Pandemia e inmigración, desigualdade en aumento

Unha das consecuencias máis inmediatas e visibles da pandemia da Covid-19 foi a drástica redución da mobilidade. As fronteiras colleron un novo pulo, e pecharon mesmo aquelas habitualmente permeables para os privilexiados habitantes do norte. As restricións de mobilidade estendéronse por todo o globo, e descubrimos con sorpresa que os nosos pasaportes, normalmente todopoderosos, entraban nas listaxes de máximas restricións en moitos países.

Foto: Giorgio Grani en Unsplash. Aeroporto de Frankfurt (Alemaña).

O peche de fronteiras, alén de reducir de forma drástica os fluxos turísticos, implicou unha redución decisiva dos movementos migratorios. Deste xeito, e por primeira vez en moitos anos, a tendencia alcista das migracións virou de forma drástica, frustrando os plans de millóns de potenciais migrantes. Isto é, os confinamentos xeneralizados impiden chegar a miles de persoas a aqueles lugares nos que pensaban establecerse e, ao tempo, impactan de forma especialmente negativa na vida das que xa estaban establecidas entre nós.

Refixiados sirios na periferia de Atenas. Desde 2011, preto de 6,6 millóns de sirios víronse forzados a abandonar as súas casa. Moitos continúan varados nos campamentos de Turquía e Grecia, agardando que se resolva a súa petición de asilo na UE. Foto: Julie Ricard, en Unsplash.

Como era de esperar, a pandemia vai por barrios, acentuando as fendas da desigualdade. Os datos son claros. Alén de padecer maiores taxas de contaxio e mortalidade, estimada polo Instituto Nacional de Estatística Francés ata de dúas veces superior que a da poboación autóctona; a poboación migrante, xa de por si máis vulnerable, tamén está a sufrir en maior medida as consecuencias da pandemia en termos económicos e sociais. Os migrantes están perdendo máis emprego, a súa precariedade e risco de pobreza están aumentando, e padecen, en maior medida, as consecuencias duns servizos públicos debilitados tras anos constantes de recurtes froito da doutrina neoliberal imperante. Así o advirte o Anuario da Inmigración do CIDOB, presentado en febreiro deste ano co título Inmigración en tempos de Covid.

Evolución do número de falecementos rexistrados en Francia entre marzo-abril de 2019 e marzo- abril de 2020, segundo o país de nacemento. Fonte: Insee, statistiques de l’état civil, fichier du 4 juin 2020.

De acordo coa EPA, a práctica totalidade do incremento do desemprego no primeiro semestre de 2020 produciuse entre a poboación estranxeira que acadou unha taxa de paro do 24,9%. Incremento que en termos interanuais, isto é comparando o paro rexistrado en  setembro de 2020 co de setembro de 2019, chegou a un 44,41% entre a poboación de orixe estranxeira, fronte a un 19,68% na poboación nativa. Este impacto desigual pode entenderse pola súa maior precariedade laboral (os migrantes teñen maiores taxas de emprego temporal, parcial e unha maior exposición á economía somerxida) e a súa coñecida maior concentración nos sectores en crise, especialmente no turismo, na hostalaría e no traballo doméstico.

Nin que dicir ten que as súas condicións para o confinamento eran peores, con vivendas de baixa calidade e espazos escasos. Con menos recursos, tamén, para atender o ensino a distancia das súas fillas e fillos.

A corentena, desde a ventana. Foto: Manuel Peris Tirado en Unsplash.

A sombra da migración e a pobreza é alongada, e á escaseza de recursos materiais adoita sumarse a insuficiencia de capital humano e social. Neste senso, as nenas e nenos inmigrantes tiveron que seguir o curso escolar a distancia en fogares con equipamentos insuficientes, e sen o apoio que nalgúns casos se pretendía que tiveran nas súas familias. Hai xa case un século que Virginia Woolf reflexionara sobre a necesidade dun cuarto propio. As nenas e nenos migrantes carecen, en moito maior medida, deses espazos.

A pandemia ten posto máis en valor que nunca a importancia das políticas públicas en momentos de dificultade. As olladas de todo o mundo, mesmo dos apóstolos do libre mercado, dirixíronse con interese ao que acontecía en hospitais, residencias de maiores e escolas. A realidade impúxose e as urxencia obrigaron a abandonar a senda da austeridade imperante na Unión Europea para dar unha resposta colectiva á emerxencia sanitaria. Porén, xa se comeza a escoitar que a senda expansiva ten que rematar, e que o verán podería ir acompañado de restricións do gasto público. É dicir, as autoridades europeas non deberon aprender nada, pois dende logo non interiorizaron que o problema vén da base e que o público non pode ser un recurso de emerxencia, senón un piar fundamental para o benestar da cidadanía.

«Moria é a proba de que a xente vale pouco», cartel en Colonia (Alemaña). Foto: Mika Baumeister en Unsplash.

Neste marco e lembrando decisións do pasado unha non pode máis que preocuparse por cales serán as políticas consideradas prescindibles, cales as primeiras en seren recortadas. Mirar ao pasado ensina, e preocupa, pois pode ser que os nosos gobernos teñan a tentación de volver recortar en políticas de integración, fundamentais para tratar de rachar coa espiral da pobreza, coa herdanza xeracional de exclusión e pobreza que, ata o de agora, están tendo as migracións no noso país. Como preocupa o eco de discursos claramente xenófobos e antiinmigración instaurados con pretendida normalidade democrática no parlamento español. Ignórase, con demasiada facilidade, que os discursos de odio (os de verdade) son sempre a antesala dos feitos de odio.

Foto: Nicola Fioravanti en Unsplash.

Esixir que as políticas que se fagan como consecuencia da Covid estean preocupadas polo 11% de poboación de orixe estranxeira que traballa, estuda e vive entre nós é unha cuestión de dereitos humanos, de xustiza e de calidade democrática ineludible.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail