O Goberno galego repartiu 2,2 millóns de máscaras cirúrxicas nas farmacias para aquelas persoas con menos recursos plastificadas co logo da Xunta de Galicia. A iniciativa custou ao Goberno autonómico 952.187 euros.
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou o 24 de abril a distribución de maneira «gratuíta» de 2,2 millóns de máscaras cirúrxicas en farmacias para a poboación con «menos recursos». Xa chegaron aos establecementos para que se poidan recoller a partir do luns 11 de maio e, con previsións de convocar eleccións en xullo, o Goberno imprimiu no envoltorio o logo da Xunta de Galicia. A repartición custou á Administración autonómica 952.187 euros.
Os beneficiarios desta medida de seguridade serán aqueles pensionistas con rendas inferiores a 18.000 euros ao ano e perceptores de rendas mínimas e parados sen prestación, que poderán recoller as máscaras coa tarxeta sanitaria, segundo informou o Executivo autonómico. As críticas cáenlle a Feijóo. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou que estas máscaras proviñan do Goberno central. A Xunta negou estas declaracións e asegurou que «9 de cada 10 unidades» utilizadas polo Goberno galego foron compradas polo mesmo.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Caballero sinalou que a Xunta «fai trampa» porque «quita a etiqueta do Goberno de España» e entrega as máscaras dicindo que proveñen da Administración autonómica. Asegurou tamén que o Goberno local de Vigo «aínda está a esperar» polas máscaras da Xunta e que «todas as máscaras» que se repartiron na cidade veñen de Madrid, do mesmo xeito que as que se reparten no resto de Galicia. Da mesma maneira, comentou nunha rolda de prensa que preguntará «cada día» a Feijóo en «onde está o avión» con material sanitario que prometera «hai 40 días».
No caso de que estas máscaras, que xa están nas farmacias, proveñan do Goberno estatal, descoñécese canta cantidade de diñeiro destinou a Xunta para a impresión do seu logo nos plásticos e que se inclúe nese orzamento exactamente que rolda o millón de euros. En Luzes pedimos estes datos á Administración autonómica e aínda non tivemos resposta.
O secretario xeral de Podemos Galicia e portavoz de Galicia en Común- Anova Mareas, Antón Gómez Reino, postulou a Luzes que «resulta lamentable que Feijóo estea máis pendente de deseñar unhas eleccións á súa medida que de xestionar a emerxencia sanitaria». Ademais, engadiu que facer propaganda electoral «malgastando diñeiro público» cando hai persoas morrendo de COVID-19 nos hospitais e residencias, «é un desprezo a toda a cidadanía». O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, asegurou que os socialistas son «conscientes» de que hai unha estratexia por parte do PP de Galicia de «ocultar a realidade en distintas fases do proceso», e que o grupo solicitou unha distribución de máscaras «moito máis masiva» e unha acción «máis integral» para as primeiras xornadas de desconfinamiento na Comunidade galega.
Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.