Francis vai de pesca: a operación da ditadura para que o neto de Franco usase os aparellos do «Azor» nun concurso

A Coruña.- A Casa Civil de Francisco Franco, o organismo da Xefatura do Estado encargado da axenda pública e da intendencia persoal do ditador, organizou en 1974 unha operación para que o neto do tirano, Francisco «Francis» Franco Martínez-Bordiú, puidese utilizar os aparellos de pesca do seu iate, o Azor, nun concurso de pesca de atúns en Castellón.

Así figura na documentación á que tivo acceso Luzes-Público e que consta no expediente redactado para o efecto pola Casa Civil do xefe do Estado, segundo a cal se desmontaron do Azor, propiedade da Armada española e ancorado na localidade de Sada (A Coruña) durante as visitas estivais de Franco a Meirás, ata 84 efectos de pesca. Desde canas, luvas e cadeiras ata anzós e sedelas, enviáronse por valixa a Madrid, e desde alí á Comandancia de Mariña de Castellón en tren e en Land Rover baixo supervisión militar, para que Francis Franco puidese usalos na proba.

Detalle do expediente da operación da Casa Civil de Franco que relata a operación para enviar a Castellón os aparellos do «Azor» que ía usar o seu neto.

«Durante a xornada de verán no Pazo de Meirás, o neto maior de S.E. [A súa Excelencia], D. Francisco Franco, trasladouse desde o Pazo a Castellón para participar nun campionato de pesca deportiva do atún», explica o informe, que continúa así: «Con este motivo enviáronse, por medio do enlace da valixa, os efectos de pesca que figuran na relación adxunta a Madrid, desde onde o capitán Rodríguez Giles se encargou de reexpedilos por ferrocarril e en réxime de servizo á Comandancia de Mariña de Castellón da Plana».

Segundo esa relación, desmontáronse e transportáronse «catro canas para atúns e ganchos para subir as pezas a bordo; unha porra para matar os atúns (sic); seis pares de luvas; dúas argolas para os curricáns [unha arte de pesca]; seis culleriñas [un tipo de señuelo]; seis panochas [o mesmo]; seis plumeiros [idem]; catro chalecos para as liñas; dous tinteiros para roscar as cadeiras; un xogo de cadeas para as cadeiras; un carrete de fío para ligaduras das liñas e as drizas de boniteiros; dúas cadeiras de pesca; 18 anzós de curricáns; 42 anzós de cebo para pargo; oito punteiras para os carretes; dous tinteiros para as cadeiras […] e unha caixa cos anzós e pertrechos». Ademais, o documento sinala: «Catro carretes con liñas. Hai que comprar dúas liñas de nailon de 600 metros cada unha».

A comezos de xullo de 1974, Franco sufrira unha tromboflebite que agravara a delicada situación de saúde que xa padecía polo párkinson que se lle diagnosticara unha década antes, e cuxos síntomas o réxime xa non podía ocultar. O seu equipo de seguridade ordenara que unha ambulancia medicalizada acompañase sempre a súa comitiva de coches nas súas viaxes e visitas, oficiais ou non, polo que puidese acontecer. O seu médico de cabeceira establecía diariamente o seu réxime alimentario e farmacolóxico.

No verán de 1974, o estado de Franco obrigou a atrasar ata agosto a súa chegada a Meirás, onde el e a súa familia, incluídos os seus netos, pasaban os veráns desde que rematara a guerra civil. Francis, o fillo maior da súa filla Carmen, tiña entón 19 anos.

Anotación manuscrita do expediente do envío dos aparellos de pesca do «Azor» a Castellón / Arquivos de Meirás

Ao contrario que o pazo de Meirás, que o ditador roubara en 1941 mediante unha falsa operación de compra que permitiu aos seus herdeiros seguir gozándoo ata que a Xustiza lles ordenou hai dúas semanas devolvelo definitivamente ao patrimonio público, o Azor pertencía ao Estado.

O buque, de case 50 metros de eslora, fora construído nos estaleiros ferroláns de Bazán e destinárase ao desfrute de Franco e da súa familia, que o converteron no símbolo das súas estadías estivais en Sada. O interior estaba decorado en madeira, tiña unha tripulación duns 40 efectivos e camarotes para 12 convidados. Franco ordenara dotalo dun equipo completo para pescar atúns, unha das súas afeccións preferidas.

O expediente da Casa Civil non detalla cando se desmontaron eses aparellos para envialos a Castellón, pero a hemeroteca da época si recolle que a finais de xullo de 1974, o Real Club Náutico desa cidade celebrou un coñecido concurso de pesca de atúns, cuxa primeira edición se convocara o verán anterior.

Mascarón de proa e maqueta do ‘Azor’, o iate da Armada que Franco utilizaba para pescar atúns.

Non hai ningunha referencia sobre como quedou Francis Franco no concurso, se é que participou finalmente nel. Pero o expediente da Casa Civil do seu avó recolle que o 5 de setembro «recibíronse no Pazo de Meirás, devoltos desde Castellón ao Palacio de Oriente de Madrid e reexpedidos por valixa ao Pazo» os efectos de pesca enviados para o certame. «Este mesmo día 5 de setembro todos os efectos enviáronse ao iate Azor, que estaba fondeado en Sada», conclúe o documento.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail