A noite pasada morreu na Coruña Xan López Álvarez, Lito. Durante moitos anos, para min era Xan, o da Confraría de Pescadores da Coruña. Tardei bastante en saber que tamén era o Lito que fora compañeiro de Moncho Reboiras, e un dos presos da UPG, con Manolo e Marisa de Remesar e Xosé María Brañas, por formar parte da fronte armada.
Xan López nacera en Celeiro (Viveiro) en 1948, e a súa primeira militancia fora cando estudaba Maxisterio en Santiago nun grupúsculo (Comando 1 de maio), do que tamén formaba parte Adolfo Domínguez. A policía atopoulles na pensión un garrafón de ácido sulfúrico para fabricar cócteles molotof, mais Lito puido escapar e exiliarse en París. Volveu co pasaporte do irmán, Vicente, que foi quen o introduciu na UPG, en 1974. Tamén dos que Reboiras escolleu para o xermolo de fronte armada que estaba organizando. Así, Lito participou na operación de asalto á oficina dos carnés de identidade de Lugo, onde se fixeron con milleiros de impresos en branco do DNI e carnés de conducir.
Lito foi detido poucas horas despois da morte de Moncho. Así nolo contaba a Xurxo Martínez e a min en Reboiras. O camiño da rebeldía (Aira Editorial, 2021):
«Dende as 3 da mañá esperei a cita de seguridade de Moncho. Estaba durmindo na casa dos meus pais, que era o único sitio con teléfono que tiña. Ás 10 da mañá chámame meu irmán: “Algo pasou en Ferrol”. Saín ao balcón, era o comezo do que daquela era a rúa General Sanjurjo, e enfronte estaba o cuartel da policía armada. Collín o material máis comprometido e fun ata a parada do bus, onda o muro da Tabacalera, cando de pronto vexo que me segue un sarxento da policía armada, un tipo enorme. A dúbida era saír correndo, que non creo que dese chegado moi lonxe, ou volver para a casa. Volvín e puxen a salvo, na bufarda, o que tiña, dinamita, armas e carnés. Alí estivo o material unha semana, ata que miña nai foi a única que se atreveu a ir a sacalo de alí e darllo a un curmán.
Acabara de baixar e chamou alguén á porta, dicindo que era un viaxante. Cando abrín, algún deles se puxo nervioso e ceibou un par de tiros, eu tirei outro mentres caía para atrás. Menos mal que había un tipo sensato entre eles e que nada máis entrar me deu un culatazo na cabeza que estiven setenta e dúas horas sen saber o que pasaba. Cando espertei foi para encontrarme cun tenente coronel da Garda Civil que estivera de capitán en Viveiro, que me enganchou dos pelos e non había maneira de separalo. Eu limiteime a confesar cousas que podía confesar: dez quilos de explosivo nun ático, as chaves dun coche e dous mil carnés».
Lito ingresou no cárcere da Coruña, con Brañas e Manolo de Remesar e os dous membros de ETApm que viñeran teoricamente darlles apoio. Todos, coa axuda dun preso común, participaron nun intento de fuga que consistiu en cavar un túnel cun garfo, e desfacerse da terra aos poucos no patio ou nos aseos. Cada día, unha cuarta. Segundo Manolo de Remesar, colléronos cando só lles faltaba medio metro para superar o muro exterior.
Liberado coa amnistía de 1977, Lito foi primeiro membro do Comité Central da UPG, e logo foi dos que se escindiron para crear o Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN) e posteriormente a Fronte Popular Galega. Mediada a década dos 80, centrouse na súa actividade na confraría, chegando a ser secretario da Federación Galega.