O problema de Madrid

É moi habitual oír na política dominante e convencional e nos grandes medios de comunicación que lle serven de altofalantes, ou viceversa, que a «España das autonomías» é, na práctica, equiparábel a un Estado federal. ¶ Esta afirmación, convertida case en proverbial, coincide con outro típico tópico en circulación: a España da monarquía parlamentaria vén a ser o mesmo que unha república, cun rei que fai por veces de presidente, coa vantaxe de que non hai nin que votalo cada catro ou seis anos. Semellante descaro non é unha brincadeira nin un esbardalle, polo menos para quen o proclama. Esta banalidade soltada a gurgullo, superficial, non resiste un centímetro de profundidade de análise, mais vén ser o eixe no que se apoia o réxime político no que vivimos. ¶ Na realidade, e verbo da cuestión da estrutura territorial do Estado, está a ocorrer algo aínda máis revirado e kafkiano. Na Constitución recolleuse como matiz substancial o carácter de «nacionalidades» de Catalunya, Euskadi e Galicia, que acadaran unha autodeterminación estatutaria perante a II República. É un dos fíos contemplados para darlle a verosimilitude da continuidade democrática, a conexión republicana, ao réxime de transición. Logo, fíxose todo o posíbel para borrar esa conexión, xusto polos que exercen de modistos ou xastres exclusivos da Constitución. ¶ O proceso vai derivando na maior trapallada cando pasa a dominar o frame, ou marco político, o nacionalismo supremacista e expulsivo español que se alimenta da denuncia dos nacionalismos periféricos, tachándoos de insolidarios e un etcétera de estigmas. ¶ Mais este non é o final do esperpento. O maior separatismo que se exerce na España das autonomías é o da comunidade que é tamén «mega-capital-market», na precisa denominación que do actual Madrid fai o profesor Albino Prada. Ese abuso de máquina centrifugadora en todos os eidos, esta dinámica de imposición unilateral, envolta na ideoloxía farruca de «todo vale», mesmo paraíso fiscal, sería inaceptábel nunha república federal. Este é un dos grandes paradoxos do Estado español, tratado como «espazo vital» do poder unilateral de Madrid. ¶ E aínda hai parvos que din que o Estados das autonomías chegou demasiado lonxe. Si. Os que gobernan a Comunidade de Madrid xa están na estratosfera.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail