En 1983 naceu o certame de canción infantil que durante oito anos convocou en San Sadurniño rapazada de toda Galicia unida polo amor á música e á súa lingua. En cada edición editábase un disco recopilatorio coas mellores composicións, que pasaron a conformar o primeiro repertorio infantil galego, anos antes da creación do Xabarín Club. Esta é a historia dun fito da cultura galega que abriu un camiño moi importante para a normalizacion lingüística, mesmo antes de que a TVG nacese ou a lingua galega entrase na EXB. E tamén é a dos centos de nenas e nenos que compartiron esa experiencia. Que foi da Xeración Cantareliña? Que pasou con aquelas cancións?
Fálase moito da Xeración Xabarín coma se fose a primeira que fixo que os nenos tivesen cancións para cantar en galego, e non o é. Sen quitarlle méritos ao gran fenómeno televisivo dos 90, anos antes de que o Xabarín nacese xa existía un repertorio de case un cento de cancións infantís na nosa lingua, cantadas polos propios rapaces e editadas e empaquetadas en oito discos e casetes, un por ano, que quedaron no esquecemento.
Esas cancións existían porque había un certame no que motivaban a rapaces e grandes a compoñer e cantar cancións en galego para despois ilas defender a un concurso musical. Con semifinais, finais, xurado e gañadores. E premios en metálico. Con retransmisión en directo radiofónica, primeiro en Radio Nacional e despois na Radio Galega. Coa TVG gravando as finais para logo emitilas enteiras ou en anacos. Con moitos nervios infantís, nais orgullosas, pais competitivos, autocares cheos, merenda colectiva e un lugar fantástico onde se celebraban esas finais que xuntaban unhas dúas mil persoas cada ano: o pazo da Marquesa de San Sadurniño, na comarca de Ferrol. Todo iso aconteceu hai agora 30 anos por primeira vez. En xuño de 1983 celebrábase a primeira edición de Cantareliña. A última foi en 1990. E polo medio pasaron ducias de grupos, centos de rapaces, compuxéronse máis de 200 pezas musicais.
Eu fun una nena Cantareliña. Como Ico, Natalia, Toño, Iván, Cristina, Abe, María… Compartimos o recordo infantil dunha historia que é colectiva pero ten outros protagonistas máis medrados. Para empezar, un cura.
Mentres canten os meniños, Galiza será inmorrente
Ese cura é Ramón Díaz Raña, párroco nos anos 70 e 80 de San Sadurniño, na comarca de Ferrol. Nesta vila vivían os irmáns Sanjurjo, Miguel e Martín, que en 1978 formaran o grupo Saraibas. A medio camiño entre o folk e a canción protesta, Saraibas era un daqueles grupos formados por máis de media ducia de homes e mulleres, familia ou parella algúns deles, que comezaron a cantar en galego na transición, despois da xeración de Voces Ceibes. Os máis famosos viñan de Lugo e chamábanse Fuxan os Ventos. E tiñan en común con Saraibas o teren un crego artífice e mentor que empurraba a súa carreira musical e normalizadora. No caso de Fuxan foi Xesús Mato. No caso de Saraibas, o seu amigo Ramón.
Conta Ramón —que hai anos que está secularizado e vive en Cáceres— que a idea de Cantareliña ocorréuselle despois de vivir unha temporada en Roma e coñecer alí o concurso Zecchino D’Oro da RAI, que aínda hoxe pervive. Era un certame no que grupos de nenos participaban compoñendo e interpretando cancións que defendesen valores cívicos, éticos e sociais. Con esta referencia, comentoulles aos Saraibas a posibilidade de argallar un concurso similar en Galiza. A eles gustáballes a idea pero víana inviábel. Nunca antes se fixera nada así. Convenceunos a teima do crego, unida á inquedanza común pola lingua galega e por cómo transmitírllela aos máis novos nuns anos nos que aínda non había TVG nin escola en galego. O cura facía este cálculo: «Se ao ano se crean 50 novas cantigas, aínda que nada máis que cinco cheguen a ser populares e cantadas polos nenos, estamos creando unha riqueza cultural imposíbel de valorar». Ese obxectivo práctico apoiábase nun argumentario teórico elaborado por Raña polo cal o canto e a expresión musical eran fundamentais para o desenvolvemento individual dos nenos e tamén do pobo como colectivo. E resumíase no lema que creou Miguel Sanjurjo e que presidiu sempre o festival mentres durou: «Mentres canten os meniños Galiza será inmorrente».
As institucións autonómicas estaban nacendo, pero Cantareliña xurdiu por iniciativa cívica e comunitaria. Co tempo e con moito esforzo puideron conseguir apoio económico das administracións e tamén da obra social de entidades financeiras, como Caixa Galicia ou a fundación Barrié. Pero o equipo de traballo era reducido: compúñano Miguel Sanjurjo, que se encargaba de toda a comunicación e as relacións coa prensa, seu irmán Martín, que levaba todo o que tiña que ver coas contas, a xestión e a produción do festival e dos discos, e Ramón, que se ocupaba de coordinar os grupos participantes, as delegacións, a eleccións dos xurados, a organización das «fases» (semifinais provinciais) e da gran final en San Sadurniño. Aínda que moita xente colaboraba con eles tamén de forma desinteresada, eles eran quen levaban o peso da organización.
Ao comezo atoparon bastante axuda e o concurso tivo grandes valedores nos medios como Siro López, Antón Luaces ou Xosé Luis Blanco Campaña, que logrou que as finais de Cantareliña fosen emitidas na radio e a televisión públicas do momento. Mesmo chegou a levar ao seu programa da televisión autonómica Ruada varios dos grupos que triunfaban no concurso. A repercusión foi moi grande. En 1984 a final retransmitiuse en directo pola televisión, na segunda canle da RTVE. Cantareliña foi así un pequeno fenómeno de masas nos 80 que non tivo cabida no novo escenario mediático e cultural que se configuraba para os 90. E non foi porque os seus promotores non quixesen facelo evolucionar.
O gran soño de Díaz Raña e de Saraibas era converter Cantareliña nun programa na Televisión de Galicia, un concurso televisivo como o que había na RAI. Sería tamén o xeito de que algunha entidade con recursos e capacidade profesional se fixese cargo do certame, e de facelo aínda máis ambicioso, cunha gran final nun campo de fútbol no que milleiros de nenos cantasen e bailasen e pasasen un memorábel día de festa. A resposta da TVG foi que iso era «moi bonito, pero imposíbel», lembra Raña con certo amargor, sendo consciente dos medios que se puñan para outros programas que segundo el non tiñan tanto interese. A frustración era compartida polos organizadores nas últimas edicións do festival. Despois de oito anos traballando arreo fóra do seu horario laboral para que existise Cantareliña, chegou un momento en que a organización os desbordou. Acumulaban moito cansazo e tampouco notaban toda a calor que quixeran por parte das institucións ou do mundo cultural. E así, a súa criatura morreu despois de editar o disco oitavo, en 1990. Xa non houbo novena edición.
Eu tamén vivín Cantareliña
O que quedou foron os discos, as cancións e o recordo nos centos de rapaces que participamos no certame. Durante vinte anos este recordo foi particular e estivo agachado na memoria familiar ou escolar de cadaquén, pero dun tempo para acó as redes sociais permitiron que nos fósemos atopando e recompilando información. O ano pasado creouse un grupo de Facebook que co lema «Eu vivín Cantareliña» quixo ser un punto de encontro para persoas que no seu día participaran no festival, e ao mesmo tempo un lugar onde compartir fotos e vídeos, que hai moitos na rede, e xogar ao quen é quen: «Coñecedes este grupo? Teredes algún vídeo dos rapaces de Bande en 1984? Recoñecedes esta cativa que toca a frauta?». O grupo creárono Iván Sanjurjo, fillo de Martín, agora dedicado á produción musical e de concertos, e o seu primo Óscar Fernández, zanfonista dos Cempés, que fora tamén músico en Saraibas.
Os máis famosos participantes de Cantareliña foron dous irmáns, que hoxe son a poeta María do Cebreiro e o pianista de jazz Abe Rábade. Pero famosos xa desde pequeniños, porque o seu grupo Nabarquela foi o primeiro en gañar o concurso, en 1983, coa canción que máis se recorda do festival: Chámome Don Polbo. Os compositores e artífices do grupo foran seus pais, os escritores Xesús Rábade Paredes e Helena Villar Janeiro. María e Abe tiñan 7 e 6 anos cando foron a Cantareliña por primeira vez, e chegaron a acadar bastante sona, con actuacións na televisión e mesmo nas festas do San Froilán en Lugo. Lonxe de ser un one hit wonder, Nabarquela participaron en Cantareliña varios anos máis, ampliando o grupo a trío coa incorporación do seu curmán Ovidio, e sempre foron finalistas, con temas como O grilo quere ser bispo, A pipa do meu avó ou A marcha dos verbos. A compositora adoitaba ser súa nai, Helena Villar, que era a máis afeccionada á música —chegou a acompañalos coa guitarra nas actuacións— e a que, desde o primeiro momento en que coñeceu a proposta de Cantareliña ,quixo colaborar activamente, non só participando cos seus fillos senón tamén como xurado algún outro ano.
Outro dos grupos estrela de Cantareliña foi Ledicia, do colexio de Caranza, un dos barrios máis castigados de Ferrol. Baixo a dirección da escritora Ánxela Loureiro e a colaboración musical de Miguel Varela Tranquilo —o finado compañeiro de María Manuela—, Ledicia déronlle ao festival algunhas das cancións máis fermosas e recordadas, como A buxaina brincadeira, As zocas viaxeiras ou Aí vén o tren. Díaz Raña recorda que a primeira vez que escoitou a da buxaina, nunha semifinal en Ferrol, caéronlle as bágoas: «Só por escoitar esa canción xa pagara a pena o invento de Cantareliña». O grupo Ledicia aínda seguiu moitos anos máis, con novas xeracións de nenas e nenos de Caranza, e no 2008 sacou un disco titulado Estiñada, baixo a dirección de Xosé Lastra.
A provincia de Ourense sempre tivo unha forte presenza no festival desde o primeiro ano. En 1983 un grupo chamado Golifada, do colexio Calvo Sotelo da capital ourensá, foi finalista coa canción Cunchas, gaitas e pandeiro. Dous membros desa formación, Ico e Toño, formarían dúas décadas despois Lamatumbá, grupo onde permanece Toño, mentres Ico é agora o vocalista do Sonoro Maxín. Toño recorda como unha vez que compartiron escenario con Saraibas se acercaron a eles para dicirlles agradecidos que eles foran «nenos Cantareliña» e que aquela experiencia determinara a súa posterior carreira musical.
Tamén foi unha nena Cantareliña a actriz e cantante Cristina Castaño, coñecida hoxe pola súa aparición en series de televisión como Aquí no hay quien viva ou Pratos Combinados. O seu grupo, procedente dos Tilos (Teo), foi o gañador da derradeira edición do concurso, en 1990, coa canción Bombo Redondo, que namorou o xurado e o público coa interpretación daquela nena rubia, que cantaba con moita graza e unha potente voz.
Agrupación Juan Vila da Coruña, Soeiras de Bande, Amencer de San Sadurniño, Os Picariños de Cerceda, Fantasía de Campobecerros, Nós de Vilagarcía ou Badalada de Rábade foron outros dos grupos que máis participaron. Viñan de colexios públicos, privados, laicos e relixiosos, mesmo centros de reeducación social, e outros, os menos, eran grupos formados por amigos ou familia. Ás veces eran auténticas bandas ou rondallas, que acudían uniformadas, disfrazadas ou vestidas co traxe tradicional. Buscando «Cantareliña» en Youtube podemos atopar moito material. Por sorte, a organización, e tamén a TVG, teñen gravadas todas as edicións do concurso.
Quizais o legado máis importante de Cantareliña sexan os discos que se editaron coas cancións finalistas de cada ano. Unha discográfica de Madrid, Polydor, encargouse dos dous primeiros. Despois os de Saraibas, que se facían cargo da produción, decidiron crear unha empresa coa que xestionar toda a venda do material discográfico, Edicións Fonográficas Saraibas. Publicáronse oito discos e outras tantas casetes. O propio Martín Sanjurjo encargábase de ir polas tendas a levar a mercadoría. A partir da terceira edición, canda os discos viña un libriño coa letra e a partitura das cancións, acompañadas máis tarde dun pequeno conto relacionado coa historia de cada peza, e tamén de propostas didácticas para facer actividades na aula coa música do festival.
Sanjurjo conta como cada ano profesoras e mestres de todo o país os chamaban para solicitar o disco e o libro para traballar nas escolas. Aínda o fan. Para estes casos o músico de Saraibas creou unha edición caseira dixital en catro CD, tratando de que a memoria fonográfica de Cantareliña non se perdese cos vellos formatos, agora moi difíciles de atopar a non ser en moitos fogares de pais comprometidos dos anos 80, e de nenos que na actualidade temos entre 30 e 40 anos. Escoitar agora todas esas cancións xuntas é abraiante. Hai oito feixes de temas orixinais en galego feitos para nenos, cantados por nenos e que falan de animais, da natureza, de zocas, de muíños, de pantasmas, de viaxes, de amigos, de soños e ata da emigración. E moi pouca xente os coñece ou sabe que algún día existiu algo semellante en Galiza.
Por iso, Cantareliña é como un secreto compartido entre os que estivemos alí. Se cadra é o momento de recuperar esta memoria e de abrir o secreto a máis xente. Pensar en resucitar o certame como tal semella unha idea estraña nos tempos que corren, mesmo para os seus organizadores. Por un lado cren que tería máis repercusión, porque a música e a lingua están moito máis presentes nas escolas. Por outro, teñen claro que se alguén se metese a esa aventura tería que ser de xeito profesional, e que non son bos tempos para obter o apoio institucional que había daquela. O que si se pode facer, e niso está traballando algunha xente da Xeración Cantareliña, é recuperar a memoria do certame a través do seu repertorio, e non só por unha cuestión de nostalxia. Trinta anos máis tarde segue habendo moitas nenas e nenos con ganas de cantar. E hai máis de oitenta cancións en galego desexando ser cantadas.