«Éncheme de orgullo que o nome de Sargadelos sexa recoñecido en todo o mundo», dixo Isaac Díaz Pardo en decembro de 2011, apenas uns días antes de falecer. El convertera ese topónimo que identifica unha pequena parroquia do concello de Cervo, na Mariña, nun emblema de Galiza, nunha das principais marcas do noso País.
Que pensaría Isaac se vise o nome do seu maior proxecto, o nome de Sargadelos, resoar agora polo mundo adiante ligado a incumprimentos laborais e actitudes propias de pequenos ditadores? Prefiro non pensalo moito porque me enveleno.
Sargadelos non é só un topónimo, nin unha fábrica de cerámica. Sargadelos non é un conxunto de tendas, nin unha vaixela que sacar o día da festa e nas datas importantes. Sargadelos é probablemente un dos proxectos artísticos e estéticos máis vangardistas que se deron até o momento en Galiza.
Hai quen lle critica a Díaz Pardo non ser un grande empresario. Pode ser. O que é innegable é que foi un artista excepcional que, xunto a Luís Seoane, aliñou a arte galega coas correntes artísticas máis importantes e transgresoras do continente europeo. Todo isto creando unha estética propia, galega, recoñecida e recoñecible dentro e fóra de Galiza.
E ese inmenso proxecto tiña un espazo central en Cervo na Fábrica Circular, deseñada polo arquitecto Fernández-Albalat, na que se materializou o Laboratorio de Formas, un espazo físico e creativo deseñado para estudar as formas desenvolvidas no pasado galego e aplicalas aos obxectos industriais. Producir con raíces facendo do que somos o elemento diferenciador e o valor engadido que dá a orixe. «Nós queremos enriquecer o mundo coa nosa diferenza», explicou o propio Luís Seoane.
Un proxecto interdisciplinario, inspirado polo racionalismo e construtivismo soviético e a mesmísima Bauhaus alemana. O seu obxectivo: reconstruír a identidade e a memoria de Galiza a partir das formas tradicionais. Así o explicaban no Manifesto que impulsa o Laboratorio de Formas: «testemuña do cansancio producido polos derradeiros ideás cosmopolitas dalgunhas escolas, o Laboratorio proponse atopar nesas formas esquencidas que tiveron alento durante séculos, e nas que temos herdado, os sinos do seu propio sistema de expresión».
Por que elixiron Cerámicas do Castro para impulsar o Laboratorio na súa dimensión artístico-industrial? Fundada por Raimundo Ibáñez en 1788, foi a primeira fundición de ferro coado en proceso continuo de Galiza. Para Ibáñez, a industria era «a primeira e máis esencial das artes». Á fábrica de función, Raimundo Ibáñez (nado en Santalla de Oscos), uniu a fábrica de cerámica en 1804. Díaz Pardo e Seoane viron neste proxecto, cando volveron a Galiza desde o exilio, a fusión perfecta de arte e industria; tradición, identidade e vangarda.
Daquel inmenso e poderoso proxecto artístico queda hoxe unha empresa en mans dun excéntrico que perverteu por completo os principios sobre os que Luís Seoane e Díaz Pardo ergueron o Laboratorio de Formas e a Fábrica circular. Vímolo estes días de maneira clara no peche patronal decretado polo propietario e administrador único de Sargadelos.
Cara a onde vai Sargadelos, non somos quen de sabelo. O único evidente, palpable, é o abandono do proxecto artístico e estético, o abandono do Museo Carlos Maside, que esmorece, mais tamén o abandono do traballo social e comunitario que impulsaba Sargadelos. Lembrábamo unha veciña, Olga Castro, cando se facían cincuenta anos da posta a andar da fábrica. Lembran en Sargadelos a piscina de uso para a vila, as excursións a pé para facer nós cerámica os venres á tarde, os agostos convivindo con cursillistas internacionais que viñan aprender de balde, as actuacións no auditorio de Sargadelos!
Cara a onde te levan, Sargadelos?
Cando vexades as cuncas que tedes na casa, as vaixelas, as figuras, lembrade que dous homes ergueron máis que unha fábrica de cerámica, uniron este País aos movementos de vangarda europeos e conectaron tradición e innovación fieis sempre á memoria e identidade de Galiza. Algún día teremos que corrixir o erro histórico de deixalo ao pairo en mans de quen non cre nel.