñeiro para comprar unha casa e un coche e irme de vacacións; a liberdade é prosperar e se iso o dá un goberno totalitario, a min tanto me ten».

Non parece unha opinión illada a de Xabier. Segundo o último informe do CEO (o CIS catalán) sobre valores en Cataluña, os mozos entre 16 e 24 anos son os cidadáns máis dispostos a renunciar a vivir nun país democrático se a cambio lles garante un nivel de vida adecuado. «A min non me dá medo que goberne un ditador: Franco era un ditador, pero na súa época había máis liberdades que agora». Antía responde a Xabier:« eu non sei se a ditadura franquista foi boa, pero está claro que se non houbese unha Guerra Civil agora España estaría fatal economicamente porque gobernarían comunistas. Ademais, se non te metías en movidas políticas vivías como deus».

En case toda España o fascismo está a gañar a batalla cultural entre os adolescentes. «O termo que decidimos utilizar os historiadores é o do neofascismo -dinos Enrique Díaz- non é exactamente fascismo porque, entre outras diferenzas, integra o neoliberalismo. Antes, os poderosos estaban arriba por mandato divino, pero o neoliberalismo achegou unha nova visión: quen chega arriba é porque o merece, porque se esforzou. O modelo neoliberal chegou mesmo a introducir dentro do currículo unha materia que se denomina `emprendemento´ que permite prender neles moi sutilmente as regras do capitalismo».

Isto explica, por exemplo, que os adolescentes non queiran oír falar de comunismo. «A narrativa anticomunista é brutal, está en toda a filmografía de Hollywood . O que se chamou `a traxedia da socialdemocracia´ deu paso á selva neoliberal. E nesta crise os líderes da ultradereita ofrecen un discurso gañador e aglutinador que seduce aos rapaces».

E como non coñecen profundamente o que pasou no noso país, é fácil retomar os modelos franquistas: «En España non tivemos uns xuízos de Nuremberg. España é unha anomalía europea: as democracias fundamentáronse no triunfo sobre o fascismo, derrotárano, pero en España fixémolo sobre o esquecemento do pasado, e os Himmler e Goebbels do franquismo foron ministros durante a Transición».

Provoco, daquela, viva Franco!

Cústanos entender que Franco responda a este modelo anhelado de home forte. Carmen Mayán, profesora de historia, dinos un truco infalible: «cando algún alumno enxalza a Franco, proxecto en clase un vídeo do Caudillo falando coa súa voz afrautada, as súas poses amaneradas…». E certamente provoca risas, certo desencanto, pero ao final gaña o poder: «Franco representa o arquetipo de Zeus, – reflexiona Castellanos-, é un súper Zeus, ridículo, pero potente. Para os adolescentes é un modelo gañador, e de feito foino durante 40 anos. Doutra banda, esa rebeldía propia desta etapa leva a converter o fascismo, e as ideas de ultradereita, nunha forma de rebelarse ante a norma social. E agora teñen moitos modelos nos que fixarse, como Trump, que di e fai barbaridades, pero continua no poder. Ese poder é o que admiran».

Termina a clase. Os rapaces recollen os libros e comentan entre eles. Un alza a voz en canto a profesora sae da aula: «Arriba España!». Outro comeza a entoar «Cara ao sol». Quizá todo sexa froito dunha rebeldía pasaxeira. Ou quizá non.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail