Gran mestre da retranca, Mark Twain escribiu cousas tan actuais como estas: «Gozamos de tres bens de inconmensurábel valor: a liberdade de palabra, a liberdade de conciencia, e a prudencia de non poñer en práctica ningunha delas». Pois iso mesmo podemos dicir, con retranca ou sen ela, do que ocorre coa diversidade no Estado español. É unha palabra moi festexada. O da «España plural» foi considerada unha herexía por aqueles a quen se lle rompe España todos os días no concilio do bar Trento ou nunha desas chácharas mediáticas onde presuntos xornalistas aforcan cada día o xornalismo. Mais o da «diversidade» semella ir salvándose, mesmo na ferocidade dos discursos. ¶ Todo o mundo está a prol da «diversidade», cunha excepción. Diversidade, si, pero sempre que non se exerza. ¶ Esa foi unha leccións do «caso Tanxugueiras». Parecía que ía producirse o momento «histórico». Un deses intres nos que ocorre o extraordinario. Terra era a peza ideal. Por calidade, por xeito. Un levedo de madre, unha percusión de raíz con vento vangardista. Un agasallo inmerecido para conxurar un historial máis ben mesquiño, con tanta trapallada kitsch ou directamente «hortera». E ademais, unha canción con excitación afectiva: a mostra viva dunha diversidade lingüística e cultural. Tanxugueiras apareceron como as fadas custodias dun tesouro agochado. ¶ Mais o momento «histórico» acabou, como adoita pasar no ‘ruedo ibérico’, en «momento momentáneo». A diversidade está ben, moi ben, sempre que fique por fóra. Como unha filla da silveira. Por iso o máis acaído, o máis «nacional», foi o termo que tiña o xurado. O xurado «profesional». Os que mandaban de verdade, por riba do «populacho». Agora xa sabemos o verdadeiro modelo democrático polo que devecen os «profesionais» do mando: unha democracia dun 25%. O caso que se comportaron como verdadeiros «profesionais»: cumpriron a misión de frustrar o milagre de que saíse adiante a diversidade, a calidade, o feminismo, o fío sutil entre a vangarda e a tradición heterodoxa… Todo iso había que fanalo. ¶ O que se di nestes casos: Non seredes uns conspiranoicos? Non, nós non cremos na conspiración, pero habela haina. ¶ Velaí a mensaxe do «nacionalismo español profesional»: Diversidade, si, diversidade de «coros e danzas», o folclorismo ben entendido, é dicir, o karaoke da submisión. Non está de máis recordar que aquel festival franquista de «coros e danzas», que se celebraba casualmente o 1º de Maio, transmitido en ondas de amnesia pola TVE, remataba coa cerimonia dunha ofrenda: os diferentes «grupos rexionais» levaban ao palco do ‘Caudillo’ unha mostra dos froitos da terra. ¶ O que mellor pode medir a calidade da diversidade sería o respecto ás linguas. Toda a política lingüística en vigor polos principais poderes reais defínese cunha palabra: hostilidade. ¶ Falen o que falen, as xentes de Galicia, Euskadi, Catalunya, Asturias… están obrigadas por lei a coñecer o castelán. Así o estabelece a Constitución. Falar de castelán, en privilexiada sinécdoque establecida pola RAE, significa falar do «idioma español». A vida do castelán-español non só está garantida polo uso dos falantes senón por imperativo legal. Por exemplo, é a única que pode utilizarse nas Cortes ou nos tribunais superiores. No Parlamento europeo hai 24 linguas oficiais, cos seus servizos de tradución para todas as linguas, dende o letón ao maltés. O custe anual para España de intérpretes non superaría o dos centros florais na Casa Real. Mesmo no Tribunal Constitucional, malia dicir a Constitución no seu título preliminar que «a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección». E dito todo isto, fronte a tanta xenreira «profesional», imos rematar ao noso xeito e con André Breton de altofalante: «Les mots font l’amour». ¶ Si, malia os «profesionais» do odio, as palabras, as linguas, fan o amor.