A criminalización das ONGs

O último informe da Corte Europea de Auditores, se cadra a menos coñecida das institucións da UE, denuncia que nos últimos anos Bruxelas entregou preto de 7.500 millóns de euros dun xeito opaco e con pouco control a ONGs. Un financiamento necesario para que estas organizacións manteñan o seu importante labor no eido asistencial, humanitario, sanitario ou social ao tempo que permiten a participación da cidadanía na elaboración das políticas democráticas europeas.

O documento non atopa unha soa evidencia de que as máis de 12.000 ONGs auditadas fixesen un mal uso deses cartos, senón que vén amosar problemas na transparencia coa que se executan os cartos, nas informacións que se piden de volta ou se os proxectos desenvolvidos cadran cos obxectivos das políticas internas da Unión, xa que a Comisión Europea non tería detalladas as actividades financiadas nin tampouco exercería un verdadeiro control sobre o compromiso destas organizacións cos valores da UE.

Porén, a dereita e a extrema dereita botáronse contra as ONGs reforzando un ataque que acontece dende hai semanas, cando se coñeceu logo dunha avaliación interna que a Comisión empregara certos fondos europeos para subvencionar organizacións que logo impulsaban no eido público as medidas medioambientais da propia Bruxelas. Nos seus ataques contra o tímido xiro verde das políticas europeas, máis industrial e enerxético que real en canto a un troco de sistema económico, os ultras vían reforzados os seus prexuízos ecoloxistas e contra certa sociedade civil. A criminalización das ONGs que fan estes grupos vén de lonxe e quen máis a sufriron son, por exemplo, aquelas que salvan vidas no Mediterráneo, acusadas con moita mala fe de colaboraren coas mafias de persoas. Mais, agora, a ofensiva dos ultras está a aumentar, xa que contan con algunha munición das propias institucións comunitarias.

De fondo, hai un desprezo patolóxico ao traballo das ONGs, e máis se manteñen certo compromiso político, porque a extrema dereita e parte da dereita consideran que en Europa o labor caritativo pertence á Igrexa católica; que só ela pode ofrecer asistencia ás persoas nun sistema paralelo ao estatal onde se procura o proselitismo de engordar a comunidade relixiosa.

Hai poucos días houbo unha importante votación no Parlamento Europeo ao respecto. No informe sobre a xestión orzamentaria realizada pola Comisión no ano 2023, o Partido Popular Europeo e os tres grupos de extrema dereita na Eurocámara tentaron introducir referencias e acusacións ao executivo comunitario por, supostamente, empregar as ONGs con eses fins ecoloxistas. Esta pinza contra as organizacións da sociedade civil puido ser derrotada ao tempo que o texto destaca o seu «crucial papel na defensa dos valores democráticos», pero o debate foi un claro exemplo de como evolucionan as correntes de fondo na política europea.

Recentemente visitei o maior centro de refuxiados que existe en Bélxica, un enorme e antigo complexo de oficinas ás aforas de Bruxelas, agora reconvertido polo Goberno belga e unha das comunas (municipios) que forman a metrópole no maior albergue de tránsito para os demandantes de asilo. Son máis de mil persoas con orixes tan diversas como Afganistán, Eritrea, Colombia, escapando da violencia do narco, ou Rusia, pola persecución ao colectivo LGTBI+. Son familias enteiras, mulleres con nenos e nenas, adolescentes a piques de ser adultos que solicitan a protección e refuxio da UE. Mentres as súas demandas se procesan, e poden ser denegadas no sistema de asilo europeo, os cativos son escolarizados nos diversos centros educativos da comuna, os adultos curados nos hospitais belgas e algúns, segundo a súa situación, reciben permisos para poder traballar. Hai nenos ou nenas que deixan de ser analfabetos, hai mulleres operadas de ablacións forzadas, hai homes tratados dos traumas provocados pola guerra, hai familias palestinas das que só quedan eses membros, hai esposas ucraínas agardando polos maridos na fronte de guerra. Viúvas de vivos e viúvas de mortos.

O gasto dese centro ascende a miles de euros mensuais en toda esta atención, a derradeira esperanza para esas persoas, cartos que a ONG recibe de doazóns individuais, de socias e socios, pero tamén dos fondos do Estado ou das Institucións Europeas. Aquelas onde agora medran os xenófobos e os inimigos dunha mínima humanidade.

 

[A imaxe de cabeceira pertence á Axencia Federal de Acollida de Solicitantes de Asilo en Bruxelas]

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail