Neste novo episodio co patrocinio de PuntoGal, contamos de novo coa presenza de Esther para seguir afondando nas manifestacións da gordofobia en diferentes eidos da sociedade e dos medios de comunicación.
Revisamos os papeis e os tropos en que se ven encerradas as persoas gordas: case nunca protagonistas e poucas veces antagonistas, con frecuencia vense reducidas a seren o alivio cómico en historias máis dramáticas ou a amiga coitada e sen interese sexual nas historias románticas con protagonistas delgadas.
Aos produtos audiovisuais clásicos, como os filmes e as series, súmanse agora -e con moito menos control- o Instagram e o TikTok cun exército de influencers dispostas a propor calquera desafío de adelgazamento co obxectivo de se faceren virais. Analizamos con estes exemplos os dobres raseiros que fan que as condutas que consideramos intuitivamente aberrantes en persoas con normopeso sexan aplaudidas en persoas con sobrepeso ou obesidade, poñendo a saúde física e mental por detrás do éxito social a través do aspecto.
Tamén analizamos o paternalismo coas persoas gordas, que se manifesta tanto no trato cara a elas como na estigmatización de termos “gorda” e “gordura” e na necesidade de substituílas por eufemismos, tanto na nosa fala cotiá como na publicidade.
Por último, propoñémosvos coma sempre algúns produtos culturais feitos por mulleres gordas e gostosas para o pracer de todas!