A normalidade (nova ou vella) [I]

Por primeira vez dende o verán pasado, cando aquí en Bélxica houbo unha tregua pasaxeira, pousei pousón na terraza dunha cafetaría. Levan abertas unha semana, mais eu non tiña présa nin ansiedade especial e só a cola inmensa diante da panadaría Renard animoume a tomar asento. Levaba o caderno de peto comigo nun peto da chamarra e as lentes, por descontado, pois entrei hai anos no club dos necesitados de enfoque (témome que en todos os sensos, mesmo nos invisuais), e daquela todo tan fácil, comezar a escribir. Primeiro unha columna de opinión que sairá unha sexta feira calquera, pois nin sempre van ligadas á actualidade, ou si e non confundo a actualidade co inmediato da reacción, nin tan sequera co socialmente urxente. Se cadra tamén porque a actualidade, por razón desta circunstancia crónica, a pandemia, para entendérmonos, se converteu en rutina aburrida (non todas as rutinas son sinónimo de tedio) de máscaras e distancia, case vulgar. Dicía Borges que, se cadra, a vulgaridade é o normal –el referíase ao fútbol, mais aquí estou para coller o que interesa no meu discurso e arrimar-me a Borges para me dar pátina de intelectual, xa saben, esas pequenas complicidades, eses loureiros na derrota–. Se cadra poucas veces tan certo como agora, tantos anos pasados da súa morte e vaticinio.

Unha vez rematada a columna sobre a amizade (cando os colegas da escola, do barrio ou da aldea te viñan procurar á porta da casa para ir xogar fóra) e as novas formas de sociabilidade por pantallas interpostas, comezo este outro texto sobre a normalidade, que supoño que entendo ao meu xeito como unha situación de excepcionalidade. Explicareime.

Ameaza chuvia. Leva así unha semana e espérase outra no que é clima primaveral, de alternancias hídricas. Non sei ben se, seguindo a Borges, é unha vulgaridade facer o que estou facendo, ou sexa, escribir na mesa dun café e falar do tempo. Vulgaridade tornouse facer a espera diante da porta da panadaría, portar máscara, gardar as distancias, evitar os contactos, ou ter limitado o acceso a unha morea de lugares que eran de tránsito común antes de marzo 2020, cando se estableceu este imbroglio, este nobelo de circunstancias, de paixóns e derivacións inesperadas, que non hai quen resolva de vez.

Un home escribe nunha cafetaría en Bruxelas (Alexandre Dulaunoy | Flickr Commons).

Se cadra a vulgaridade é a vida e a reacción contra a vulgaridade é tamén a vida. Explicaba Ernesto Guevara –o Che non o dicía con estas palabras, sen dúbida, e moito menos en galego, mais esta é a interpretación «liberal» do que el escribiu en Pasajes de la Guerra revolucionaria, que eu lin cando tiña pouco máis de vinte anos e ficou, máis ou menos enferruxado, esperando que as conexións nerviosas o trouxeran de regreso. Vai isto como disclaimer se me trabuco na interpretación. Se o conseguín ou non é outra historia, mais a esta altura da vida non estou para moitas relecturas innecesarias– que saír ao encontro das clases populares non é necesariamente aceptar de xeito cego nin o seu xeito de vivir (de mal-vivir ou ben-vivir, segundo os casos) nin aceptar os seus valores que xa foran mudados polo sistema (isto é, se cadra, máis claro hoxe que no tempo no que escribía Guevara), senón procurar (atopar na ocasión) a esencia, os valores agochados baixo unha pátina de modernidade. En achegándose, pois, analizar os síntomas da doenza social e procurar a patoloxía que está na base dos cambios fisiolóxicos (neste caso, onde o sistema é social e non orgánico, ende ben, os cambios sociolóxicos), que é o que todo médico (científico) fai: observar, analizar e actuar.

É moi importante cada unha das fases e é tamén importante ter sempre a oportunidade de revisar cada unha das etapas en permanencia, pois se non o diagnóstico atinado é imposíbel e, como corolario, o tratamento/solución probábelmente errado/errada. Pasaron moitos anos dende a morte de Guevara (en 1967) e citalo e falar desas palabras chaves (clases populares/revolución) soa definitivamente obsoleto. Así e todo, a min paréceme necesario revisar esa relación, podería dicir mesmo, esa constatación da non-relación entre os políticos de calquera parte do espectro de cores que a luz dá na súa descomposición e as clases populares (ou sexa, a meirande parte da poboación).

Está aínda moi metida nas nosas mentes (as de todos, non se fagan os interesantes, se están lendo este artigo, tamén nas súas) esa metáfora das clases populares como suxeitos neutros que deben ser educados, cuxas características básicas son a puerilidade e as crenzas esotéricas, de xeito que a eles vai dirixida a «lectura en alta voz» que as clases dirixentes ordenan para modular a vontade deses «suxeitos neutros». Que outra cousa que «lectura en alta voz» é a televisión (pública ou privada, non confundir a propiedade dos medios de produción coa mensaxe), onde se lles ofrecen as noticias filtradas, por non dicir dixeridas, dependendo da ideoloxía do quen paga a emisión, sen contexto e sen análise, para consumo directo, ou a series fílmicas (menos inocentes do que podería aparentar a súa pluralidade) para evasión da realidade, para cultivar o bovarismo –termo extraído da personaxe principal da novela Madame Bovary, de Gustave Flaubert. Fai referencia ás persoas que teñen problemas en diferenciar a realidade da ficción, que confunden as fantasías e os soños coa realidade. Confeso que aprendín o concepto recentemente, lendo esa magnífica coetánea de ensaios que Ricardo Piglia agrupou baixo o título El último lector. Por iso Borges, por iso Flaubert, por iso Che Guevara, pois iso se cadra Kafka ou Joyce, que se mesturan e confunden nese libro– de pretender ser outros.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail