Tradicionalismos

Achegueime a Malmkrog (2020), película dirixida polo romanés Cristi Puiu, tratando de comprender algúns dos riscos que caracterizan o neotradicionalismo que, a través de personaxes como Alexander Duguin, se extenden pola Rusia post-soviética. A intelligentsia do xigante euroasiático, hoxe demonizado polo pensamento único mediático, semella aferrarse a unha das súas correntes intelectuais máis arraigadas para superar o trauma causado pola «doutrina do shock» neoliberal que arruinou o país nos «felices» anos 90 en que Occidente ría con condescendencia de Ieltsin mentres este descuartizaba a base económica e reducía a esperanza de vida dos rusos de xeito drástico. Occidente refuga agora desas ideas bárbaras e anti-ilustradas, pero naquel tempo de liquidación do legado soviético no que o papa Xoán Paulo II era unha icona pop e Polonia comezaba a despuntar coma o cabalo de Troia ianqui en Europa que hoxe é, o espiritualismo e a relixiosidade de creadores como Tarkovski ou Arvo Pärt eran glosadas como símbolo de sensibilidade fronte a «deshumanización comunista». Paradoxos? Ou golpes da historia que regresan como búmerangs á queixada? Como sabía Karl Polanyi, a sociedade sempre se defende cando o capital pretende a súa utopía. Outra cousa é que o faga como a nós máis nos gustaría.

A estela de pensamento da que falamos tomou, no pasado, a forma de excepcionalismo eslavófilo. Tratábase da contraposición autóctona ao despotismo ilustrado occidentalizante. Pouco se pode comprender a Dovstoieski ou Tolstoi sen ese compoñente. Na pugna sobre que cousa debía ser ou non ser considerado progreso, o excepcionalismo tivo tamén a súa versión subalterna nos Narodniki, os populistas que pretendían preservar a comuna rural rusa fronte a modernización capitalista.

Malmkrog é a adaptación cinematográfica da obra do filósofo Vladimir Soloviev, Tres diálogos e o relato do Anticristo (1900). Algúns críticos compararon Malmkrog con El ángel exterminador de Buñuel. Alén dese paralelismo, eu enxergo no estilo do rumano algo do cinema altamente formalista e intelectualizado portugués dun Manoel de Oliveira ou dunha Rita Acevedo.

Nunha casa aristócrata situada no medio dunha campiña nevada, un grupo de homes e mulleres da alta sociedade pasan unha velada conversando en francés cun estilo argumentativo demorado e educado sobre moral, progreso e diversos aspectos dun tempo experimentado como disoluto. As escenas son pausadas e as coreografías dos contertulios contrastan co movemento rápido e silecioso do servizo. Cada personaxe encarna unha sorte de arquetipo. Hai unha dama que exalta os valores do honor militar. Outra que defende o sentido cristiano do amor. Outro que louva a sociedade comercial occidental e, como alter ego de Soloviev, outro que alerta sobre a existencia do mal e que, desde certo aristocratismo espiritual, reivindica a fe fronte a razón. O filme, lento, teatral, denso, é formalmente tan contrario ao cinema espectáculo hollywoodiense coma o seu contido. Pero se un se arma de valor para rematalo, introducirase nun bo fresco desa corrente espiritualista rusa que referimos. Un tradicionalismo excepcionalista que, mutatis mutandis, tamén é posible atopar na tradición hispana e que, na Galicia dos anos de crise civilizatoria posteriores á Gran Guerra, regresou como corrente –neo á que aferrarse.

Un representante dese tradicionalismo serodio hispano é o tamén galeguista Ramón Otero Pedrayo. Do seu pensamento, acción política e obra trata Ramón Otero Pedrayo. Vida, obra e pensamento (Galaxia, 2021), traballo asinado por Xosé Ramón Quintana e Marcos Valcárcel felizmente reeditado (o orixinal é de 1988) dentro do empeño da editora por recuperar as principais obras dos e sobre os membros da Xeración Nós. A presente edición conta cun prólogo contextualizador asinado só por Xosé Ramón Quintana, dado que Marcos Valcárcel faleceu en 2010.

Otero chega relativamente tarde ao galeguismo e faino ben pertrechado de pensamento pre e antiliberal; aínda que para os autores sexa enxergable no seu comunitarismo católico tamén certo liberalismo individualista á Tocqueville/Chateaubriand. O pouso ideolóxico previo á creación dos Estados-nación modernos é o que, na nosa opinión, permite engarzar con naturalidade os trazos de tradicionalismo hispano co novo nacionalismo republicano crecido ao calor da independencia de Irlanda de 1916 e do principio das nacionalidades consagrado no discurso dos catorce puntos do presidente Wilson en 1918. É ese antiliberalismo primixenio, oposto ao réxime da primeira restauración borbónica, o que dá maior coherencia á alianza entre republicanos e tradicionalistas no seo das Irmandades da Fala.

Ademais de nos idealistas alemáns, nos románticos e nos tradicionalistas franceses, Otero bebeu intelectualmente, dinnos Quintana e Valcárcel, do pensamento antipositivista e místico de Nikolai Berdaiev, outro filósofo ruso discípulo de Vladimir Soloviev. Na liña destes pensadores do país das bidueiras (e non só), a principal característica do galeguismo oteriano, coma do doutros persoeiros de Nós, é a desconfianza cara ás novidades que introducía o mecanicismo e utilitarismo norteamericano, o desprezo das ideoloxías do progreso, así como o rexeitamento do monetarismo propio da sociedade de tendeiros e proletarios capitalista que se comezaba a conformar nas vilas e cidades galegas da altura.

Risco e Otero Pedrayo na Estación do Carballiño nos anos 50. Arquivo Histórico Provincial de Ourense

Fronte isto, Otero propuña unha peculiar utopía elitista na que unha inexistente fidalguía consciente debería tomar as rendas do país e guiar este cara a unha sorte de modelo dual que combinase a nova economía urbana co mantemento da Galicia católica tradicional e inmóbil na que fidalgos e labregos convivirían en suposta harmonía. Fiel ao seu catolicismo ontolóxico, Otero viu con malos ollos a integración do Partigo Galeguista na Fronte Popular, pero a diferenza de Vicente Risco aguantou disciplinadamente no partido e, tras a guerra, foi apartado da universidade polas novas autoridades.

O libro de Quitana e Valcárcel constitúe unha achega plenamente vixente á figura de Otero que debulla tanto o seu pensamento filosófico como a súa acción política pública e o conxunto da súa obra literaria e ensaística. Un personaxe que encarnaba a pervivencia da figura do sabio de cultura enciclopédica e que facía gala dunha gran capacidade para a oratoria. Un ideólogo que, coma Vicente Risco, imprimiu ao nacionalismo da súa época unha moi saudable visión crítica con certos lugares comúns das ideoloxías homoxeneizantes seudoprogresistas aínda hoxe aproveitable. Visión que terá arraigo en moita da intelligentsia do Estado español debido ás características peculiares do século XIX nestes pagos. España era, a este respecto, equiparable á Rusia de Soloviev: un imperio confesional en decadencia e un estado-nación imperfecto que perdera o tren do comercio e da ciencia propio das nacións occidentais. Como estado-nación deficiente, España compartía con Rusia, pero tamén coa Alemaña de unificación tardía, unha tradición intelectual forxada en contraposición ao pensamento ilustrado francés.

Por iso, o pouso do tradicionalismo descentralizador de raigaña habsbúrguica impregna máis espazos ideolóxicos que os do reaccionarismo e enchoupa tamén o pensamento republicano hispano, como mostra a fundamentación que Pi i Margall fai do seu federalismo nos vellos reinos medievais. Uns reinos que, ante o colaboracionismo do absolutismo borbónico co invasor francés, haberían resucitar, de xeito autónomo, en forma de xuntas autónomas de defensa.

E é que a historia das ideas ás veces escríbese de xeito oblícuo, non liñal. Achegarnos a este tradicionalismo ruso e hispano que aquí comentamos ensina, como mínimo, que as ideoloxías, en tanto que decantacións teóricas abstractas, sempre se corrompen, complexizan e mesturan ao tomar terra, ao ter que lidar coas características históricas concretas dos pobos que as acollen. Neste sentido, nunca hai completa tábula rasa. Tampouco hai universalismo sen particularismo. Velaí, se cadra, unha ensinanza para comprender —non necesariamente compartir, tampouco necesariamente rexeitar de todo— o mundo actual no que agroman socialismos confucianos, soberanismos hinduistas, estados plurinacionais de impronta indixenista e neoeslavismos antioccidentais que, ante o devalo do proxecto socialista fermentado no s. XIX e realizado s. XX, están a poñer en cuestión a suposta neutralidade universal do liberalismo anglosaxón, un pensamento-poder que leva douscentos anos impoñendo o seu dominio a todas as nacións do globo a sangue e ferro e que, no presente, comeza a ser seriamente cuestionado.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail