Non son moi devoto do becerro de ouro da libre competencia, pero menos aínda do darwinismo electoralista que preside a acción de Goberno en España (e dicir, fago o que me dá votos onde os necesito, non o que se necesita facer, haxa ou non votos). Así que, digan comigo en plan Kennedy: Ich bin ein Deutscher! Wir wollen Deutsche sein!
Porque é a Deustsche Bahn, vía –nunca mellor dito- a súa filial Arriva, quen pediu autorización á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia para operar na liña ferroviaria A Coruña-Porto, con oito servizos diarios, catro cara abaixo e catro cara arriba. A compañía semipública (ou semiprivada) alemá ten previsto facer o traxecto en 2 horas e 46 minutos (máis ou menos o que se tardaba da Coruña a Vigo ata non hai moito), con paradas intermedias en Santiago, Pontevedra, Vigo, Valença e Nine. Renfe-Comboios de Portugal cubren agora ese tramo de 342 kilómetros con dúas frecuencias en cada sentido, cunha duración de 1h,20’ (o tramo galego) e 2h20’(o portugués), ao que lle hai que sumar o que leve o transbordo en Vigo-Guixar (no máis axustado dos casos, arredor de media hora).
A obra pública dun estado de mentalidade centralista non está deseñada nin para atender as necesidades que teñen demanda
Hai quen di (a sección sindical de CGT de Renfe, por exemplo), que o tempo da viaxe non pode baixar das catro horas e pico, que para que o servizo non necesite transbordo en Vigo precísase construír a saída Sur, electrificar o treito todo… e non falta quen critique a Deustche Bahn-Arriva polo servizo que dá noutras partes. O que queiran. Que non vai haber servizo cando o din xa se sabe, que non vai ser a panacea, tamén. Pero o que demostra é que, contra o que se di e debería ser, a obra pública dun estado de mentalidade centralista como o español, e dunha clase dirixente ídem, non só non está deseñada para atender as necesidades que non cubre a iniciativa privada, senón nin sequera para satisfacer aquelas que teñen demanda.
Agora, no que xa teño unha fe máis que relativa é en que haxa competencia de verdade. Supoño que pasará como coa telefonía ou cos combustibles, que o que podes escoller é marca e matices dun servizo caro e malo. Aí é onde se nota tamén a nula vocación de servizo público da Administración. Pero polo menos haberá seis horarios distintos nos que escoller ter mala combinación A Coruña-Porto.