A Xunta planea unha lei que lle permitirá forzar a fusión de municipios sen consultar os veciños

A Coruña.- A Xunta de Galicia prepara unha reforma da lei de administración local que limita as competencias dos concellos e das deputacións provinciais e que permitirá ao Goberno de Alfonso Rueda decretar fusións de municipios que atravesen dificultades financeiras e demográficas sen o acordo previo dos concellos que os rexen nin necesidade de consultar a súa cidadanía mediante referendo.

Así figura no anteproxecto de lei elaborado pola Xunta baixo a dirección de Diego Calvo, número dous de Rueda no Executivo galego, conselleiro de Presidencia e expresidente da Deputación Provincial da Coruña. O preámbulo do texto expresa literalmente a intención do lexislador de «promover» esas fusións para «fomentar unha organización territorial máis eficiente, sostible e adaptada ás necesidades do territorio».

Galicia conta con 313 municipios, aínda que máis da metade da súa poboación –un total de 2,7 millóns de persoas– reside en só 15 deles. A Xunta calcula que o 90% teñen menos de 15.000 habitantes, e segundo o Instituto Galego de Estatística máis de 200 teñen menos de 5.000. Unha trintena non chegan ao milleiro. Ademais, a dispersión da poboación é con diferenza a máis alta do Estado: preto do 59% dos arredor de 60.000 núcleos de poboación de toda España están en Galicia, unha das súas comunidades autónomas máis envellecidas e que, con menos do 6% dos seus habitantes, concentra case o 60% dos núcleos que teñen menos de cen poboadores. Segundo os últimos datos dispoñibles, en máis de 1.700 aldeas galegas só hai un veciño.

Incentivo ás fusións

A proposta de Calvo e Rueda propón modificar a lexislación anterior sobre administracións locais –promulgada en 1997 baixo o segundo Goberno de Manuel Fraga–, co, entre outros, obxectivo de «seguir incentivando as fusións de municipios». Desde 1892 só houbo catro, dúas delas neste século: a de Oza dos Ríos e Cesuras, na Coruña, en 2013, e a de Cerdedo e Cotobade, en Pontevedra, en 2016. Aínda que contaron con certa oposición veciñal, ambas foron aprobadas polos respectivos plenos municipais.

A nova norma que formula o PP, porén, establece a posibilidade de que a Administración autonómica, a través da consellería competente –a de Calvo segundo a actual estrutura de competencias da Xunta– poida decretar a fusión de dous municipios ou a segregación dun territorio e anexión a outro cando nun deles «o establecemento ou a prestación de servizos mínimos resulte imposible ou de moi difícil cumprimento», porque vulnerou durante polo menos cinco anos os obxectivos de estabilidade, débeda e regras de gasto, e se atope á vez en situación de declive demográfico.

A Xunta poderá forzar a fusión sen consultar nin os veciños nin os seus representantes políticos nos concellos. «Non será necesario o acordo favorable do municipio ou municipios nos que concorran as circunstancias enumeradas, sempre e cando conste no expediente a aprobación dos demais concellos afectados», sinala o texto.

Aposta

Fontes da Consellería de Presidencia indicaron a Luzes-Público que a nova norma pretende facer unha «aposta polas fusións voluntarias». «Só moi excepcionalmente e no caso de concellos en situacións límite e continuadas no tempo, tanto desde un punto de vista demográfico como económico, esta norma prevé a posibilidade de que a Xunta poida incoar de oficio a fusión deste concello con outro ou outros, sempre co acordo favorable dos concellos limítrofes. Trátase dunha medida absolutamente excepcional e responsable, coa que se trata de garantir a prestación dos servizos básicos a todos os galegos e galegas», subliñan.

«Co anteproxecto da lei de Administración local de Galicia seguimos apostando pola colaboración e cooperación entre concellos, tanto coas fusións voluntarias […] como con outras fórmulas de colaboración intermunicipal como as mancomunidades e como as áreas funcionais de carácter temporal», sinalan as fontes do departamento de Calvo. «Continuamos impulsando medidas que fomenten estas fórmulas», engaden, «como o fondo de fusións ou priorizar municipios fusionados nas axudas» aos concellos.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, este martes no Parlamento de Galicia / PSdeG

A oposición, porén, considera que se trata dunha «aposta excesiva»; que os exemplos de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade demostran que as fusións «non sempre melloran a eficiencia» na xestión; que as medidas económicas para promovelas –como a condonación da débeda coa Administración autonómica– poden actuar como «presión financeira» indesexable, e que a posibilidade de que a Xunta obrigue a elas sen consenso «supón un risco para a autonomía municipal».

«Deberían incluír un referendo previo e aprobación parlamentaria», sostén un informe do PSOE, ao que tivo acceso este diario e que foi elaborado a partir das emendas e obxeccións que formularon á lei varios concellos a través da Federación Galega de Municipios e Provincias e as deputacións provinciais de Lugo e A Coruña, ambas gobernadas por ese partido.

Parroquias e comarcas

Ese informe alerta ademais de que a nova norma laminará a figura administrativa das parroquias, que a lei de Fraga definía como «a verdadeira trama celular da vida local do noso pobo e o seu auténtico sinal de identidade» e á que dotou de carácter de entidade local de ámbito territorial. A reforma legal de Rueda e Calvo nin sequera cita as comarcas, a pesar de que o Estatuto de Galicia, que ten rango de lei orgánica, o segundo chanzo na xerarquía normativa do Estado tras a Constitución, lles recoñece personalidade xurídica.

Tampouco aparecen as comarcas, de especial relevancia na articulación política, social e económica de Galicia e ás que o novo texto só fai referencia na disposición derrogatoria que prevé a anulación de varios preceptos das leis que regulan a súa xestión e desenvolvemento.

A norma laminará a figura administrativa das parroquias, que a lei de Fraga definía como «o auténtico sinal de identidade» de Galicia e á que o Estatuto da comunidade recoñece personalidade xurídica.

A lei que propón a Xunta tamén modifica, segundo o citado informe, o carácter das áreas metropolitanas, que perden a súa condición de entidades locais de ámbito territorial. En Galicia só hai unha, a que agrupa a Vigo e trece municipios limítrofes, que suman preto de medio millón de habitantes e que coordinan a través dela as súas necesidades en urbanismo e ordenación do territorio; mobilidade e transporte público; medio ambiente, xestión da auga e residuos; servizos sociais e emprego, promoción económica, seguridade e emerxencias…

Na área da Coruña, a mancomunidade que agrupa a esa cidade e outros sete municipios que reúnen un total de 430.000 habitantes, non é unha entidade oficial desde o punto de vista administrativo, pero tamén permite a coordinación de servizos similares.

Os opositores á reforma da lei de administracións locais alertan ademais de que derrogará a lei que regula o uso do galego nesas entidades sen ofrecer alternativas para garantir a normalización do idioma do país, e que redefine competencias –servizos sociais, patrimonio histórico, tratamento de residuos, loita contra os incendios, entre outras– e a posibilidade da súa delegación nas deputacións provinciais sen mención á súa dotación orzamentaria.

Servizos sociais

Aos socialistas preocúpalles especialmente que non se resolva o problema dos servizos de axuda no fogar, os SAF, que deben garantir o coidado e a atención a domicilio de persoas maiores, con discapacidade e de familias con autonomía limitada. Contan con máis de 23.000 usuarios, a competencia é dos concellos pero é a Xunta a que debe sufragalos. Os concellos, especialmente os da contorna rural, quéixanse dun infrafinanciamento que os asfixia.

Nese sentido, o estudo alerta de que forzará as deputacións a asumir obrigas orzamentarias –como destinar forzosamente polo menos o 20% do seu orzamento a plans de coordinación municipal– interferindo na súa capacidade de autoorganización e decisión. E, segundo o PSOE, aí radica a relevancia política da reforma: en reducir a autonomía das dúas deputacións con presidente socialista –Valentín González Formoso na Coruña e Carmela López en Lugo–.

«O Goberno de Rueda non entende Galicia desde o territorio, entre outras cousas porque boa parte dese territorio non o goberna o PP. Somos os socialistas quen estamos á fronte da Administración local que dá servizo ao 60% da poboación galega, desde a proximidade e coñecendo as necesidades reais da xente», dixo este luns o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, durante o debate sobre o estado da autonomía no Parlamento de Galicia.

«O Goberno de Rueda non entende Galicia desde o territorio, entre outras cousas porque boa parte dese territorio non o goberna o PP»

«O que fai agora é levar unha lei a asfixia á que xa está sometendo aos concellos con competencias impropias, pero dando un paso máis: esta nova norma afógaos aínda máis, quítalles capacidade de decisión, imponlles máis obrigas e non achega nin un euro para financialas. Estamos ante o peor dos escenarios: máis tutela por parte da Xunta e menos recursos para os concellos. Para o Goberno pode ser cómodo, pero para os gobernos locais supón máis déficit e, para a cidadanía, peores servizos», dixo o líder socialista, para concluír: «Esta lei necesita unha rectificación inmediata: hai que ordenar competencias, garantir financiamento e apostar pola cooperación leal entre administracións, non pola subordinación aos intereses do PP».

O último proxecto de fusión municipal en España foi o de Don Benito e Villanueva de la Serena, en Badaxoz. Os seus alcaldes propuxérono co visto e prace e o apoio da Junta de Extremadura, os seus habitantes aprobárono por ampla maioría nunha consulta celebrada hai catro anos e mesmo pactaron un nome, Vegas Altas, para a entidade resultante. O proceso, porén, non avanzou.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail